A Mesa insta a Xunta e Estado a dialogar sobre o galego e a acatar as recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa

A Mesa de normalización A Nova Peneira

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2021

O Consello de Europa vén de facer público o informe de avaliación a medio termo do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo Comité de expertos deste tratado internacional, onde se constatan de novo os incumprimentos respecto ao galego. O documento insta ademais a informar das accións tomadas para cumprir o tratado antes do 1 de agosto de 2023.

O informe sinala a gravidade da situación no ensino, indicando que segundo o compromiso do Estado e da Xunta “o ensino debe ter o galego como lingua de instrución” e que “o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español”, polo que “non todas as limitación ao ensino en galego foron eliminadas” tal e como está comprometido. Neste sentido alerta sobre o feito de que o 23,9 % de menores de 15 anos non sexan capaces de se expresaren en galego.

A respecto da Xustiza, o Consello de Europa continúa a insistir na necesidade de asegurar o uso do galego nos procedementos xudiciais a petición dunha das partes, a través da reforma da Lei orgánica do poder xudicial.

O Consello de Europa insta ademais a incluír a protección do galego nos estatutos de Asturias, Castela e León e Extremadura nos territorios destas comunidades autónomas onde se fala. o ignored

o ignored  

Presións do Goberno español e XuntaA Mesa pola Normalización xa denunciou en febreiro deste ano as manipulacións do datos oferecidos polo Estado ao Comité de expertos para esta avaliación, que foron contestados pola Mesa a petición do propio comité de expertos. O informe documentado e detallado presentado pola Mesa foi tido amplamente en conta polo Comité de expertos que non cedeu á presión do goberno español e da Xunta.

A Mesa insiste en que a Xunta debe sentarse, falar e chegar a un acordo sobre o galego no ensino cos sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, asociación de nais e pais e a propia Mesa, que elaboraron unha proposta de bases para a normalización no ensino, a única proposta existente neste momento que cumpre coas exixencias do Consello de Europa.

A entidade en defensa da lingua xunto a outras entidades do Estado presentou o pasado 9 de marzo unha iniciativa no Congreso instando a facer efectiva a Carta Europea das Linguas. Aínda que finalmente foron aprobados 3 dos 8 puntos propostos, a Mesa séguese a coordinar coas outras entidades para que o Estado avance no cumprimento dos seus compromisos e nuns días anunciarán novas accións.