Maio: chegamos ao ecuador da lexislatura

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

O próximo mes de maio cumpriranse dous anos das eleccións municipais. Chegamos á metade da lexislatura e podemos comezar a facer balanzo tanto da actuación do goberno municipal como da oposición.

É bo que o pobo examine e poña nota aos seus representantes, gobernen ou non, pois todas as candidaturas presentan un programa electoral, un compromiso coa cidadanía e deben dar conta do que levan feito.

Foron unhas eleccións onde o PP, cunha pequena competencia no campo da dereita representada polo extinto Ciudadanos e a incomparecencia da extrema dereita, voltou acadar unha nova maioría absoluta.

Con esta sobrada maioría o PP, con alcaldesa-deputada a tempo parcial, limitouse a facer a mesma xestión que nas lexislaturas anteriores: deixarse levar. Sen grandes proxectos, sen ter un modelo para sacar Marín do letargo, facendo favores aquí e alá, sen meterse en moitas fonduras e evitando calquera conflitividade.

Porén, temos que recoñecer que o PP de Marín ten unha estrutura, podíamos denominala rede caciquil, de gran implantación. Mais tamén temos que dicir que xoga coas cartas marcadas e non só polo exceso de financiamento de orixes escuras. Este partido ten unha sobre representación nos medios de comunicación, tanto nos tradicionais como nos novos medios dixitais, mentres a oposición e fundamentalmente o nacionalismo é arrombado ou directamente ignorado.

En canto á oposición hai que recoñecer que ten moi difícil competir cunha maioría absoluta tan contundente e cunha “paz social” que parece se vai manter até o final da lexislatura. Non hai grandes conflitos, non hai grandes mobilizacións e, por se isto non chegara, levamos mais dun ano atrapados coa pandemia que paralizou o mundo.

Con todo chama a atención a actitude “suave e amábel” do PSOE, que con cinco concelleir@s podería sacarlles maior proveito. Este partido mantense na súa liña habitual esperando que o mana chova do ceo, neste caso que veña de Madrid, e deixase levar pola inercia de estar gobernando no estado.

O BNG está, a nivel local, nunha situación de debilidade institucional cunha única representante no concello, resultado da súa convulsa historia en Marín. Porén, isto non debería ser problema para unha organización acostumada a facer todo a base de “pan de millo” e sen apoios financeiros, empresariais e mediáticos.

Con todo, e pese as dificultades, podemos afirmar que o BNG está mantendo certa iniciativa e recuperando certa capacidade de mobilización, especialmente na reivindicación dunha sanidade pública e presencial.

O nacionalismo en Marín ten o reto de ampliar e recuperar unha base social que buscou outras alternativas, que hoxe xa non existen. Con ideas claras, coherencia e moito traballo é posíbel ser o que foi onte e lograr construír unha alternativa á maioría que hoxe ten emprestada o PP.

Temos que facerlle ver ao pobo de Marín que o nacionalismo conta cun instrumento serio e traballador, que sempre está cando debe estar con propostas e alternativas para mellorar as condicións de vida, para facer Marín un lugar máis habitábel, para defender a nosa sanidade pública, para defender os nosos sectores produtivos.

Vai ser un camiño longo e non é recomendábel sprintar para chegar á meta. Nesta maratón debemos correr con intelixencia e sen buscar atallos que nós leven ao precipicio.

Marín, 9 de abril de 2021.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.