Rita Iglesias Blanco. Activista da Terra de Montes

Rita Iglesias Blanco. Activista da Terra de Montes

En A Nova Peneira temos defendido moitas veces que a unión da sociedade civil é o camiño máis adecuado para combater con éxito calquera abuso e inxustiza. Hoxe traemos ás nosas páxinas a Rita. Ela é unha moza de 29 anos de idade natural de Quireza ,unha parroquia de Cerdedo, no concello de Cerdedo-Cotobade , e está desenvolver un activismo social moi importante contra o modelo eólico da Xunta na súa comarca, a Terra de Montes. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

OS PARQUES EÓLICOS NA TERRA DE MONTES AFECTARÍAN GRAVEMENTE Á CONTORNA DE SABUCEDO CO QUE O PATRIMONIO INMATERIAL DA RAPA DAS BESTAS ESTARÍA EN SERIO PERIGO”

Ti es natural de Quireza, unha parroquia do antigo concello de Cerdedo. Ao teu xuízo a fusión produciu algún tipo de efecto no sentimento de identidade da veciñanza?. É dicir, ti sénteste de Cerdedo?, ou de Cerdedo-Cotobade?

Non, non produciu ningún. Eu síntome de Cerdedo, e á práctica totalidade da veciñanza pásalle o mesmo. As persoas de Cerdedo seguen a sentirse de Cerdedo, e as de Cotobade seguen a sentirse de Cotobade. Desde unha perspectiva social é moi difícil a cohesión. Non hai vínculos sociais moi fortes nin os vai haber. A distancia física entre os núcleos de poboación é inmensa .Fíxate, eu se quixese ir desde a miña casa ata Carballedo, o lugar de Cotobade onde está o concello , teño 45 minutos de coche.

A fusión provocou que os problemas máis graves que tiñades antes melloraran nalgún aspecto?

Non, segue todo igual. E moito me temo que cando rematemos de recibir os ingresos extra que estamos a percibir vaia todo a peor e haxa que pechar servizos

Cales son os problemas máis graves que padecedes?

Os mesmos que padece o rural galego en xeral: o despoboamento, o envellecemento, a falta de servizos, e a falta de oportunidades laborais para podermos desenvolver un proxecto de vida no lugar no que nacemos

Ti desenvolves unha importante labor de activismo contra as intencións da Xunta de inzar os nosos montes de muíños de vento. Por que?

Eu estou en contra deste modelo de implantación masiva de parques eólicos

Como coñeces ti as intencións da Xunta?

Eu coñezo o rexistro eólico e a pretensión de establecer varios parques na nosa comarca. Entón decido peneirar o DOGA en profundidade

Existe algunha plataforma ou asociación que trate de pelexar colectivamente contra eses proxectos eólicos?

De momento non, pero estamos en contacto distintas persoas que temos sensibilidade ao respecto deste tema, e a nosa intención é organizarnos para defender a Terra de Montes

E en concreto que estades a facer ?

Persoas de Cerdedo, de Forcarei e da Estrada tratamos, como che dixen, de organizarnos para ver como podemos trasladar información á sociedade e facela consciente das consecuencias que tería se os plans da Xunta se desenvolvesen tal cal eles os teñen concibidos.

Que tipo de receptividade encontras na poboación?

O problema é que a situación sanitaria impide que poidamos desenrolar xuntanzas colectivas para podermos informar. As sensacións que temos é que a priori parece que non lles importa. Outra cousa é cando coñecen as consecuencias en profundidade

Cantos parque eólicos están previstos na vosa comarca?

As Penizas, Campo das Rosas, Pico Touriñán, Monte Xesteiros, Borreiro, Pedra Longa, Cabanelas, Porto Vidros…….

E eses muíños afectarían a todos os concellos da comarca?

Si, e tamén aos que lindan con eles

Cales serían as consecuencias de que o plan eólico se desenvolvese tal como pretende a Xunta?

Ben, en principio teño que dicir que se está a facer de maneira descontrolada sen avaliar de maneira rigorosa o impacto que suporía a instalación de muíños de 200 metros de altura e as infraestruturas necesarias para que esas inmensas estruturas se poidan instalar aí. E non debemos esquecer que os parques irían unidos a liñas de alta tensión que serían as que levarían a enerxía á rede,

O impacto sería brutal, hai que dicir con claridade que os parques, nos proxectos da Xunta , aparecen fraccionados para simular un impacto menor do que sería en realidade.

Estes parques rodean a Sabucedo e afectarían gravemente á “rapa das bestas” un dos nosos patrimonios inmateriais máis importantes. Por outra parte as concas dos ríos Lerez e Umia, que nacen na Terra de Montes, tamén se verían seriamente comprometidas. Asemade os mananciais que fornecen de auga aos pobos estarían en grave perigo. E por último quero falar das distancias coas casas porque malia que a lei establece que a 500 metros si que se pode pór un aeroxerador a distancia é claramente insuficiente para este tipo de estruturas xigantescas. De feito aquí temos unha poboación que estaría xusto no límite dos 500 metros que marca a lei

A información atópala con facilidade ou resúltache complicado?

É extraordinariamente difícil atopar información. E para min resulta claramente censurable que as empresas poidan vir aos montes, que non son seus, a facer estudos sen comunicarllo a ninguén. O escurantismo non se limita ás empresas, por desgraza acontece o mesmo coa administración.

Que posición ten o goberno municipal?

Encantaríame coñecela.