Mandas ao redor de Isaac Díaz Pardo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Conciliar vontades ao redor dun ser singular, mesmo tan poliedricamente argumentado, como Isaac Díaz Pardo é un labor encomiable e unha causa complexa, mesmo de difícil discurso e tamén de posterior espallamento. A persoa ao redor da cal se trazaron rostros e lembranzas, nalgún caso semellanzas, é un ser asimétrico e de complicada conciliación harmonizada. Aínda así e sabendo que precisa de moitos trazos, moitas visións e perspectivas aí vai un enlace para dar con elas. Recoñezo nesa persoa a un xenio das artes plásticas e da interpretación, a unha persoa capaz de sintetizar pluralidades, de asumir críticas, de saberse do lado dos perdedores para desde alí dar batalla e asumir derrotas sempre e sobre todo canto se trataba de atribuírse as responsabilidade da mala xestión que levou aos frouxos resultados, aínda que non fose propia. Sei da súa capacidade especial para ver e para prever, para esculcar e ponderar, para ser capaz e único.  Por iso recoñézolle virtudes difíciles de asumir e transmitir, esas que falan do ser humano na condición máis básica, na de sufrir a historia e desde ela querer un mundo mellor. Recoñezo á persoa que coma todas -xa sabemos- cos seus defectos e imposibles, fixeron posible un soño común de pertenza e propiedade, de honra de ser. Son duascentas e moitas colaboracións que seguro dan unha imaxe aproximada da grandeza do político, escritor e artista, do xenio creador e pensante, do testemuño de tantos aconteceres pasados da nosa intrahistoria e da historia aínda nunca de nós contada. Algunha, ben sei, resultarán estrañas, textos escritos, esculturas, gravados, pirogravados, ilustracións, poemas, caricaturas, cerámicas, colaxe, instalacións, fotografías, arte conceptual, corporal, mural ou foto impresión e bordado. Son expresións artísticas, palabras, músicas, cancións, ouriverías, téxtil, poesías, fotos, narrativas, ensaios ou prosas, obras en definitiva que se abeiran na memoria colectiva dunha xente,  mulleres e homes dun mesmo proxecto asociativo de “alento esbravexo”, cunha única proposta: https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/, que seguro servirán para restaurar un pouco o agradecemento e valor debido a quen tanto deu por Galiza, alguén que aínda ecoa nos actos de dignidade e honra desta Casa. Eu ben sei que, nesta relación de xente, faltan moitas persoas que puideron, mellor ca moitos dos que estamos, dar conta máis precisa, moito máis atinada. Sei, e non vou dar nomes, de amigos e colaboradores, de xente que compartiu loitas e soños, horas de traballo e que non foron convocados tendo máis dereito ca outros que aquí constan. Ben que o sinto. Mais reparade no acerto dun primeiro intento, pois algúns dos traballos e expresións son verdadeiramente xoias nas que todo se aprecia e nota, todo transcende incluso as intranscendencias, sobre todo cando é o enorme agarimo expresado en matices, formas ou en verbas, lembranzas da fonda pasada que nos deixou. Sobre todo reparade naquel enorme exemplo, o agasallo da súa obra e en sabernos agradecidos de cadrar con el.