Federicas e Froiláns

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

Estou comezando a escribir estas liñas, para tod@s aqueles que teñan a ben botarlle unha ollada, pensando no seguinte: que carallo me importa a min o que fagan ou deixen de facer estas rémoras? (utilizo este adxectivo porque lles ven feito a medida, non creo que haxa outro mellor, sen caer na inmundicia da descualificación e do insulto) Parece unha gilipollez pero non o é. Da súa forma de comportarse extráense conclusións que nos indican máis unha vez, a pesar do que digan pseudorrepublicanos e o resto do centro-extremo, que este é un país no que a súa democracia aínda lle queda un cacho para ser medio normal. Podo entender que a rapazada estea ata as narices. Un ano para eles é equiparable aos sete anos caninos. Imaxinen que con 17 os teus pais te castiguen 3 meses sen saír da casa, que che rouben 90 días da túa vida. Logo, cando che levanten o castigo, impoñenche un réxime de terceiro grao. Nin visitas a bares a partires das 6 e como moi tarde as 10 da noite na casa. O que si teñen claro, os poucos que se saltan as normas, é ao que se expoñen si os pillan. Sancións económicas, desprezo da sociedade en xeral, enfrontamento coas forzas da orde ou agresións policiais. Se non que llo pregunten a rapaza de Benidorm, abatida e mallada por dous policías nacionais cando paseaba, soa, sen máscara pola rúa. Agora estará lamentándose de porque os seus pais non a bautizaran como Victoria Federica. Pero Vik e Pipe son diferentes. Chega a Semana Santa e as autoridades sanitarias avisan do perigo dunha vaga aínda máis perigosa. Mais eles son outlaws 4.0 de última xeración, e ao igual cos seus modelos máis antigos, con prestacións en forma de tarxeta black. Ámbolos dous deciden botarlle parafina a súa táboa de surf, amarrar o cable co velcro ao nocello e surfear por riba da cresta que os levará directamente a Marbella. Dende alá arriba, descojonándose de risa e saltándose os controis perimetrais das diferentes comunidades, miran cara abaixo pensando: menudos pringaos! Mentres os moz@s e súbditos dos susoditos teñen que agocharse en pisos para tentar, sen moito éxito, pasar desapercibidos, a Federica e Froilán se la suda que as súas fotos copen as portadas dos xornais Da sanción, en caso de que lla poñan, xa se fará cargo dela papi, mami o el abuelete. O seu tío non creo, cun presuposto anual de 8.431.150€, fáiselle duro chegar a fin de mes. Isto que parece unha travesura de dous nenos pijos é un síntoma máis da degradación da sociedade na que vivimos na que os mesmos delitos, dependendo de quen os cometa, teñen castigos diferentes.

Cada vez faise máis difícil de aturar esta continua tomadura de pelo e o bochorno que produce escoitar a parte do goberno dicir que os comportamentos persoais no afectan a institución monárquica. Froilán de Todos los Santos, aínda que poucas, ten posibilidades de ser Rei de España e si non respecta as normas, coma os demais plebeos do Reino, é porque se sente ao marxe da lei por formar parte do entramado monárquico.

Todo o que arrodea este tinglado apesta, xa non sei que máis ten que pasar para botalos a gorrazos. Dende logo nós nunca os botaremos, nin polas boas nin polas malas. Estamos moi ben domesticados. Para que desapareza a monarquía terían que nacer Borbóns sensatos e honrados que se decatasen dunha vez por todas de que isto non se sostén e que renunciaran á coroa. Eu teño depositada toda a miña confianza en Leonor e creo que vai ser ela a que asuma esa responsabilidade. A rapaza apunta maneiras e pode darse a paradoxa de que sexa ela a que explique e convenza aos monárquicos, sempre dende unha pedagoxia de fácil comprensión, de que xa somos maoirciños para vivir sen eles.