Nova Pescanova lanza o seu primeiro concurso infantil de relatos en galego

Nova Pescanova lanza o seu primeiro concurso infantil de relatos en galego

A iniciativa, denominada “Grumetes polo futuro do mar”, ten como obxectivo promover a concienciación sobre a importancia de protexer os nosos océanos, mares e recursos mariños desde as idades máis temperás.

A compañía dará a coñecer os gañadores para mediados de maio, no marco da celebración do Día das Letras Galegas, como homenaxe á creación literaria nesta lingua. 

O Grupo Nova Pescanova convocou o primeiro concurso de relato infantil en galego. “ Grumetes polo futuro do mar”. É unha iniciativa que persegue dous obxectivos:

favorecer a concienciación sostible respecto á importancia de coidar os nosos océanos, mares e recursos mariños, así como promover o uso da lingua galega entre as xeracións máis novas. Con este concurso, a compañía convida a escolares con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos residentes en Galicia a compartir as súas reflexións a través dun relato dunha páxina de extensión, aproximadamente. Os participantes poderán enviar as súas creacións ao correo electrónico comunicacion@nuevapescanova.com ata o 25 de abril de 2021. Un xurado, composto por membros das direccións corporativas de Comunicación e Relacións Institucionais e de Responsabilidade Social Corporativa do Grupo Nova Pescanova, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Foro Enrique Peinador, valorará os textos recibidos en función da creatividade e orixinalidade dos mesmos, así como do uso adecuado da lingua galega. Entre todos os relatos elixirase a un gañador e a dous finalistas, que a compañía dará a coñecer coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, como homenaxe á creación literaria nesta lingua. O Grupo Nova Pescanova, dedicado á pesca, cultivo, elaboración e comercialización de produtos do mar, mantén un firme compromiso coa xestión responsable dos recursos naturais e coa protección dos ecosistemas acuáticos e do medio ambiente. De feito, foi recoñecida como a empresa pesqueira do mundo con maior contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) das Nacións Unidas segundo o Seafood Stewardship Index elaborado pola Alianza Mundial de Referencias Comparativas (World Benchmarking Alliance).

SOBRE A INICIATIVA DE NOVA PESCANOVA

Desde A Nova Peneira saúdamos con enorme interese esta iniciativa deste grupo empresarial, pois compartimos os dous obxectivos aos que está encamiñada:

-Favorecer a concienciación sostible respecto á necesidade de coidar o nosos océanos

-Promover o uso da lingua galega entre as xeracións máis novas

Así mesmo animamos aos responsables da campaña a que esta sexa a primeira de moitas , expresámoslles os nosos mellores desexos de éxito e convidamos a todas as nosas lectoras e lectores a que vexan con simpatía os produtos de calquera empresa que, como Nova Pescanova, aposte pola protección do noso planeta, e polo coidado do noso idioma.

Tino Lago. Director de A Nova Peneira.