O Concello de Bueu acomete unha limpeza a fondo das beirarrúas do casco urbano

Limpeza a fondo beirarrúas Concello de Bueu

Bueu, a 28 de abril de 2021

  • Os traballos realizaranse polo centro cunha máquina especial de decapado que permitirá mellorar considerablemente os espazos
  • FCC Medio Ambiente levará a cabo esta limpeza na que o Concello inviste preto de 10.000 euros

O Concello de Bueu arrancou este mércores cos traballos de limpeza a fondo das beirarrúas do casco urbano, que permitirán que estes espazos se atopen en mellor estado de cara ao seu goce por parte da cidadanía. Segundo salienta Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, “é importante que se realice esta limpeza para eliminar a sucidade e mellorar a imaxe da vila”.

A actuación, na que o Concello inviste preto de 10.000 euros, é levada a cabo pola empresa FCC Medio Ambiente, e consistirá no emprego da técnica coñecida como decapado, un sistema que elimina a sucidade incrustada e que resulta máis efectiva que os habituais baldeos con camión cisterna.

Durante vinte e cinco xornadas, as rúas Pazos Fontenla, Montero Ríos, Francisco Escáneo, Alexandre Bóveda, Johán Carballeira e Castelao serán sometidas a esta limpeza. Así, dende o Concello pídese paciencia á veciñanza, dado que os traballos comezarán ás sete da mañá e se estenderán ata o mediodía.

O estado das rúas da vila mellorou considerablemente tras a adquisición no 2016 dunha máquina varredora, á cal se lle engadiron uns cepillos con púas que permitiron retirar as herbas e a maleza nos accesos a Bueu, especialmente na PO-551 e na PO-315, e que reduciu considerablemente os tempos de traballo e aumentou a eficacia á hora de levar a cabo certos labores.