XOSE EMILIO BARROS, alcalde de Mondariz

Alcalde Mondariz XOSE EMILIO BARROS
G.Figueiredo

No ano 2019 o nacionalista Xose Emilio Barros era elixido alcalde de Mondariz contra todo prognóstico. Os tres concelleir@s do bloque e o concelleiro do PSOE forman un goberno, de catro persoas, cunha complicada situación aritmética nunha corporación de once asentos. Porén, na metade do mandato semella que a estabilidade política do goberno que preside Xose Emilio é bastante maior que a doutras corporacións con equipos de goberno máis sólidos numericamente. Como é costume nel , Xose Emilio, atendeunos con moita amabilidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O BNG de Mondariz ten as portas abertas para quen queira participar e traballar ”.

A piques dos dous anos de ser escollido alcalde, como valorarías esta primeira metade do mandato?

Con moitísima intensidade e absolutamente apaixonante. A aprendizaxe e a experiencia que adquires coñecendo o funcionamento da administración por dentro é tremenda e cara afora tamén apaixonante porque permite, aínda que máis lento do que quixera, pór a andar multitude de proxectos e iniciativas que cando saian a diante, sen dúbida van a deixar pegada no concello.

Falando de proxectos, resúmeme os máis salientables que ides desenvolver nos dous anos que quedan de mandato?

Desde o goberno municipal estamos a traballar en dúas liñas de acción fundamentais.

Unha delas é no reforzo e potenciación dos servizos básicos como abastecemento de auga, iluminación, depuración, recollida de lixo. En definitiva, nos servizos máis estruturais e esenciais.

Por outra banda, tamén estamos iniciando proxectos e propostas encamiñadas a estruturar o futuro do concello a 20 – 30 anos vista con dous plans especiais que estamos tramitado. Un deles é uso de chan empresarial con vistas a un futuro parque empresarial local e o outro encamiñado a dotacións turística para darlle un pulo importante ás inmensas potencialidades turísticas que ten Mondariz.

O teu goberno ten unha situación aritmética moi fráxil, sodes 4 ,fronte a unha oposición de 7 , porén estes dous anos semella que foron relativamente estables. Como estás levando un goberno de 4 fronte a 7?

O feito de gobernar en minoría ten certas desvantaxes en algúns aspectos, pero por outra banda ten outras vantaxes.

Estar en minoría significa que o pleno da corporación ten a potestade de decidir e posicionarse ao respecto dos intereses xerais dos veciños. Isto, na práctica, convértese nunha vantaxe e non nun inconveniente. Ante a dúbida, é a corporación municipal quen decide. Como exemplo mencionaría a presentación de orzamentos,

Que tal a relación cos teus socios do PSOE?

As relacións so moi boas, aquí existe un único goberno, en ningún momento falamos de socios. Un goberno en minoría, pero forte e estable.

E as relacións con Alternativa xa están menos tensas? Prevés que se poida, nun futuro, volver a unificar todo o espazo do nacionalismo en Mondariz?

Isto ten a súa complexidade e considero que hai actitudes que non favorecen moito. Non se pode anticipar o futuro. O BNG mantén, a nivel local, as portas abertas para quen queira participar e traballar poida facelo libremente. As relacións son frías, pero nós mantémonos abertos a calquera que queira sumar, será ben recibido.

A finais do ano pasado o ex alcalde Calis, publicaba un artigo de opinión no noso xornal no que acusaba ao teu goberno de carecer de políticas transformadoras para Mondariz. Gustaríame coñecer a túa opinión ao respecto?

Penso que estas manifestacións foron máis unha rabecha que outra cousa.

Hai multitude de exemplos onde percíbese con claridade que o actual goberno, a diferencia do anterior, si que está afrontando cuestións estruturais para o concello. Unha delas é a previsión que temos de transformar proxectos a través do IDAE encamiñados a mudar un aforro importante de electricidade neste concello, os plans especiais no plan urbanístico a través do PXOM como che nomeei antes para canalizar o futuro de Mondariz…

Nese artigo, Calis falaba de dúas deficiencias en concreto: o coste da recollida de lixo e o estado do saneamento. Quero coñecer tamén a túa opinión sobre estes dous aspectos?

Atopamos un servizo de recollida de lixo precario e en moi malas condicións, cun sobre custo, en reparacións de vehículos, brutal para este concello. Ata o de agora non se afrontou esta situación, igual que na parte do saneamento. Temos un convenio co Concello de Mondariz Balneario sobre a depuradora e non nós están permitindo a conexión nesa instalación. O goberno anterior tivo unha ocasión de ouro para poder solucionar este problema, pagoulle máis de 70.000€ ao Concello de Mondariz Balneario sen nada a cambio, e sen negociar unha conexión a esa estación depuradora que continúan negándonos. Esta oportunidade deixouse pasar e agora estamos intentando buscar unha saída a esta situación.

A día de hoxe, como está a situación da pandemia en Mondariz?

Agora mesmo e afortunadamente estamos nunha situación á baixa cun par de casos activos, pero non podemos baixar a garda. No mes de xaneiro houbo un repunte como en case todos os concellos do país. Seguimos facendo un chamamento á prudencia dos veciños e veciñas da vila para manternos nestes parámetros baixos.

Outros alcaldes e alcaldesas cos que teño falado dinme que a crise sanitaria fixo que se incrementaran substancialmente o número de familias necesitadas de axuda por parte dos servizos sociais do Concello. En Mondariz tamén estades percibindo este problema?

Si, aquí tamén pasou e temos previsto que continúen crecendo. Os efectos deste retroceso económico que supuxo a pandemia vai facer que nos vindeiros anos haxa unhas consecuencias moi negativas.

Por parte do goberno municipal vimos reforzando de forma contundente os servizos asistenciais desde o propio banco de alimentos ata os servizos sociais no seu conxunto para poder afrontar esta previsión.

Explícanos as características da APP liña verde, que tirou o Concello?

É unha aplicación que ten por finalidade un xestor de incidencias de tódolos recunchos do concello. Tratase de modernizar as estruturas e os servizos á veciñanza e instalamos esta plataforma para que poidamos monitorizar todas estas incidencias e nos vai a permitir, con maior e mellor axilidade afrontalas. Calquera veciño ou veciña pode comunicar a través da APP unha rotura de tubaxe de auga ou de calquera outro tipo de incidencia ao concello, e o propio concello tamén pode devolverlle resposta a través da APP unha vez resolto o problema.

E a rehabilitación da escola de Vilasobroso?

Aínda non se iniciaron eses proxectos, isto lévao de primeira man a entidade local de Vilasobroso presidida por Alexandre Estévez Gil. Eles foron quen de acabar unha axuda a través do IDEA coa colaboración da Deputación de Pontevedra, polo que hai que felicitalos. Estanse dando os primeiros pasos e imaxino que ao longo de este ano darase algún paso máis.

Falando de rehabilitación, prevés que neste mandato se poidan arranxar as sendas do río Tea?

Tanto o Concello de Mondariz coma o Concello de Ponteareas estamos agardando unha resposta de Augas de Galicia. Temos asinado hai máis de un ano con eles un convenio a través do cal Augas de Galicia se comprometía á reparación e restauración destas sendas. Incomprensiblemente están incumprindo desde hai máis de un ano e seguimos agardando a que as reparen.

Nos plans eólicos da Xunta está inzar todo o país galego de centenares de muíños. Mondariz tamén pode verse afectado. Cal a é a posición do seu alcalde ao respecto?

Mondariz é un concello cun perfil e unhas potencialidades concretas moi directamente vencelladas ao ámbito natural e turístico. A implantación de instalacións que poidan significar unha agresividade a ese entorno natural e paisaxístico leva consigo unha ameaza a ese desenvolvemento turístico desa localidade, polo tanto, a postura e posición é de rexeitamento a aqueles plans sen unha correcta e debida ordenación ao respecto.. Non podemos aprobar este tipo de proxectos porque afectan dunha forma directa ao futuro da localidade.

Que percepción maioritaria observas nas rúas de Mondariz sobre a vosa acción de goberno?

As impresións que temos, en liñas xerais, por parte da veciñanza, é de aceptación. Neste sentido somos un goberno que nos caracterizamos pola humildade e pola información na rúa cos veciños. Temos un mecanismos de participación directa nas parroquias, paralizado pola Covid, que temos pensado retomar en canto se poida e coido que está a ter unha aceptación moi positiva por parte da veciñanza porque amosa un goberno próximo e apegado a pé de rúa e a pé de pobo.

Para rematar, como te encontras ti de ánimo e ilusións?, estás decidido a repetir como candidato do BNG á alcaldía?

As vindeiras elección municipais aínda están moi lonxe, falta algo máis de dous anos para elas. Pero quen vai a ser o candidato decidirano os meus compañeiros e compañeiras do BNG. Si son eu, estupendo, porque temos un traballo comezado que entendemos que nun segundo mandato moitos de estes froitos que estamos a plantar neste momento, verán a luz, pero gustosamente súmome a calquera outro compañeiro ou compañeira que encabezase unha candidatura. Traballaría igualmente desde outro posto, tanto no número un como no número 20.

Moitas grazas por atendernos Emilio.

Moitas grazas A Nova Peneira por vir a visitarnos e tedes as portas abertas para sempre que queirades achegarvos.