David Alonso Barguiela Psoe Porriño
A Louriña

O PSOE augura unha maioría progresista con alcalde socialista o 28 de maio

O candidato socialista David Alonso Bargiela, afirmou hoxe que O Porriño merece un goberno e un alcalde que estén á altura do que O Porriño merece, e que este último ano, o actual alcalde non só está a malgastar os fondos do Concello, senón que non acadou ninguna obra de referencia […]

Festival Cans 2023
A Louriña

XX Edición do Festival de Cans 2023

O Festival de Cans de Porriño creouse en 2004 pola Asociación Cultural e Xuvenil de Cans Arela, co obxectivo de promover o cinema galego e dar visibilidade ás curtametraxes. Hai curtas de ficción, de animación, documentais, concurso de videoclips ou webseries e tamén música, que xoga un papel relevante. O festival inspirouse no famoso Festival de Cannes, aproveitando a similitude entre os nomes das dúas localidades. Cans celébrase sempre entre o terceira ou cuarta fin de semana de maio, coincidindo co de Cannes. Este ano cadra do 16 ao 20 e están de aniversario, celebran a súa segunda década, a súa XX edición e, para iso, durante o festival, a aldea transfórmase completamente. Diferentes espazos da vila convértense en salas de proxección, adegas, alpendres, “jalpóns”, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas. Outros espazos, como placas de casas en construción, galiñeiros ou leiras convértense en lugares para as actuacións musicais e actividades paralelas ás curtametraxes. A xente trasládase freneticamente dun lado a outro en chimpíns, os pequenos tractores, como se estivesen vivindo nun filme de Kusturica.
Desde o ano 2004, ao que asistiron 500 persoas nunha tarde de sábado, empezaron a coller visitantes sen parar, e agora reciben multitude de xente nos catro días que dura o evento. Foi crecendo tanto en éxito e repercusión, que converteuse nun referente do cinema independente e alternativo de Galicia. Mesmo este ano foi seleccionado entre o mellor dos eventos culturais en Galicia no ano 2022. O informe impulsado desde Madrid pola Fundación Contemporánea situou ao Festival de Cans como a terceira insignia cultural máis destacada, só por detrás do festival de teatro FIOT de Carballo e o Festival Sinsal.
A primeira película que se proxectou no festival de Cans no ano da súa inauguración, foi “O lapis do carpinteiro”, de Antón Reixa. A película está baseada na novela de Manuel Rivas e narra a historia dun médico republicano que é perseguido pola ditadura franquista.
Nesta XX edición do Festival de Cans, , será a película “Honeymoon”, de Enrique Otero, a protagonista da sesión inaugural da competición, o xoves 18 de maio.
“Honeymoon” conta a historia de Eva (Nathalie Poza) e Carlos (Javier Gutiérrez), un matrimonio en ruínas que só se mantén unido polo recordo do seu fillo falecido Jonás que acaba de morrer nun accidente a miles de quilómetros de distancia. Sen diñeiro para recuperar o corpo do seu fillo, a parella embárcase nunha viaxe de destino incerto para tentar recuperar o cadáver. Na presentación, realizada no salón Riquela de Santiago, tamén estivo presente dona Alicia, unha das veciñas que colabora co evento e propietaria de Alicia’s Jalpón.
A película chegará a Cans tras o seu paso, con moi boas críticas, polo Festival de Málaga. Os seus protagonistas, Nathalie Poza, Javier Gutiérrez e María Vázquez, estarán en Cans para asistir a estrea, o próximo 18 de maio, no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, e manterán un coloquio co público presente.
A programación deste ano tamén inclúe a proxección de máis de 50 curtametraxes, tanto na sección oficial como nas seccións paralelas, así como concertos, exposicións, talleres e encontros cos creadores.
O actor homenaxeado este ano será Luís Zahera que recibirá o seu Premio de Honra, o “Premio Pedigree”, a máxima distinción do festival e foi acordada pola asemblea da Asociación Cultural Arela.
Luis Zahera, nado en Santiago de Compostela en 1966, é un dos actores máis relevantes de Galicia nas dúas últimas décadas. Ademais, o festival decidiu conceder os Chimpíns de Prata da edición 2023 a actriz Melania Cruz, ao crítico de cine Ángel Suanzes e a veciña de Cans María Jesús Sánchez “Mari da Carreira”.
A organización do certame quere recoñecer a gran traxectoria como intérprete de Luis Zahera, tanto en series de televisión como en mais de 35 longametraxes. Ten traballado ás ordes de grandes directores como Fernando León de Aranoa, Daniel Monzón, Alejandro Amenábar, Daniel Calparsoro ou Rodrigo Sorogoyen. Este último dirixiuno nas dúas películas coas que obtivo senllos Premios Goya ao Mellor Actor Secundario: “El Reino” e “As bestas”. Ademais destas dúas grandes interpretacións tamén hai que destacar o seu papel como “Malamadre” no filme “Celda 211”.
Actor versátil, Zahera ten transitado coas súas personaxes desde o cómico ata o tráxico, e tense forxado como actor no mundo da curtametraxe. Participou en máis de vinte, e o propio Festival de Cans foi importante na súa traxectoria, ao recoller dous premios ó Mellor actor, nos anos 2008 e 2012. Asiduo do certame desde as primeiras edición, Zahera recollerá o galardón o venres 19 de maio. Ese día deixará as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, á beira de anteriores homenaxeados como a cineasta Margarita Ledo, Jorge Coira ou o actor Luis Tosar.
Outros dos galardóns honoríficos do Festival de Cans tamén se entregarán ese mesmo día. O Chimpín de Prata “Pepe Puime” será para a actriz Melania Cruz, unha das grandes actrices do teatro e do cinema galego actuais. Galardoada en tres ocasións co Premio Mestre Mateo, Melania Cruz é ademais unha actriz habitual en moitas das curtas que pasan por Cans. Nos últimos anos demostrou ter un compromiso permanente co Festival, onde ten participado asiduamente en coloquios e encontros co público, ademais de converterse nunha gran embaixadora do certame.
O Chimpín “Divina Campos” será para Ángel Suanzes, un dos xornalistas de referencia sobre o cinema en TVG, e un dos que máis veces cubriu como xornalista o Festival de Cans. Nunha das súas visitas coñeceu á veciña Divina Campos, á que convidou a ser crítica de cine no magacine “A Solaina” de TVG. Suanzes é un xornalista clave na historia do cinema galego recente, onde veu medrar e apoiou a numerosos cineastas, produtores e actrices e actores. O chimpín de prata que lle outorga Cans é un recoñecemento a este traballo e, ó mesmo tempo, unha reivindicación da importancia dos xornalistas que fan crónicas culturais nos medios de comunicación.
Finalmente, o Chimpín de Prata que recoñece o labor dunha veciña ou veciño de Cans polo seu apoio ao festival, será para María Jesús Sánchez. “Mari da Carreira”, como é coñecida na aldea, é unha das persoas imprescindibles no funcionamento invisible do Festival. Pandereteira, alquimista do licor café especial que fai ás convidadas e convidados, reclutadora do xurado dos veciños ou organizadora da homenaxe ó Can de Pedra que abre cada ano o festival, Mari fai un traballo invisible e imprescindible dentro da aldea que o festival quere recoñecer.
Animámosvos a pasar algún destes catro días pola parroquia porriñesa. Curtos, música, actividades e viaxes en chimpíns, unha mestura fascinante da que todas e todos deberíamos experimentar nalgún intre do noso tempo de lecer. […]