As condicións da nova Troika

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xabier Pérez Igrexas Concelleiro do BNG de Vigo

Como na crise de 2007, a desatada pola pandemia do coronavirus ten a súa propia Troika. Desta volta conformada polo Parlamento europeu, o Consello europeu e a propia Comisión europea. As tres autoridades comunitarias veñen de acordar o regulamento do denominado fondo e recuperación e resilencia, do que o Estado español conta con percibir até 140 mil millóns de euros. Non todo serán axudas directas e haberá préstamos a devolver. No entanto, hai un factor moi importante que fica opacado na propaganda oficial do Goberno de coligazón entre PSOE e Unidas Podemos: a condicionalidade.

O regulamento acordado pola nova Troika fixa que eses recursos non se desembolsarán até que se comprobe a execución de reformas no ámbito económico, laboral e social. Non haberá, como en 2008, “homes de negro”, mais é claro que a axuda europea vai manter no esencial unha estrutura semellante á dos agónicos “rescates” que se materializaron daquela. O cheque a cambio de impor unha determinada orientación das políticas.

A condicionalidade euroopea atinxe cuestións tan relevantes como a normativa laboral ou o sistema público de pensións no Estado español, para alén de insistiren en mecanismos que blinden a doutrina neoliberal do control do déficit e débeda públicas. De entrada as “recomendacións” europeas tencionan frear calquera intento de derrogar as lesivas reformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións. Un paso imprescindíbel para recuperar os dereitos que lle foron saqueados ás clases traballadoras e populares sob a coartada da crise anterior. Non só iso, desde Bruxelas teiman en sinalar que o camiño a emprender é precisamente o de aprofundar na vía da flexibilización laboral, que se traduce na práctica en precariedade e empobrecemento salarial. E tamén en cuestionar a viabilidade do sistema público de pensións, utilizando como escusa o aumento da esperanza de vida. Volver invocar o control do déficit e da débada tan só persigue restrinxir a capacidade de intervención pública para enfrontar as consecuencias sociais que xa se estan a derivar da crise da Covid.

Lonxe da idílica presentación que dos fondos europeos están a facer desde a Moncloa, eses recursos van estar condicionados non xa a impedir a recuperación de dereitos, senón a inviabilzar calquera avance substancial na mellora das condicións materiais de vida e de traballo da maioría social. Aliás, o feito de que grandes compañías do Ibex 35 teñan anticipado a súa intención de optar a 100 mil dos 140 mil millóns de euros que podería recibir o Estado español, agrava a prognose: o cheque europeo pagaremolo con perda de dereitos, pero o diñeiro irá a parar a grandes corporacións. Xogada redonda do capital monopolista, que é para quen traballa a Unión Europea.