Manifesto para a eliminación do monumento fascista en Celanova

Comité memoria histórica Comarca de Celanova

ASINA AO FINAL DA LISTA DE SINATURAS QUE SEGUE O TEXTO. GRAZAS!

A vila de Celanova xogou un triste e singular papel na represión posterior ao golpe de Estado de 1936. O mosteiro converteuse nun dos maiores cárceres do país e lugares como o Furriolo, en escenarios de crimes que seguen impunes. A poboación viviu aterrorizada pola ameaza das armas e as elites locais que apoiaron o golpe practicaron espolios e outros abusos.

Na comarca de Celanova houbo intentos notábeis para recuperar a memoria das vítimas e rendéronselles xustas homenaxes. Nesa liña este Comité reiniciou o traballo para seguir desvelando a verdade e completar accións de reparación. Con ese fin impulsamos a seguinte declaración en demanda do cumprimento da lei sobre memoria histórica:

As e os abaixo asinantes, diante da reclamación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova que promove a eliminación do monumento fascista da cruz dos caídos levantada en agosto de 1939 por falanxistas no Outeiro da Obra no termo municipal de Celanova, así como a resignificación do espazo como lugar de memoria, expresamos o noso apoio e sinalamos que:

1. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova acredita que o citado elemento é un símbolo de exaltación falanxista da barbarie franquista e, polo tanto, debe aplicarse a lei de memoria histórica en vigor desde o ano 2007.

2. O Concello de Celanova debe cumprir a lei como primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo e co horizonte de satisfacer os principios de verdade, xustiza e reparación que impulsan o labor dos colectivos memorialísticos ao abeiro das Nacións Unidas. Así mesmo, e dentro do marco da lei, ten a obriga de elaborar un catálogo de símbolos franquistas e ordenar a súa retirada; ademais da retirada de títulos honoríficos e distincións se as houbese, agasallos e nomes de rúas que supoñan a exaltación do golpe de Estado do 36 e da ditadura.

3. Animamos este Comité e as veciñas e veciños de toda a comarca a levantar o manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que desde o seu desempeño profesional, vital e político promoveron os valores republicanos antes de 1936 e que foron represaliados polos golpistas e o poder ilegal que se instaurou no Estado durante as catro décadas seguintes. E aconsellamos que se sinalicen os lugares de memoria, especialmente as foxas, e que se traballe na procura de familiares das vítimas. Alén do estrito cumprimento da lei, cómpre tamén pedir da actual corporación unha declaración de honorabilidade da última corporación republicana e dos funcionarios que foron represaliados.

Consideramos, xunto co Comité, que a eliminación do símbolo fascista que alimentou o medo durante máis de oitenta anos é unha oportunidade para dialogar co pasado, sobre todo con ese pasado que se nos negou: o das vítimas, como eses 7 últimos presos fusilados pola Bandera de Falange de Marruecos en setembro do 39, e cos legados de personalidades como Luís Soto, Pepe Velo, Celso Emilio ou Xulio González, entre outros e outras que foron borradas da historia. E tamén con ese outro pasado que nunca se cancelou de todo porque as destrucións e as inxustizas seguen presentes e o poder que as causou segue presente.

Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
Celanova, 16 de febreiro de 2021.

Informe:

http://www.anovapeneira.gal/wp-content/uploads/2021/03/Informe-1.pdf

Asinar:

https://docs.google.com/forms/d/1SSChuO-oPWyEeUJrnJZVyJ5iukB6CNqmdL3Ee-9YHO0/edit?gxids=7628

Primer comentario

Deixa a túa opinión