Benvido Mr. Marshall, a Marín

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

Marín, 3 de Maio de 2021

Entrar en Marín as portas do 1 de Maio é como viaxar no tempo, da a impresión de estarmos na rodaxe de Benvido Mr. Marshall. De Estribela en diante imos acompañados por centos de bandeiras, o dobre de españolas que galegas, nunha demostración de nostalxia por unha época de nodo en branco e negro e visitas oficiais do “generalísimo”. Só falta a alcaldesa e o seu grupo de goberno no balcón do Concello cunha enorme pancarta para recibir á delegación americana ou algún xerifalte do réxime.

Non hai mellor forma para celebrar as festas do Cantodarea? É necesaria esta demostración de patriotismo mal entendido enchendo as rúas e balcóns con cinco mil bandeiras e cuns poucos foguetes como único programa festivo para este ano.

Unha forma moi estraña de chamar a atención e darlle vida ao Cantodarea, aos seus bares e restaurantes, promovendo a “turismo de bandeira”. Calquera persoa que nós visite estes días pasará correndo abraiada por esta demostración de fervor patriótico.

Parece ser que para organizar estes grandes eventos festivos a concelleira de festas do Concello de Marín xuntouse con representantes da comisión de festas e da asociación de veciños da zona, todos da mesma corda e cor, e decidiron sorprendernos a todos e todas con esta demostración patriótica. Moi na liña do que ven sendo a exaltación nacional-católica da que tanto gostan no PP de Marín.

Desde fai uns anos asistimos sorprendidos a imaxinativos desfiles militares polas rúas de Marín e coa participación, con todo o equipamento de “mantillas” e outros adornos, das máximas autoridades civís e militares nas procesións relixiosas.

Din que que non hai outro xeito de celebrar estas festas. Porén, se temos un pouco de curiosidade e consultamos as actividades lúdicas, festivas e culturais de outros concellos veremos como si que hai outros xeitos de facer unhas festas, como si se poden celebrar actos culturais e musicais, como se poden organizar actividades para a rapazada. Pode ser que nestes concellos teñan unha capacidade creativa e con seguranza que non hai nas persoas que dirixen o noso concello.

A pandemia veulle ben ao goberno municipal, e á Concelleira de Cultura, para cargarse a pouca actividade cultural organizada polo concello en Marín. Xa non teñen necesidade de andar a copiar as iniciativas das asociacións culturais.

É lamentábel o tratamento que se lle da á banda de música de Marín que non ten ningún local municipal onde ensaiar e ten que andar de prestado na Casa da Cultura de Santomé. O mesmo acontece coas agrupacións de música tradicional que levan máis dun ano sen poder empregar as instalacións municipais.

En definitiva de que serviu gastar tantos cartos en bandeiras? De que actividades desfrutaron os veciños e veciñas da zonas? De que lle valeu á hostalaría?