“Que lle pasa ao Depor ?”

RC Deportivo

O Deportivo da Coruña é un equipo de primeira división. Aínda que circunstancialmente estea na 2º división B, a terceira categoría do fútbol español, o Depor é o equipo máis importante da historia de Galicia. Foi fundado o 8 de decembro de 1906. É o Club Decano de Galicia, e é un dos 9 Equipos de España cun Título de Liga e o único en Galicia con títulos oficiais nas súas Vitrinas: 1 Liga de España, 2 Copas do Rei e 3 Supercopas.

Podemos dicir que o seu lema é:

Unha cidade. Unha camiseta. Un escudo. Unha bandeira. Unha historia. Unha imaxe. Unha identidade. Unha paixón. O RC Deportivo é moito máis que un equipo de fútbol. É unha entidade que representa á Coruña e a Galicia alá onde vai, desde 1906. O orgullo dun pobo. Un Club cuxo prestixio traspasa fronteiras.

Sería moi difícil de explicar nunhas breves liñas as razóns que levaron a un equipo, que hai pouco pelexaba de igual a igual contra os grandes de Europa, a vexetar na 3º categoría do fútbol español. Se cadra, e esta xa é unha opinión persoal, o fútbol sexa unha metonimia do sistema capitalista de oligarquías económicas que impiden a ninguén alleo a elas entrar no seu mundo. O Depor durante un tempo conseguino, pero tivo que pagar un prezo moi alto por elo, pois non lle quedou máis remedio que sobre dimensionarse economicamente para poder competir. Un equipo dunha cidade pequena como A Coruña non se podería permitir fichar a Bebeto, Mauro Silva, Diego Tristán e outras moitas estrelas do firmamento futbolístico , como ficharon, a non ser que emprendan arriscadísimas manobras de enxeñería económica. E arriscarse a vivir por encima das posibilidades económicas propias, case con certeza suporá consecuencias desastrosas no futuro. E o futuro xa está aquí. O capitalismo é cruel e cobra as súas débedas sempre. A historia do Depor deu un xiro de 180 grados. Todo comezou a truncarse na temporada 2017/2018, o Depor baixou á segunda división rematando no posto 18 con 29 puntos a tan só a dous da salvación.

Na temporada 2018/2019 a piques estivo o equipo de ascender á máxima categoría do fútbol español despois dunha gran primeira volta na que remataron no 4º posto. Porén na segunda metade da liga as cousas xa non foron tan ben, chegaron a xogar os playoff de ascenso pero non conseguiron o ansiado premio da primeira división.

Despois deste ano en segunda no que chegaron a rozar as meles do ascenso , comezan a temporada 2019/2020 dunha maneira nefasta, eu diría que unha das peores da súa historia. O equipo iniciou a liga cunha vitoria na xornada 1 fronte ao Real Oviedo en Riazor por 3-2 con Anquela aos mandos. Após esa vitoria inicial o Depor encadeou a peor serie de resultados da súa historia con 19 partidos seguidos sen coñecer a vitoria ata que venceu na xornada 21 ao Tenerife en Riazor por 2-1 con gol no último minuto de Peru Nolaskoain xa co galego Luís César aos mandos do equipo. Este nefasto refacho custoulle o posto aos dous adestradores, ao director deportivo e ao presidente da directiva. Tras todas estas dimisións e destitucións fíxose cargo da dirección deportiva do club un grande adestrador do noso fútbol, Fernando Vázquez, , e Fernando Vidal asumiu a presidencia. Semellaba que os cambios necesarios suporían que se conseguiría a ansiada permanencia na 2º categoría do fútbol profesional, pois o equipo encadeou unha moi boa xeira de 7 vitorias consecutivas, que daba vida a un equipo totalmente desafiuzado, por facer unha primeira volta de tan só 15 puntos. Durante a segunda volta conseguíronse 36 puntos sendo o equipo que máis puntos logrou na segunda metade do campionato. Por desgraza foron insuficientes para lograr a salvación por méritos deportivos ao quedar empatados coa Ponferradina a 51 puntos, pero a peor diferencia de goles particular co equipo leonés condenou ao Depor ás catacumbas do descenso. Con esta puntuación, a entidade herculina conseguía o triste récord do descenso a Segunda B con maior puntuación da historia. Todo isto aderezado cun parón de fútbol profesional duns meses provocado pola pandemia mundial do covid19 e un accidentado último partido co Fuenlabrada despois de ter que anular o mesmo por cinco positivos dos seus xogadores e a polémica polos diferentes criterios entre equipo e a LFP, diverxencia aínda pendente dunha decisión da xustiza ordinaria. 

Na presente temporada 2020/2021 non lle están indo mellor as cousas ao equipo xa que o que, por historia , dimensión e orzamento, podía presumirse que o paso do Depor por 2º B sería unha especie de paseo militar, está resultando terriblemente difícil. E a día de hoxe aínda non ten asegurado quedar entre os tres primeiros na fase regular, de feito teno difícil, e polo tanto poder disputar as eliminatorias de ascenso á 2º división. Este mes de marzo esta a ser un tanto caótico eu diría que de infarto, o equipo pasou de estar no 6º posto con 23 puntostras a derrota en Ferrol e practicamente ter truncado o camiño do Depor para poder manter o obxectivo de loitar ata o final polo ascenso a estar no 4º posto con 26 puntos e a 4 do primeiro do grupo, o Zamora e a tan só 1 do terceiro posto que actualmente ocupa o equipo filial do Celta e que dá dereito a xogar a ansiada fase de ascenso.

Todo vai depender da última e emocionante xornada da fase regular. Desde esta redacción estaremos atentos a este Depor. Esperamos que lle saían ben as cousas, poidan promocionar para o ascenso. E nun par de anos queremos telo de novo en primeira División para volver ver xogar ese gran e esperado derbi “Celta de Vigo versus Deportivo da Coruña”que tanto botamos en falta as afeccionadas ao bo fútbol. 

Esta reportaxe está dedicada, con moito cariño, ao noso prezado amigo Mario López Rico.