Óscar Comis xogador do Choco

Óscar Comis xogador do Choco
Marcos Santos

Óscar é un dos ídolos dos seareiros do Choco, e abofé que non podía ficar fora das nosas páxinas. Despois de conversar coa cuadrilla chokoslovaka pasamos un bo rato conversando cun gran xogador de fútbol, e estupendo conversador, co que foi un pracer charlar

Tiven ofertas para deixar o Choco, pero os cartos non pagan a comodidade que sinto neste equipo”

Cóntanos os teus inicios futboleiros?

Buff, xa choveu. Comecei con 5 anos xogando no Matamá de Vigo, e estiven alí ata que rematei os cadetes

E despois do Matamá?

Fun para o Coruxo, e alí estiven 7 anos, posteriormente estiven 4 temporadas no Pontellas e finalmente cheguei ao Choco. Esta é a sétima temporada en Redondela

Que tal te tratamos os choqueiros?

Moi ben claro. De non ser así non estaría sete anos xogando aquí

Aínda che quedan algúns aniños non?

Xa teño 34 anos, moitos, o que se di moitos, non creo que me queden. Pero eu síntome ben, encántame xogar ao fútbol, encántame defender as cores do Choco e procurarei aguantar o máximo de anos posibles

E con 34 anos aínda se pode mellorar?

Sempre se pode mellorar

A túa carreira vala rematar aquí?

Supoño que si, sería moi raro que acontecera o contrario

Nestes sete anos no Choco, tiveches algunha oferta?

Si, algunha si que tiven. Pero aínda que soe a tópico vouche dicir que prefiro perder cartos e estar absolutamente cómodo como estou en Redondela

Como un centrocampista, coma ti, marca tantos goles?

Non é que marque tantos, gustaríame marcar moitos máis, pero supoño que será porque de pequeno xogaba de dianteiro e algo sempre queda. Un centrocampista debe ter calidades tanto para o ataque como para a defensa, aínda que no meu caso recoñezo que se me dá mellor a faceta ofensiva.

Como valoras o voso papel nesta liga?

Ben, eu penso que o obxectivo principal que é manter a categoría xa está acadado, agora temos que dar todo o que teñamos nesta fase de eliminatorias e todo o que se poida conseguir será estupendo

Poderemos acadar o ascenso?

Como xa che dixen, o obxectivo principal xa está logrado. Imos gozar dos partidos que queden, dalo todo claro, e todo o que veña benvido sexa

Ti tes un traballo que supoño duro, estás nun centro de persoas con dano cerebral, pero imaxino que tamén será moi gratificante?

Si, si que o é. Axudar a mellorar a calidade de vida das persoas é moi importante para min

Tan importante como xogar ao fútbol?

O traballo e o lecer son dous aspectos necesarios da vida. No meu caso persoal son feliz en ambos

Dinme a cuadrilla dos chokoslovakos que ti es un dos seus ídolos, por que?

Non sabería dicirche, pero para min é un orgullo claro.

E cando a afección comeza a berrar o teu nome que sentes?

Un pouco de vergonza a verdade

Terás que dedicarlles un gol?

Por min dedicáballes un cada domingo. Oxalá puidera marcar un en cada partido

Cortegoso seica é o outro referente emocional dos chokoslovakos. Que tal con el?, levádevos ben, ou hai envexas entre os dous?

Ha ha ha ha ha. Non, envexa ningunha. É máis, podo dicirche que despois de sete anos que levamos compartindo vestiario, somos amigos

Creo que, cando se podía, erades moi afeccionados a argallar ceas entre vós, e penso que algunha responsabilidade tes ti, non?

Ha ha ha. Entre Félix e eu andamos aí. O que pasa é que as veces Félix non cumpre moi ben con ese tipo de responsabilidades. De feito o premio á peor cea da historia do Choco meréceo Félix sen dúbida

Ha ha ha ha. Mira que teño previsto entrevistar a Félix proximamente

Faino claro, se o digo con moito cariño. Félix e eu somos amigos , pero a realidade é a realidade. E a peor cea da historia do choco é responsabilidade de Félix

Ti marcaches o gol da vitoria no campo do Depor B, Cóntame que pasou no vestiario?

Ostia¡, e como chegou iso á vós¡

Un xornalista nunca revela ás súas fontes. Tes que contalo ti, senón vouno contar eu

Ha ha ha ha. Foi unha charabisca, pero unha broma moi sa e sen acritude algunha. Verás, eu son moi celtista, de feito fun moitas veces a Riazor a ver xogar ao Celta, e chupei brincas a esgalla. Pois ben, despois desa importante vitoria, con gol meu, estaba tan feliz que cando me retiraba ao vestiario cruceime con Valerón e comecei a cantar: “Valerón, Valerón, Valerón¡¡¡”.Ademais tiña unha espiña chantada

E logo?

Hai dous anos, xogando alí por un problema nas equipaxes tiven que xogar cun pantalón do Depor. E non che vou contar as brincadeiras que tiven que aturar

Para rematar Óscar, cres que a sociedade de Redondela apoia ao Choco todo o que che gustaría?

A min gustaríame máis claro, pero tanto das institucións como do pobo en xeral. De feito creo que algo máis de apoio é o que lle faría falta ao equipo para poder estar nunha categoría superior