Volven tempos escuros ao mundo en que vivimos. Ecuador, Siria, Palestina, Brasil, Cataluña ou agora Chile, entre outros, están a vivir nos últimos tempos unha vaga de terror provocada polos máis profundos autoritarismos ao servizo do neoliberalismo, do capitalismo colonial e do neofascismo imperantes en practicamente todo o globo. E ante isto, o verso improvisado posiciónase ao carón d@s silenciad@s, d@s represaliad@s, d@s masacrad@s, … e emerxe como unha arma contracultural para loitar contra a tiranía exercida contra os seus pobos. Fagamos un repaso, pois, do papel do repentismo nalgúns dos diferentes conflitos sociopolíticos que asolagan a sociedade actual.
Deterémonos en primeiro lugar en América do Sur, pois a regresión sufrida en moitos dos territorios tras a chegada ao poder de ultras como Bolsonaro no Brasil, Lenin Moreno en Ecuador ou Piñera en Chile, está a facer estragos entre a poboación máis necesitada e con menos recursos. O alzamento das comunidades indíxenas no Brasil contra a desfeita provocada en lugares coma o Amazonas para fomentar a agricultura intensiva, ou en Ecuador contra os decretazos do goberno para subir os carburantes, son un exemplo do espertar do pobo nesta parte do mundo. En Chile, onde está instaurado o estado de emerxencia tras as protestas masivas polas subas nos prezos do Metro, a represión extrema contra toda disidencia está sendo televisada hoxe en día, sen que a comunidade internacional mova un dedo nin faga nada ao respecto. Dende o centro do país chileno, paiadores e paiadoras, reunid@s na asociación AGENPOCH continúan a cantar contra todo isto, rememorando tempos dun Chile antiimperialista e loitador contra toda clase de inxustizas. Representantes do verso improvisado chileno realizado en décimas coma Sinforiano Mellado, José Sandoval, Cecilia Astorga, Azucena Roja ou Moisés Chaparro elevan a súa voz, coas súas guitarras e os seus versos improvisados como únicas armas, á espera de que o mundo vire a súa ollada cara ao pobo andino.
Hai un grito que resuena
Del fondo de la raiz
Porque todo este país
Ya no aguanta más la pena
Hoy se ha roto la cadena
Que al pueblo lo aprisionó
Nuestra gente se cansó
De los abusos extremos
Es hora de que avancemos
Porque Chile despertó!!
Moisés Chaparro, 20.10.2019
Moito máis próximos a nós, a situación en Cataluña tornou a insostíbel nestas datas tras a sentenza vingativa e vergoñenta emitida pola xustiza española contra @s líderes do “procés”. Con todo, a resposta multitudinaria que se está levando ao cabo nas rúas catalás está sendo un exemplo para todos os pobos, dende Euskal Herria ata Galiza. As protestas, xeneralizadas por todo o estado, están a ser reprimidas con man de ferro polos esbirros do goberno, ocasionando milleiros de persoas lesionadas, detidas e torturadas; ao vello estilo do máis puro franquismo. Porén, o verso improvisado de diferentes expoñentes desta arte nos países cataláns, como Maribel Servera e Mateu Xurí (Mallorca) ou o grupo de “glosadors” agrupad@s nas diferentes asociacións coma a Cor de Carxofa (Cataluña), saen na defensa das liberdades e dereitos dos seus pobos, e serven de altofalante ante a inxustiza e a represión que se está a vivir nestes últimos días.
La pura realitat!
Just treuen, pels seus programes,
baralles i descontrols.
Em sap greu pels espanyols
que han vist disturbis i flames,
mes no han vist els panorames
de les riuades de gent.
Sense la premsa indecent
que manipula i controla
la societat espanyola
seria molt diferent.
Maribel Servera, 18.10.2019
En Galiza, a reivindicación a través da regueifa está presente nas súas practicantes a través de temáticas como o ecoloxismo ou o feminismo, pero bótase en falta máis compromiso co activismo político e coa solidariedade na defensa das liberdades noutras partes do mundo. A escaseza de practicantes semi-profesionais (arredor de 15) e a súa mínima presenza “social”, a miúdo simbólica e con finalidade histriónica, arreda o seu discurso do combate político. Por outra banda, ao estar baixo o xugo do poder institucional, calquera voz discordante ou excesivamente reivindicativa nas súas performances, pode ser reprimida coa censura, e non volver ser requirida para as máis ben poucas actuacións que se realizan ao longo do ano no país.. Agardemos que cos novos tempos, a regueifa, arma de construción masiva, camiñe da man do verso improvisado que se realiza noutras partes do mundo e sirva para reclamar os nosos dereitos e liberdades, cada vez máis atacados dende os diferentes poderes que buscan silenciar calquera discordancia.
O que non che conta a prensa:
amarradas polos pelos
golpes, porras, atropelos,
cargas a xente indefensa…
Pero logo, vaia ofensa!
só presentan a violencia
da outra parte, que indecencia!
Pero nin a súa mentira
logrará deter a ira
nin parar a independencia
Kike Estévez, 19.10.2019