A IGM chama á sociedade civil a defender Meirás diante da rapina dos Franco

Iniciativa Galega pola memoria
  • Colectivos memorialísticos, asociacións culturais e entidades de todo o país comezan a se organizar para responder á ameaza dun novo espolio do Pazo despois de que a xustiza española concedese permiso á familia do ditador para retirar bens móbeis xa catalogados de Meirás, que goza da protección de BIC.
  • Convocan unha mobilización nacional en defensa do Pazo para o 19 de xuño.

SADA, 3 DE MAIO DE 2021

O Pazo é do pobo e a sociedade civil organizada defenderá Meirás diante da rapina da familia Franco. Con este fin a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) lanzou un chamamento á sociedade civil para levantar unha fronte de oposición á decisión da xustiza española de consentir que os Franco poidan perpetrar un último espolio en Meirás. O grupo impulsor, do que son portavoces os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, está a promover adhesións de colectivos de memoria, asociacións culturais e entidades de todo tipo de Galiza para reactivar o movemento social que permitiu a recuperación do Pazo de Meirás.

A Iniciativa Defende Meirás convoca unha mobilización nacional para o 19 de xullo da que se irán avanzando detalles nas próximas semanas.

A Iniciativa Defende Meirás nace para facer fronte á decisión da xustiza española de conceder a propiedade dos bens móbeis que seguen no Pazo e o permiso para sacalos de alí co amplo prazo dun mes á familia Franco.

A Iniciativa Defende Meirás nace contra a pasividade do Estado e da Xunta de Galiza, que aínda non foron quen de contestar esa decisión. E nace para esixir dos poderes públicos que respondan esta interpretación da sentenza do Xulgado de 1ª Instancia sobre a devolución do Pazo de Meirás ao Patrimonio público realizada nun Auto xudicial recente que ampara a propiedade da familia Franco dos bens mobles do Pazo. O Estado debe establecer con carácter inmediato unha estratexia que permita devolver agora e no futuro aqueles bens que figuran en diferentes inventarios confeccionados a instancias xudiciais.

Polo que respecta á Xunta de Galiza debe incorporar, como anexo á Declaración BIC do Pazo de Meirás, o inventario de bens mobles e vinculalos á categoría de protección da que goza na actualidade o espazo como Sitio Histórico.

A Iniciativa Defende Meirás solicita a inmediata apertura do Pazo de Meirás e a organización dun acto público de homenaxe ás vítimas daquel espolio e de posta en valor do proceso pilotado pola cidadanía galega que fixo posíbel a recuperación deste ben patrimonial no marco da loita contra a impunidade franquista. Os colectivos memorialísticos reclaman que os usos futuros do Pazo teñan como eixo a Memoria Histórica.