Vicki Alonso, voceira do PSOE de Mos

Vicki Alonso voceira do PSOE de Mos

A POSICIÓN DA ALCALDESA NO ASUNTO DE MONTE FAQUIÑA É DELIRANTE.AGORA RESULTA QUE NIDIA DEBE DE SER COMUNISTA E NON ACEPTA QUE UN PROPIETARIO DE SOLO POIDA FIXAR O PREZO DO ALUGUER DA SÚA PROPIEDADE”

A Nova Peneira conversa con Vicki Alonso, voceira do PSOE de Mos para que nos dea a súa visión de como están as cousas no concello da Louriña.

Estás satisfeita do tipo de oposición que nestes dous anos estades a desenvolver?

Sempre se pode mellorar e traballar máis. E seguro que se nos escapa algunha cuestión pero, si que creemos que estamos a desenvolver un bo traballo. Isto queda reflectido en que o goberno local estase a implicar en cuestións como, por exemplo, a igualdade. Quere facer ver que se preocupa un pouco pola igualdade, e iso é grazas a nós. Hai un dito moi do noso país que ben define o que creo que pasa “quen ten cu, ten medo”.

Agora que me mencionas a igualdade, ti tes unha posición moral e política activamente feminista. E o goberno de Mos aparentemente tamén. A posición do goberno municipal é ética, ou só é estética?

É estética. No último pleno do concello, antes do 8M, o PP levou unha moción de igualdade ao pleno utilizando as traballadoras do CIM (Centro de Información á Muller) na que esixían maiores compromisos en igualdade social ao goberno central, cando as competencias en materia de igualdade son do goberno da Xunta de Galicia. Nós presentamos emendas a esta moción porque entendemos que se poden mellorar varias cuestións e non nolas aprobaron dicindo que lle pediamos demasiado á Xunta de Galicia, evidentemente, temos que pedirllo ao organismo competente na materia que neste caso, é a Xunta de Galicia.

Este ano polo 8M non se fixo ningún acto reivindicativo nin sequera houbo ningún cartel ou ningún manifesto institucional, non se fixo nada.

Cales son os eixos nos que estades baseando a vosa labor de oposición?, cres que son suficientes para concienciar a unha maioría da poboación mosense ?

O noso pilar fundamental é facer ver a mala xestión económica que hai no concello co mandato de Nidia Arévalo. Aquí temos un problema de liquidez, pagamos facturas de anos anteriores, levamos arrastrando esta situación moitísimo tempo e facéndonos cargo das débedas a base de pedir créditos. Non se pode ter unha perspectiva de futuro. As poucas inversións que se fan no concello son sufragadas con fondos doutras administracións coma o Plan Concellos da DEP, con investimentos da Xunta ou do Goberno Central. O presuposto do concello non dá pola mala xestión económica que se está facendo.

Cal é a vosa opinión sobre a xestión do goberno local en relación co seu trato cos sectores empresariais de Mos máis afectados como consecuencia da pandemia sanitaria?

O goberno municipal ten máis interese en certas empresas que en atender ás necesidades de autónomos ou pequenos e medianos empresarios. Nidia afirma continuamente que o Polígono da Veigadaña está cheo e non é certo. Ataca continuamente ao Polígono de Monte Faquiña porque é xestionado pola Comunidade de Montes de Tameiga e intenta confrontar aos empresarios usuarios do polígono coa Comunidade de Montes. É moi triste que utilice ao sector industrial, e aos seus empresarios para confrontar á Comunidade de Montes de Tameiga cos nosos veciños.

E en concreto sobre o peche de Pili Carrera, cal é a posición do PSOE de Mos? E como valoras a xestión do goberno local?

En canto soubemos do peche e que os traballadores estaban apostados nas portas da empresa, para facer garda e que non desmantelaran as instalacións, acudimos a falar con eles. Desde o concello atacáronos dicindo que faciamos demagoxia por isto e cando publicamos unhas fotos para denunciar a situación do que estaba pasando en Pili Carrera foi cando a alcaldesa púxose en contacto cos traballadores e chamou a Salomé, a actual mandataria da empresa e filla de Pili Carrera. Esta díxolle á alcaldesa que non había problema ningún e que todo estaba feito de mutuo acordo cos traballadores, xa se desentendeu do tema e non fixo nada máis.

Esta empresa fixo o seu imperio e converteuse na industria que é hoxe grazas ao traballo das súas traballadoras, non sempre tratadas con xustiza. E agora deciden pechar deixando na rúa a moitas familias. Por este motivo tamén presentamos unha moción no pleno e solicitamos que se lle retire a Medalla ao Mérito Empresarial que lle concedeu o concello. Esta é unha medida simbólica pero creemos que é o correcto.

Como cres que evolucionará o tema do Centro Comercial en Tameiga? Atreverase o goberno municipal a continuar a súa agresiva política contra a Comunidade de Montes?

A día de hoxe e coas decisións que esta tomando estanos a demostrar que vai seguir adiante coa súa política. Presentou recurso contra a sentenza das facturas falsas, apoiou no parlamento aos empresarios de Polígono de Monte Faquiña porque falan de que son vítima dunha subida de prezos desmesurada e amezan con marchar a Portugal, cando a realidade e que teñen un contrato moi antigo, cunha rendas moi baixas e agora teñen que actualizalo e pasar a pagar un prezo máis razoable en relación co valor actual do solo . A posición da alcaldesa no asunto de Monte Faquiña é delirante. Agora resulta que Nidia debe de ser comunista e non acepta que o propietario do solo poida fixar o prezo do aluguer da súa propiedade. Por desgraza segue confrontando aos empresarios coa Comunidade de Montes.

As derrotas xudiciais que sufriu a alcaldesa no tema das supostas agresións no multiusos como no asunto das presuntas facturas falsas serán suficientes para que cese no seu camiño de xudicializar a vida política?

Nidia Arévalo é alumna política de Louzán. El tiña un Máster neste tipo de xestións e cacicadas. Nidia entrou na Deputación de Pontevedra da man de Louzan. O mesmo que no Concello de Mos, foi alcaldesa de Mos por unha moción de censura da man de Louzán tamén. O “modus operandi” de Louzan era xudicializar todo na vida política e Nidia fai o mesmo, non o vai mudar, non quere mediar nin chegar a ningún tipo de acordo con ninguén, o seu é a confrontación, canta máis división, mellor.

O goberno de Mos compra o favor de determinados medios de comunicación con axudas económicas desmesuradas?

O Concello de Mos gasta en publicidade máis de 40.000€ ao ano, incluso durante a pandemia. Esta é unha cantidade desmesurada para o noso concello.

Cal é a túa posición sobre a A55 ao seu paso por Mos?

O noso concello está xeograficamente nunha situación privilexiada, no medio de dous concellos cuns polígonos industriais enormes, falamos de O Porriño e Vigo. Este último é o núcleo da nosa Provincia, isto provoca que temos infraestruturas que atravesan o noso concello. Independentemente disto, Mos non pode estar disposto a que todo pase pola vila cunhas condicións abusivas.

E sobre as declaracións de Bárcenas que vinculaba a parte do PP galego na suposta caixa B dos populares?

Observando como é a xestión de Feijoó ao cargo da Xunta de Galicia, poderíame esperar practicamente todo. A xunta non é nada imparcial e posiciónase ao carón dos concellos das súas siglas políticas en todo.

Como valoras o teu paso pola DEP?

Estou aprendendo moitísimo como é o funcionamento da administración por dentro

Comparo a maneira de xestionar que ten a DEP coa xestión do concello e as diferencias son abismais. Na DEP non hai recoñecementos extraxudiciais, non hai contratos a dedo, non hai transvasamento de partidas orzamentarias, limitámonos ao orzamento aprobado, temos un orzamento real. Aquí no concello todo o contrario, sempre se traballa coa mesma xente, e é xente que apoia ao PP. Aquí presupostamos máis ingresos dos que se van a producir, presupostamos gastos irreais, despois modifícanse as partidas e así temos a xestión económica que temos no Concello.

E o trato da DEP ao Concello de Mos?

A alcaldesa non pode ter queixa do trato. A DEP é a que máis fondos transfire no Plan Concellos cun 30% de orzamento. Estes cartos transfírense en base a uns criterios obxectivos independentemente da cor do partido que estea a gobernar, logo son os propios concellos os que administran estes fondos.

E o da Xunta?

Este é moi electoralista, si que apoia ao concello por ser das mesmas siglas políticas, pero máis cando hai unhas elección electorais preto. Meten billetes en inversións para sacar rendemento electoral.

Rematamos Vicki, se eu fose unha veciña de Mos por que tería que confiar no proxecto socialista que ti encabezas?

Este é un proxecto que desenrolamos un grupo de persoas que confiamos en que as cousas pódense facer doutra maneira.

Os veciños poden facer memoria e decatarse de que cando gobernabamos co bipartito fixéronse infraestruturas. Conseguiuse facer o Multiusos das Pozas, por exemplo, e desde que está a gobernar Nidia houbo un parón e non se está a facer ningún tipo de mellora para o concello máis que o asfaltado de estradas. Aquí non temos beirarrúas, as augas canalizadas, axudas para a cidadanía. En definitiva, defendemos un proxecto e unha forma de xestionar onde esteamos todos, sen separación de colectivos e asociacións, non queremos confrontacións entre veciños e queremos apoiar aos autónomos e empresarios do noso concello. Queremos fomentar actividades para os nosos veciños e veciñas para que non teñan que ir a outros concellos a desenvolvelas, fomentar un núcleo urbano para poder ofrecer vivendas en alugueiro e que a nosa mocidade non teña que marchar do concello para poder independizarse. Unha xestión áxil para que os veciños e veciñas poidan solicitar licenzas para construír unha vivenda. Queremos que os veciños poidan quedarse non noso concello e que teñan opcións de vida e de ocio para poder facelo.