A Concellería de Patrimonio Restaura a Fonte da María Rosa En Pontellas

A Concellería de Patrimonio Restaura a Fonte da María Rosa En Pontellas

Están a rematar as obras de restauración da Fonte da María Rosa en Pontellas. Despois de anos en estado de abandono, a Concellería de Patrimonio que dirixe o nacionalista Pedro Pereira, está a levar a cabo obras de mellora e conservación neste elemento patrimonial municipal. O proxecto execútase con cargo a unha liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra. O orzamento ascende a 9.769 €.

As obras inclúen a construción dun novo fronte a base de lousas de pedra e a instalación dunha placa en metacrilato que recupera o nome tradicional, Fonte de María Rosa. Demoléronse as antigas escaleiras de baixada e habilitouse un novo acceso máis seguro dende unha zona pavimentada. Revestíronse tamén con pedra os muros de contención para conseguir harmonizar esteticamente o conxunto arquitectónico. Na contorna da fonte leváronse a cabo traballos de rozado así como o encintado e saneamento das xuntas dos muros que rodean o lugar.

“A fonte estaba en moi mal estado, cun perigoso acceso que impedía un uso seguro e normal por parte da xente”, afirmou o concelleiro de Patrimonio, Pedro Pereira. “Queremos recuperar espazos públicos tamén no rural. Con estas obras de mellora e conservación a Fonte de María de Rosa gaña en utilidade e convértese nun lugar de encontro para a veciñanza”, concluíu Pereira.

Primer comentario

Deixa a túa opinión