Xornalixo vs. Xornalismo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Membro de Anova e do CC da FPG

Debátese nestes días encol dunha polémica nacida na lameira na que se converteu a política do Reino de España, para sermos exactos, na lameira fedorenta que é a política da súa capital e na campaña miserenta das eleccións autonómicas madrileñas. Na “España de las polémicas”, esta última nace a partir dun vídeo de precampaña da candidtura Unidas Podemos, un espazo político que, coas súas virtudes e os seus defectos, se rebelou dende o seu nacemento no máis atacado, denostado e insultado de todo o espectro politico estatal, exceptuando as periferias, onde as esquerdas independentistas xa temos talos á hora de aturar as campañas intoxicadoras das empresas mediáticas do réxime español.

Nun vídeo para redes, esta candidatura da nova esquerda socialdemócrata, coloca ao xornalismo español máis palanganeiro, vasalo e servil diante do espello. Do espello da súa manipulación, da súa propaganda e da súa ira máis miserenta. De contado saltan todas as alarmas no vértice VIP do gremio, e de forma inmediata, tanto xornalistas “progres” coma xornalistas “fachas” da cavernasacan o seu máis lamentábel e hipócríta corporativismo para berrar aos catro ventos que eles son intocábeis, que son sagrados, que están tocados pola providencia e que calquera ataque ao seu grei é un “ataque a la democracia” [sic]. Pretenden dicirnos do xeito máis cínico e vitimista imaxinábel que eles poden atacar sen ser atacados, desenmascarar sen ser desenmascarados, insultar sen ser insultados. Do contrario, trataríase dun ataque a “la libertad de expresión”.

Detrás de semellante hiperventilación, sobreactuación e sainete grotesco co que reaccionan os nomes máis sobranceiros e coñecidos da profesión está o medo a que se destapen as súas miserias: a súa submisión editorial e discursiva ás grandes empresas e á banca, as súas relacións coas cloacas e coa corrupción, a súa actitude cortesá coa monarquía máis ladroa e podre de Europa, os seus negocios suxos con patrocinadores e testaferros, a súa complicidade á hora de tapar as torturas, os abusos policiais e as vulneracións dos dereitos humanos no Estado Español mentres se inventan as de Cuba, Venezuela e outros paises que non se someten á orde mundial terrorista e criminal do capitalismo en fase imperialista.

Son lixo, xornalixo. Falan no nome do xornalismo cando están a lixar o seu nome e reputación. E, por suposto, non lle chegan á sola dos zapatos ás e aos xornalistas de verdade. Aos subalternos, aos precarios, aos subcontratados, aos que se deixan a pel por erguer pequenos proxectos alternativos non sometidos aos grandes poderes fácticos. Non lle chegan á sola dos zapatos tampouco aos reporteiros que son agredidos pola polícía do réxime ou por bandas de fascistas, aos xornalistas despedidos por dicir verdades incómodas, aos que entran en listas negras “dos de arriba” e teñen que malvivir traballando por libre ou no anonimato, publicando moitas veces con pseudónimos. A “normalidade democrática” do Reino borbónico.

Venme á cabeza Pepe Rei, xornalista galego, internacionalista e solidario, recentemente falecido e que fomos coñecendo grazas a Ardi BeltzaouKalegorriae ás súas visitas estivais a Galiza, onde participaba nos 25 de xullo nas manifestacións independentistas da Frente Popular Galega. Pepe Rei foi xulgado e procesado en varias ocasións por contar as verdades. Os seus medios foron pechados e censurados, e ningún destes “grandes nomes” do xornalixo español se solidarizou con el, todo o contrario. Venme á cabeza Rebeca Quintáns, golpe a golpe. Véñenme á cabeza Josu Muguruza e Xabier Galdeano, xornalistas do diario Eginasasinados polo terrorismo de estado español, ou Martxelo Otamendi, director deEgunkariatorturado baixo custodia xudicial xunto con outros compañeiros por facer un xornal en euskera. Para eles non houbo “corporativismo”, abofé.

Á hora de exercer o oficio tamén hai clases. Os acomodados non morden da man de quen lles dá de comer, son submisos co poder e tremendamente agresivos con que ameace mínimamente os piares do mesmo. Doutro lado están os traballadores e traballadoras dos media, os Xornalistas con maiúsculas, os que están a pé de rúa, os que arriscan e os que están do lado dos desherdados e oprimidos, os que, por exemplo, erguen con moito sacrificio e poucas axudas proxectos informativos populares e comarcais, como esta A Nova Peneira. Son o proletariado da información. Son a nosa xente.