O trauma do Tulipán

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
Milana Bonita

Compartín estes días nas redes o chío dunha internauta, Sara, que dicía: “De ser pequena boto de menos os bocadillos de chourizo e o consenso social de que o fascismo era malo”. Inmediatamente dous homes contestáronme para dicir, un, que o sentía pola miña nenez, e o outro que el, sen embargo, tivera unha “infancia normal”, na que non se falaba de política, na que se xogaba. E empecei a preocuparme. Estarán enganadas as miñas lembranzas de nena de infancia normal, feliz, e terei un trauma pola conciencia social resultante de lembrar perfectamente, pese a ter sete anos, o desasosego que provocou na miña familia o golpe de Estado de Tejero ou por ter máis lembranzas da vitoria socialista do 82 que do Mundial do Naranjito? Provocoume algunha carencia non saber -ata fai un minuto que o consultei en Google- que fora Italia a que gañara ese ano e porén que o meu pai me explicara na EXB que o contrabando de tabaco non xeraba riqueza na vila, que, ao contrario, supuña competencia desleal para o pequeno comercio e un fraude para un sistema impositivo imprecindíbel por sustentar a redistribución das riquezas? El non usou esas palabras exactamente, claro, porque estabamos nos oitenta e eu tería once anos, pero a idea quedoume clara. Como dicía a nai do meu amigo Pablo, -outro neno que debe ter trauma porque estaba politizado-, é vital aprender a distinguir o que está ben do que está mal independentemente do que a ti te conveña máis. Iso é bo, non?

Que queredes que vos diga, na miña opinión,- e de dala vai esta sección-, o erro é pensar que a política só lle afecta as persoas a partir dunha determinada idade e, de paso, “despolitizar” a escola.

Así nos vai. Afastamos das aulas ou reducimos á mínima expresión a análise política ou o debate ideolóxico porque iso é adoutrinar ao alumnado, e seica é mellor crear rabaños. Pero podemos permitirnos como sociedade crear unha xeración que á hora de votar non saiba distinguir entre as distintas opcións? Que a forza de non estar informada poida chegar a crer que o fascismo é un concepto tolerable en democracia? Que non saiba ver con espírito crítico un telexornal e trague as consignas marcadas pola batuta do capital? Eu creo que non, e non invento nada novo. Xa a principios do século XX tiñan claro que a verdadeira democracia pasaba, indefectiblemente, por un pobo alfabetizado. A II República –outro tempo marcado polo descoñecemento- apostou polo espírito da Institución Libre de Enseñanza, que entendía que o destino da escola non era formar man de obra senón unha cidadanía ilustrada. A prioridade na preparación do capital humano non deben ser os centros de traballo senón a propia sociedade. Só iso nos fará mellores, pero non estamos avanzando.

Apenas uns días despois daquel chío chegoume a ameazante mensaxe dun home que enmascaraba a súa identidade baixo un deses perfís con nomes parvos de interese freudiano, e dicía ser pai da alumna dun centro ao que fun dar unha charla sobre malos tratos. Que para el falar de violencia machista fose politizar, reafirmoume no meu convencemento de que levar a ideoloxía as aulas nunca pode ser malo. O contrario da política, das cousas da polis, das cousas que competen a cidade, a todos e a todas como sociedade, é a ditadura, o fascismo, e diso xa tivemos dabondo durante anos.

Así que, para min, o único debate posíbel naquel chío de Sara era escoller entre o bocata de chourizo e o de Tulipán con azucre. Eu téñoo ben claro.