Orzamentos 2021; novo pulo a Redondela

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos González, Voceiro do BNG de Redondela

Os resultados eleitorais das municipais do 2019, permitiron a conformación dun novo governo de progreso en Redondela. O apoio do Bloque Nacionalista Galego, á investidura de Digna Rivas como alcaldesa, converteuse no empurrón definitivo, a un bipartito conformado por AER-PSOE. Atrás quedaban oito anos, nos que a alcaldía a mans do PP, levou a este concello a unha situación de estancamento en todos os eidos.

Nun dos puntos dos acordos de investidura, por exixencia do BNG,recollíase que se aprobarían os orzamentos antes do remate do ano correspondente. Ese acordo non se cumpríu, e a realidade é que o Concello de Redondela, manexa uns orzamentos do ano 2018.

Vimos reclamando dende a nosa organización, a necesidade imperiosa de aprobar unhas novas contas, coas que se poida encarar a saída da crítica situación que atravesa Redondela, motivada pola epidemia do COVID-19.

Certo que tanto as inversións dos governos galego e estatal, deben ser as que máis recursos aporten para esta reconstrucción económica e social. Igualmente os Fondos Europeos, a traverso da denomida “Next Generation”, constitúen os piares fundamentais sobre os que se debe cimentar unha nova Galiza. Mais non é menos certo, que con algo máis de dezanove millóns de euros de orzamento, a administración local redondelá tén marxe de manobra. Nesta terna de actuacións orzamentarias, incluiríanse as inminentes inversións de Fondos FEDER, con arredor de 5 millóns de euros; ademáis do arredor de 1’2 millóns de euros procedentes de fondos da Deputación, vía Plan Concellos.

A sociedade redondelá, sempre se amosou dinámica, activa, moi orgullosa de seren de aquí. Os orzamentos municipais, constitúen o instrumento máis importante a dispor da administración local, para fomentar e potenciar este dinamismo. Fomentar políticas sociais que permitan unha atención a aqueles colectivos que maior impacto están a sufrir unha crise que se vai prorrogar no tempo; ordeamento de inversións en infraestructuras básicas que dean de verdade servizo á veciñanza; promoción do tecido sociocultural das diversas parroquias do Concello; orzamentos realmente participativos; reequilibrio entre as actuacións e inversións que se levan a cabo nos núcleos urbáns e o resto de parroquias, serían algunhas das liñas básicas de actuación que dende o nacionalismo consideramos irrenunciábeis.

O ano 2021, pódese converter nun ano crucial para o futuro inmediato dos redondeláns e redondelás. Agardamos dende o BNG, que sexa o dos inicios da reconstrucción, co que debemos levar a cabo unha planificación ben meditada. Para iso os orzamentos revisten unha maior relevanza, se cabe que noutros anos. Non se pode deixar nada á improvisación, para que o noso Concello saia afortalado.

Converter Redondela, nun concello máis humanizado, máis ecolóxico, con maiores cotas de xustiza social, feminista, cunha boa formación dos nosos mozos e mozas, con oportunidades de inversión, proxectos de vida, constitúen eixos nos que se asenta a liña de actuación do BNG de Redondela.

No momento actual, atopámonos ante o reto de trazar as liñas sobre as que se debe asentar un novo modelo de concello. Pola pare que lle toca ao Bloque Nacionalista Galego convidamos hai varias semanas tanto a AER, como a PSOE, a sentarse para dialogar sobre as propostas que cada organización defende. Man tendida e vontade de acordo co bipartito redondelán.

Dende os nosos nosos lexítimos posicionamentos, os grupos políticos debemos, temos que facer o esforzo de sacar adiante proxectos para o conxunto da veciñanza..Acreditamos no BNG, que os Orzamentos21’ constitúen unha oportunidade e un reto para que Redondela a sociedade redondelá, poida exercer todas as súas potencialiadades.