Esa canción de Silvio

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

O movemento feminista e o movemento memorialístico galegos volveron amosar neste marzo a súa capacidade para repoñerse das adversidades, e debería encherse o ceo de foguetes para indicar que xa van alá un cento de veces. Perseguen fins tan indiscutíbeis en democracia como a consecución da igualdade real entre homes e mulleres e o recoñecemento das persoas que foron asasinadas, vexadas ou extorsionadas dalgún modo pola súa loita contra o franquismo e polo tanto, en prol desa democracia. Porén, á hora da verdade, cando máis apoio necesitan na loita, teñen que facer un esforzo titánico para conseguir que non lles poñan a proa.

O movemento memorialístico galego está a facer historia en Meirás. Capitaneado por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo conseguiu mudar en quince días o que semellaba unha postura inamovíbel do Estado e da Xunta. Ambos gobernos anunciaran que non ían recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, o que supuña aceptar que se destinasen cartos públicos a indemnizar á familia Franco polos anos que ocupou ilexitimamente o Pazo. E peor aínda. Supuña asimilar un relato branqueador do franquismo, que recollía a boa fe da descendencia e ata do ditador na ocupación, e mesmo avalaba que fora un agasallo feito a título persoal ao “caudillo” por ser este un enviado de Deus na Terra. No ano 2021.

O traballo titánico na escasa quincena que había de marxe logrou darlle a volta a unha postura inasumíbel en democracia, e non era a primeira vez. Décadas de investigacións, divulgacións e mobilizacións, iniciadas por media ducia de militantes da Coruña xa posibilitaran, nunha batalla que durante moito tempo se pensou quixotesca, demostrar que non era xuridicamente imposíbel devolver a propiedade de Meirás ao pobo galego. E logrouse. Mais as institucións non aprenderon nada, e axiña, ante o primeiro contratempo que en forma de sentenza complicou a batalla, amagaron con tirar a toalla coa vella escusa das imposibilidades técnicas. Babío e Pérez Lorenzo, en representación do movemento memorialístico e con boa parte da sociedade galega empurrando con folgos, foron quen de facer, de novo, o esforzo titánico de recoller sinaturas, reunirse con partidos políticos, divulgar o que supuña a sentenza para a democracia, e mesmo avalar a existencia de criterios xurídicos para lograr que os gobernos deran o paso que debería ser obvio: recorrer o fallo. E fixérono, por certo, sen recibir nin un só céntimo en todos estes anos de investigación e mesmo de asesoramento ao Estado.

Máis alá do que diga o Supremo, o seu esforzo supón xa unha vitoria sen paliativos ao garantir que ambos gobernos adoptan a única postura posíbel en democracia. Pero, e se chega un día en que se cansen da loita? Canto esforzo máis podemos esixirlles a eles ou ao movemento memorialístico? Canto ao movemento feminista antes de entender que non son asumíbeis as cifras de discriminación das mulleres en materia laboral, salarial ou de reparto de tarefas –e postos directivos-, e se realicen políticas públicas serias para poñerlles remedio?

Hai anos que loito en pro da memoria e o feminismo. E así seguirá sendo. Yo me muero como viví, que dicía Silvio naquela canción imprescindíbel. Mais, antes de que chegue o día, gustaríame sentir que ambas causas (e tantas outras: a sanidade e o ensino público, a xustiza social, o ecoloxismo…) son defendidas con folgos desde as institucións que deberían representarme. Gustaríame vivir un 8M sequera, no que non se usase a pandemia, os dereitos indiscutíbeis do movemento trans, as diferenzas ideolóxicas, ou outra escusa calquera para atacar ao feminismo, que desta volta, coma sempre, deu unha lección de civismo co que si me sinto representada.

Gustaríame, en fin, sentir que un día as administracións públicas, todas, teñen tanta dignidade como a xente que loita por legar un mundo máis digno. E que a ninguén lle fixese falta pelexar con tantos folgos en cada batalla, que é a súa pero que tamén é á miña, á vosa e debería ser a de todas e cada unhas desas institucións que demasiadas veces sentimos absolutamente alleas.