O metal pontevedrés convoca unha xornada de folga para forzar a patronal a retomar a renovación do convenio provincial

O metal pontevedrés convoca unha xornada de folga para forzar a patronal a retomar a renovación do convenio provincial

As centrais chaman a seguir negándose a facer horas extras como medida de presión

Vigo, 24 Marzo 2021

Os sindicatos maioritarios no sector do metal da provincia de Pontevedra -CIG, CCOO e UGT- convocan unha xornada de folga o vindeiro 22 de abril para forzar a patronal a retomar as negociacións para renovar o convenio colectivo. A decisión foi anunciada na asemblea de delegados/as e traballadores/as celebrada hoxe nas inmediacións da estación marítima de Vigo.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, foi o encargado de facer pública a convocatoria de folga durante a súa intervención na asemblea, ao tempo que adiantou que detrás desta xornada virán máis no caso de que a patronal continúe coa súa actitude inmobilista.

Lembrou que dende o inicio das conversas co empresariado quedou clara a súa estratexia, “que non é outra que esnaquizar o convenio e precarizar aínda máis o sector”. Por iso incidiu en que “se perdemos esta batalla os convenios que virán serán dramáticos” e salientou que grazas á loita dos traballadores/as este sector logrou convenio dignos “incluso en épocas peores”.

Criticou o feito de que a patronal manteña a día de hoxe a proposta de que o plus de eventualidade se pague a final de contrato, “porque o que está a dicir é que van a seguir roubándolles aos compañeiros/as que se atopan nunha situación máis precaria”. Así como a insistencia en volver a introducir as ETT no sector.

Diante disto, proclamou que “chegou a hora de dar un paso adiante e lanzar unha mensaxe clara e contundente porque temos a razón e a forza para facer que se volvan sentar a negociar un convenio digno”.

Dende os tres sindicatos denunciaron que o persoal do sector leva dende finais de 2019 cos salarios conxelados e sen ningún tipo de mellora nas condicións laborais e sociais como consecuencia da falta de interese da patronal en renovar un convenio do que dependen preto de 30.000 traballadores/as a pesar dos esforzos feitos dende a representación sindical para consensuar unha proposta conxunta.

Plataforma conxunta

O resultado foi unha plataforma que condensa as reivindicacións en varios eixos principais, que pasan pola subrogación do persoal por parte das empresas privadas; incremento salarial acorde ao esforzo dos empregados/as do sector; redución da xornada anual para evitar ter unha das xornadas máis altas da media dos convenios colectivos; control dos Centros Especiais de Emprego; introducir políticas contra o acoso para previr situacións discriminatorias; axeitar o rexistro de xornada ao que marca a lexislación laboral para o control horario; e actualizar as licenzas de acordo coas novas realidades persoais.

Con todo, e ante a inmobilidade da parte empresarial, os sindicatos están dispostos a aparcar a negociación do conxunto do convenio a 2022 sempre e cando se pacte de inmediato a actualización dos salarios, “porque non pode ser que levan conxelados dende 2019 mentres o prezo da vida non deixa de subir”. Esta proposta tamén foi rexeitada por unha patronal “que o único que persigue unha vez máis é aproveitarse da actual crise sanitaria e económica para precarizar aínda máis as condicións laborais”.

Por iso a CIG, CCOO e UGT apostan por unha mobilización contundente para forzar o reinicio das negociacións e por que os traballadores/as do sector continúan negándose a realizar horas extraordinarias como medida de presión.

Reparto informativo en Vilagarcía

Precisamente para apoiar a loita dos traballadores/as do sector do metal da provincia de Pontevedra, a CIG-Salnés levou a cabo este mediodía un reparto informativo anunciando a convocatoria de folga e chamando á participación entre o persoal dos concesionarios de automóbiles de Vilagarcía de Arousa.

Primer comentario

Deixa a túa opinión