Un café con Carmen Núñez, voceira BNG de Tui

Un café con Carmen Núñez, voceira BNG de Tui
Tino Lago

A Nova Peneira cumpre neste 2.021 a súa primeira década de vida. E neste mes de maio xa hai 8 anos que o seu camiño e o meu se cruzaron por casualidade nos termos que describía Julio Cortazar: ”E debo dicir que confío plenamente na casualidade de terte coñecido. Que nunca intentarei esquecerte, e que se o fixera non o conseguiría”. Nestes oito anos centos de milleiros de quilómetros, polas estradas do meu país, aloumiñan o meu lombo. Escrutei milleiros de ollos, estreitei centos de mans, escoitei ,aprendín, admirei, abraieime, alporiceime, decepcioneime, angustieime , ilusioneime, pelexei, gañei, perdín, chorei, rin, acertei, errei…..E de cando en vez, só de cando en vez, queda algo de tempo para compartir un momento de serenidade e acougo cunha persoa intelixente e boa desas que fan que nunca se perda a fe no ser humano. Velaí vai o que deu de si o meu café con Carmen. Ela é médica, voceira do BNG de Tui e unha excelente conversadora

O BNG está totalmente en contra da decisión de facer o aparcadoiro soterrado. Temos 480 prazas de balde, e imos pasar a ter 298 de pago”

Carmen, ti es médica, como cres que van evolucionar as circunstancias epidémicas?

A impresión que teño é que van comezar evolucionar en sentido positivo pola vacinación, canta máis xente estea vacinada vai ser máis difícil a transmisión do virus e vaise notar esa inmunidade.

Entón cres que a incidencia vai ir relacionada co ritmo de vacinación? Cun 70% de vacinación, como di o goberno, xa se consigue a inmunidade de rabaño?

Si, canto máis xente vacinada iremos vendo menos contaxios, e penso que si, que con ese 70% de poboación vacinada cortaremos a transmisión do virus.

Racionalmente, hai motivo para ter medo polos efectos secundarios das vacinas?

Efectos secundarios teñen todos os fármacos, a dúbida é normal. Pero eu confío plenamente na comunidade científica e na xente que traballa coas vacinas. Eles son os que coñecen que vacina vai ben segundo o rango de idade. O medo é normal na sociedade, pero creo que a mellor maneira de combatela é informando de todo. É algo moi novo e sempre vai haber algún tipo de incerteza .

Os casos de trombos graves producidos pola vacina de Janssen que fixo paralizar a vacinación nos EEUU e a súa exportación a Europa foron 6 casos entre 6.800.000 vacinas administradas.Non chega nin a un por millón. Non che parece excesivo parar a vacinación por iso?

Desde logo que si, que é excesivo. Non haberá algo máis?, paréceme raro que sexa só por iso, poder ser que haxa un indicio de que algo pasa e prefiran esperar.

Como viviches estes quince meses que levamos de pandemia Carmen?

No terreo laboral estou moi cansa. Eu traballo como médica de familia en atención primaria . A atención primaria está totalmente abandonada, penso que é un deterioro planificado porque queren acabar con ela xa moito antes da pandemia. Estaba moi desencantada e nun punto de desánimo laboral tremendo, pero cando comezou a pandemia reconcilieime de novo coa miña profesión. Vendo o mal dotados que estamos en atención primaria, con moitas carencias e unha falta de persoal tremenda, organizámonos moi ben. Se cadra na prensa non o parece, pero teño a convicción de que o sistema non colapsou pola atención primaria. Fomos a barreira que fixo non colapsar ao sistema hospitalario, téñoo clarísimo. Nestes intres sentinme moi ben e reconciliada coa miña profesión da mesma maneira que cando estiven nos Campamentos saharauis.

O Concello de Tui creo que foi dos que máis tempo estivo pechado perimetralmente, cunha incidencia moi elevada. Como se levou o estar tanto tempo sen poder saír do concello?

En xeral mal, demasiado tempo. Aquí facemos moita vida xunto con Portugal, o golpe económico para o pequeno comercio é moi duro. Xa estaba mal o comercio local e isto foi desastroso.

Imos entrar no tema político. Como cres que xestionou o goberno de Enrique Cabaleiro esta situación tan difícil?

Da xestión do Covid non teño nada malo que dicir. Penso que a colaboración de todos os grupos políticos co goberno foi a adecuada. E eles fixérono o mellor que souberon e puideron , nun contexto terriblemente difícil. Fomos informados de todo, houbo axudas para hostalería e o pequeno comercio.

Este ano, fora desta situación pandémica, houbo espazo para facer política municipal?

Nestes últimos meses estanse tomando decisión que creemos que son equivocadas. Estanse tomando sen consenso político de ningún grupo, de maneira atropelada e nada planificada e estamos en total desacordo.

Por exemplo?

Coa decisión de facer o aparcadoiro soterrado. É unha obra moi importante cun orzamento de 4.000.000 de euros e concesión por 40 anos con 298 prazas para estacionar. Isto supón a supresión das prazas de superficie na parte de atrás do Centro de Saúde, da Rúa de Ourense , de Compostela e de tódalas fincas dos arredores. Tiñamos 480 prazas de aparcadoiro de balde e agora imos ter 298 prazas de pago. Esta licitación leva consigo o compromiso do concello de mercar, polo menos, 75 prazas. Destas 75 prazas, 36 son para o Centro de Saúde, aprobouse no último pleno 1.300.000€ para mercalas. Isto suponos unha inversión de máis de 4.000.000 de euros para non solucionar o problema dos aparcadoiros e renunciar á zona verde que vai ser unha explanada de cemento.

4.000.000€ que saen dos fondos do Concello de Tui?

Non, esta é unha licitación a unha empresa privada. Ela pon os fondos a cambio de 40 anos de concesión. O que ten que pór o concello son 1.300.000€ para a empresa que lle merca as 75 prazas de aparcadoiro. Ten que facer urbanización de servizos básicos que son 200.000€ e a urbanización de enriba dos aparcadoiros. O total do investimento municipal está aínda por ver, e a experiencia que nos chega doutros concellos nos que xa se fixo é que isto non funciona.

Para cando están previstas as obras?

Para xullo probablemente e ten un prazo de execución de dez meses. Para a vindeiras eleccións van estar rematadas. Isto vai sen ningún tipo de consenso e sen un estudo de alternativas.

Alén do aparcadoiro , con que outro tipo de decisións políticas estás en desacordo?

Tampouco nos gusta como se artellan os plenos, pois decidiron que sexan cada dous meses e non mensuais como se fixeron ata o ano pasado. Ese mesmo ano celebráronse cinco plenos extraordinarios porque non daba un cada dous meses para levar a cabo a xestión do concello. Isto leva a moito máis gasto económico e estes plenos non teñen rogos, preguntas nin mocións. Había o compromiso do equipo de goberno de que os plenos volverían ser mensuais, pero seguen sendo cada dous meses e non nos parece ben

Tamén vemos que para os temas importantes non hai pretensión de diálogo coa oposición. O concello ten moitos espazos públicos coma o edificio de Cam-Fran, a finca Lagarteira, o edificio ao carón dos xulgados que está baleiro, o edificio da Inmaculada… todos están baleiros e sen aproveitar e queremos chegar a un consenso para ver que utilidade se lles da. Non hai planificación e si moita improvisación.

Cales son as liñas políticas mais relevantes que estivestes desenvolvendo na oposición?

Este ano foi moi complicado pero estivemos facendo moito traballo informativo reuníndonos coas diferentes asociación e polo comercio local para informar no tema do aparcadoiro soterrado. Tamén sobre a peonalización da corredoira. Esta tivo rexeitamento porque prexudicou ao comercio da zona e pecharon varios negocios.

Por outra banda procuramos que o Concello incremente a súa sensibilidade para co medio ambiente. En todos os plenos levamos propostas referentes a ese eido para reforzar a recollida selectiva nas parroquias, transformar o punto limpo de forma que se converta nun elemento chave na xestión de residuos….

Que sensibilidade percibes pola rúa sobre o traballo político do BNG?

Penso que somos bastante serios no noso traballo de oposición e non desprestixiamos nin insultamos a ninguén. Teño a percepción de que somos capaces de transmitilo así e a aceptación é boa.

E para rematar como andas de ánimos, preparada para as elección do 2022?

Eu estou ao dispor dos meus compañeiros e compañeiras do BNG local desde logo. Pero a miña ilusión e o meu ánimo son aínda maiores que cando comecei.