Non, España non é unha democracia plena

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

O pasado nove de febreiro Pablo Iglesias, vicepresidente do goberno e secretario xeral de Unidas Podemos, declaraba que ao seu xuízo “en España non existía unha situación de plena normalidade política e democrática”. As reaccións que provocou tal afirmación, en aqueles grupos políticos sistémicos, son equiparables en intensidade á inmensa obviedade que pronunciou o líder de Podemos, porque en efecto, España non é unha democracia plena. Poucos días despois da afirmación de Pablo Iglesias, o Presidente español Pedro Sánchez era o que , nun acto en Mérida, contestaba ao seu vicepresidente definindo a España como unha “democracia plena”.

Non é preciso acudirmos a ningún dicionario para sabermos o significado do adxectivo plena. Significa chea, que non cabe máis. Unha copa de viño na que o líquido chegue ata o borde mesmo do recipiente está plena de líquido, non cabe unha gota máis de viño. Se a nosa copa simbolizase metaforicamente a España, resulta que xa está plena de democracia?. Pero entón, en España no cabe máis democracia?. A situación na que estamos é o súmmum da democracia?. Se engadimos unha pinga máis de democracia, a nosa metafórica copa vai desbordar de democracia e asolagar de democracia as terras da península ibérica?. Desde logo que a resposta a todas esas preguntas é un rotundo Non. Así por exemplo:

-España non é unha democracia plena porque a xefatura do seu estado é patrimonio perpetuo dunha soa familia ,e os cidadáns e cidadás non temos a posibilidade de decidir sobre algo tan transcendente.

-España non é unha democracia plena porque o instrumento que pretende dotar de validez xurídica á arquitectura do seu estado, a lei para a Reforma Política , foi unha fraude recoñecida polo presidente Adolfo Suárez na famosa entrevista con Victoria Prego no ano 1.995, xa que non formularon o referendo entre monarquía e república pois “haciamos encuestas y perdíamos”. Entón meteron ao Rei no texto da lei.

-España non é unha democracia plena porque o seu sistema político , como a maioría dos estados occidentais após a 2º guerra mundial, está construído para que só poidan ter opcións reais de goberno unha alternancia entre unha forza liberal , a imitación do partido republicano estadounidense, e unha socialdemócrata, a imitación do partido demócrata norteamericano. Entre estas dúas forzas existen diferencias políticas nas cuestións sociais e morais( o aborto, o feminismo, a relixión , os dereitos das persoas homosexuais…..).Pero estas diferencias son case imperceptibles nas políticas macroeconómicas, xa que estas enfócanse a defender os intereses das oligarquías financeiras sempre.

-España non é unha democracia plena porque nos escasos momentos da nosa historia en que houbo opcións de alterar minimamente o seu deseño estrutural, os poderes reais do estado constrúen instrumentos, que simulan ser forzas políticas, para evitalo.Como foi esa cousa con forma de partido político chamada Ciudadanos.

-España non é unha democracia plena porque nos escasos momentos da nosa historia nos que houbo opcións de alterar minimamente o seu deseño estrutural, os poderes reais do estado utilizan , como Bolsonaro, o lawfare para impedilo.

-España non é unha democracia plena porque o poder xudicial non é independente. De feito na actualidade o órgano de goberno dos xuíces está en funcións desde decembro do 2.018.E non se renova porque o PP carece de vontade para perder o control político dese instrumento de poder.

-España non é unha democracia plena porque a Fiscalía xeral do estado é un cargo político.

-España non é unha democracia plena porque non está construída en plena igualdade entre as nacións que integran o estado, senón na superposición dunha das súas nacións sobre as demais.

-España non é unha democracia plena porque un galego falante ten a obriga de coñecer o idioma castelán, pero un castelán falante, veciño de Galicia, non ten esa mesma obriga, senón que ten o dereito de coñecer o idioma galego.

-España non é unha democracia plena porque cando unha parte significativa dun dos seus pobos manifesta a súa vontade de relacionarse co resto do estado de maneira diferente, reacciona aplicando o código penal e as solucións policiais. E non o fai de maneira civilizada como o fixo por exemplo Inglaterra con Escocia ou Canadá con Quebec.

-España non é unha democracia plena porque castigar coa prisión calquera suposto delito de expresión implica que o castigo é superior á suposta ofensa. Por moitas barbaridade que diga, meter a un músico no cárcere polo que di, é unha barbaridade superior a calquera expresión bárbara.

-España non é unha democracia plena porque no seu código penal está tipificado como delito as ofensas aos sentimentos relixiosos e as inxurias á coroa.

-España non é unha democracia plena porque non executou o imprescindible proceso de rexeneración democrática das súas forzas armadas. Así pois resulta aterrador como pronunciamentos pro fascistas non reciben ningún tipo de resposta, mentres que un cabo é expulsado do seu exército por asinar un manifesto en defensa da democracia e de condena a un réxime ditatorial.

-España non é unha democracia plena pola súa vergonzosa inacción con respecto ao Sahara, territorio administrativamente español ata o ano 1976, abandonando á súa estarrecedora sorte a milleiros de persoas que eran cidadáns e cidadás de España.

-España non é unha democracia plena porque os grandes medios de comunicación son propiedade da oligarquía económica e teñen a finalidade de defender os intereses dos seus propietarios.

-España non é unha democracia plena porque a lei non é igual para todos, e supoño que non será necesario pór ningún tipo de exemplo ao respecto.