Ducias de persoas de todo o estado danse cita en Mondariz Balneario no campionato de España de piragüismo, mentres a súa veciñanza non pode ir a Mondariz

Ducias de persoas de todo o estado danse cita en Mondariz Balneario no campionato de España de piraguimo, mentres a súa veciñanza non pode ir a Mondariz

A pasada fin de semana disputouse na localidade de Mondariz Balneario o campionato de España de piragüismo, retomando as probas que se suspenderan no mes de marzo do pasado ano por mor do obrigado confinamento domiciliario que todos e todas vímonos na obriga de gardar. Alén do estritamente deportivo entre o que cómpre salientar a presenza da bimedallista olímpica Maialen Chourraut , gañadora da proba de K1, chama a atención que un evento que reúne a ducias de persoas ,participantes, familiares , seareiros, se teña celebrado nunhas datas nas que no país galego aínda hai preto de 10.000 persoas enfermas de covid 19, nas que toda a hostalaría está pechada e nas que os concellos están pechados perimetralmente. Varios veciñ@s de Mondariz Balneario puxéronse en contacto con A Nova Peneira para manifestarnos o seu malestar, non pola celebración dun evento que en calquera outro momento pode ser beneficioso para o pobo senón, porque a proba deportiva se desenvolva nun contexto temporal no que eles teñen serias dificultades para poder moverse nun concello con moi poucos servizos, e xa que logo poderen desenvolver as súas vidas con normalidade.

Por outra parte, os organizadores manifestan que os protocolos sanitarios e de prevención son absolutamente estritos, algo que parece desmentir algunha imaxe que nos facilitan na que se aprecia a bastante xente amoreada sen gardar ningún tipo de distancia de seguridade. Puxémonos en contacto co xefe da oposición, o nacionalista César Gil para coñecer a súa opinión ao respecto e maniféstanos compartir a inquedanza dos veciños que expresaron o seu malestar, e o seu desacordo con que tal proba se desenvolvera nestas datas tan complexas para toda a sociedade