Pandemia eólica, no Morrazo tamén

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

Se subimos ao Monte Seixo, en Cerdedo, veremos centos de muíños de vento que se estenden polos cumios dos montes galegos de norte a sur e de leste a oeste.

Desde un avión pódese apreciar mellor a magnitude da desfeita medioambiental que sofre o noso país. O que vemos desde o ar son enormes plantacións de eucaliptos e centos e centos de enormes muíños de vento. Galiza padece hoxe dúas pandemias medioambientais, a dos eucaliptos e a dos parques eólicos.

Os nosos montes están inzados de muíños de vento estragando a paisaxe e afectando á flora e á fauna. Estes aparellos instálanse en zonas de gran valor ecolóxico e paisaxístico, sen importar o impacto, e contan sempre co visto bo e a colaboración do goberno autonómico.

Desde a Xunta, o PP está promovendo a instalación de novos parques nos poucos cumios que están libres deles. Incluso zonas tan sensíbeis como Trevinca e o Courel poden verse afectados por esta pandemia.

Os eólicos: enerxía limpa?

Pode parecer que a eólica é unha enerxía limpa, verde, sen contaminación. Mais a realidade é que o modelo de implantación en Galiza está sendo desastroso para o medio natural pola afectación á flora e á fauna, impide o aproveitamento forestal do monte e provoca un enorme impacto visual.

A maiores destes impactos, o proceso de construción supón un gran movemento de terras, desmontes e apertura de pistas para os camións de grande tonelaxe, a edificación de subestacións, liñas de evacuación, etc.

Podemos afirmar que este modelo eólico estraga os nosos montes.

A quen benefician?

5 grupos empresariais controlan o 55% da produción eólica con 2.700 megavátios e 82 parques eólicos. Iberdrola, Accina, Naturgy, Endesa e EDP, as mesmas empresas que saquean os nosos petos cos recibos da electricidade co visto e prace dos gobernos, sexan dunha cor ou de outra.

Entón de que se trata? De producir enerxía barata para beneficiármonos os galegos e galegas? Non. As grandes empresas promotoras, fundamentalmente de capital estranxeiro, non buscan o noso beneficio, nin mellorar a nosa calidade de vida, só queren incrementar a súa conta de resultados a costa no noso monte e o noso vento.

Só buscan beneficios rápidos para as empresas. Unha vez feito o investimento inicial para as obras de instalación dos muíños de vento os custes son moi pequenos, o mantemento faise cuns postos de traballo mínimos e o control do funcionamento dos parques é desde Madrid.

Ocupan o chan e o monte e, na maioría dos casos, os propietarios reciben unha contraprestación risíbel. Non producen riqueza onde se instalan e tampouco, por moita propaganda que vaian dicindo, crian emprego.

Igual que acontece en calquera país africano cos seus enormes latifundios de cacao ou café adicados á exportación, e propiedade de grandes empresas “occidentais”, os parques eólicos encaixan perfectamente nun modelo colonial onde grandes empresas de capital foráneo levan os beneficios. Producen electricidade co noso vento e expórtana fóra igual que os beneficios económicos. Os cartos vanse co vento.

Galiza sofre un modelo colonial. Produce enerxía barata, fundamentalmente para Madrid a única zona do estado que non xera ningún KW, exporta man de obra e produce materias primas baratas. Do mesmo xeito o deseño das nosas infraestruturas de comunicación está feito mirando para o centro do “reino”, non para articular Galiza.

Quen da cobertura política?

Para que estas empresas poidan actuar deste xeito teñen que ter un marco lexislativo que lles permita facelo.

Desde a época de Fraga, o PP lexislou para favorecer a implantación da enerxía eólica en Galiza e facilitou a especulación mediante a compra e venda de parques eólicos.

Permitiron e permiten a fragmentación dos parques para facilitar a súa tramitación, evitando deste xeito unha avaliación completa dos proxectos sobre o medio, nun exercicio masivo de fraude de lei

Desde o principio, e sen vergoña, houbo un intercambio de papeis entre políticos e consellos de administración. As portas xiratorias non pararon entre as eléctricas e os dous “grandes” partidos españois. Conselleiros e conselleiras, ministros e ministras, presidentes, atoparon un posto cómodo e ben remunerado nas empresas eléctricas.

Hoxe o PP da un paso máis coa Lei de Reactivación Económica, deixando en mas desas mesmas empresas facer e desfacer no monte galego, que permite recortar prazos e garantías na tramitación dos proxectos. Estamos ante unha lei da selva que pon Galiza ao servizo da explotación salvaxe dos seus recursos.

A nosa península, O Morrazo, non está libre desta peste.

No entanto, no Morrazo non somos alleos a esta situación e tamén estamos ameazados cun proxecto de parque eólico en Pedras Negras, promovido pola empresa Enel Green (propietaria de Endesa e de capital público italiano).

Este proxecto, paralizada a súa tramitación polo momento, sitúase entre os concellos de Marín e Moaña, á beira da Mámoa de Gagán. Consistiría na colocación de 14 muíños dunha altura de 175 metros, máis altos que a ponte de Rande.

O impacto visual sería enorme tendo en conta o tamaño, sendo visíbeis desde as Rías de Vigo e Pontevedra, as serras do Barbanza e o Salnés ou desde as Illas Atlánticas.

Esta zona é dunha grande importancia ecolóxica por ser o nacemento de varios ríos e estar cabo da Enseada de San Simón, espazo incluído na Rede Natura 2000 e hábitat de grande número de aves.

Pedras Negras forma parte do espazo natural dos Montes do Morrazo, unha zona de protección de espazos naturais dentro das Normas Subsidiarias Provinciais de Planeamento.

E non podemos esquecer que os terreos afectados polo parque eólico de Pedras Negras son propiedade de varias comunidades de montes que levan adiante explotacións gandeiras e forestais que xeran riqueza e manteñen limpo o monte.

De nós depende que non se leve adiante esta desfeita.