Gondomar entrega 100.000 euros en axudas directas aos sectores da hostalería, autotaxi e pequenas empresas para facer fronte aos efectos da covid19

Concello de Gondomar

O Boletín Oficial de Pontevedra publica hoxe as bases das axudas en réxime de concorrencia non competitiva que teñen como obxecto “contribuír ao mantemento dos negocios, afectados pola pandemia, que representan unha parte esencial da economía, crecemento e desenvolvemento local”.

Gondomar 31 de marzo de 2021

Os interesados poderán presentar a súa solicitude a partir de mañá e nun período de 30 días hábiles a través do Rexistro Xeral do concello, formalizando a petición da axuda a través dos modelos normalizados nos anexos II e V incorporados as bases (que poden descargarse na páxina www.concellodegondomar.gal ou na Sede electrónica). Poderán acceder a elas as empresas do sector da hostalaría que pechase ou vise truncada a súa actividade temporalmente nos negocios establecidos en Gondomar; os taxistas con licenza municipal e domicilio fiscal do vehículo no municipio e aquelas pequenas empresas (menos de 20 empregados) e autónomos cuxa actividade tamén se vise truncada pola pandemia.

En total o goberno de Paco Ferreira poñerá a súa disposición 100.000 euros procedentes da modificación orzamentaria en modalidade de crédito extraordinario financiado con remanente de Tesourería. A súa concesión será en forma de axudas directas: 1000 euros a restaurantes e salóns de banquetes de ata 250 m2 e de 1.200 euros no caso de que a superficie sexa superior. Cafeterías e bares, que cumpran os criterios recollidos nas bases, subvencionaranse con 1000 euros, cantidade que será de 100 euros no caso dos taxistas e de 300 para os autónomos ou empresas pertencentes ao comercio menor.

Tras máis dun ano de pandemia e continuos peches obrigados polas restricións sanitarias no control do avance da covid19 son moitos os negocios que se viron afectados e “desde o noso goberno non nos quedamos nin quedaremos cos brazos cruzados ante as necesidades da nosa veciñanza, e por iso seguiremos promovendo iniciativas e axudas que permitan a súa recuperación para facer fronte á crise socioeconómica á que nos enfrontaremos unha vez superemos a sanitaria”, afirma Paco Ferreira.

O rexedor lembra “que non é unha competencia propia ou delegada dos concellos este tipo de subvencións, pero ante a falta de resposta máis directa e eficaz por parte doutras administracións non podemos abandonar aos nosos hosteleiros e comecirantes. Ademais -lembra- nestes casos todos debemos remar na mesma dirección”.

Confía en que a concesión destas axudas sirvan para dar un respiro á economía local destacando que hai que ir máis aló da dinamización e a creación de maior número de empresas, e aposta por traballar desde o deseño de mecanismos necesarios para que sobrevivan as que xa están en marcha “vitais para a recuperación do emprego, polo que todas as iniciativas que apunten nesta dirección deben ser unha prioridade para nós como goberno”, conclúe Paco Ferreira.