Se hai algo que me molesta, porque é manifestamente inxusto,é cando alguén denigra a práctica política co absurdo tópico de “ todos son iguais”. Xeralmente ese tipo de excrecións biliares parten de persoas que na súa vida perderon un minuto do seu tempo en ningún proxecto colectivo, e ás que iso de contribuír ao ben común sóalles tan lonxe como lles puidera soar calquera poema da Grecia clásica escrito en grego clásico.
A política, entendida como o uso de parte do tempo persoal de quen se dedica a ela para contribuír ao ben común, é a parte máis nobre é sa do ser humano. A política, entendida como unha ferramenta para o beneficio propio ou para alimentar as pulsións narcisistas(tamén os hai así) está nas antípodas do que debe ser a práctica política.
Políticos e políticas como as concelleiras e o concelleiro de BNG de Marín, fan que a esperanza nun futuro decente para a humanidade poida seguir existindo. En apenas dous anos de mandato levan trasladadas ao pleno 24 mocións, 18 propias e 6 veciñais, e máis de 240 rogos e preguntas. Algunhas delas tan importantes como a da adquisición do edificio Baladrón, a construción dun aparcadoiro en altura, ou a proposta estrela, que nos comentarán nesta conversa, de abrir Marín ao mar…Todas estas propostas levan un inmenso e rigoroso esforzo detrás. Esforzo que fan quitando tempo dos seus traballos particulares, e das súas vidas persoais .Falamos co grupo municipal ao completo: Lucía, a voceira, Tino, concelleiro, e Davinia e Celia, concelleiras.
Lucía Santos, Davinia Lojo, Tino Iglesias e Celia Santomé
“O BNG é alternativa realista a este goberno paralizado e de pose”
Estamos no ecuador do mandato. Como valorades estes dous primeiros anos?
A valoración é moi negativa. O goberno actual é claramente continuísta na parálise política, no desleixo ante os graves problemas estruturais que padece Marín, en non asumir as súas responsabilidades e en botarlle a culpa de todo aos demais.
Como vai o problema da perda de poboación?
Por desgraza non mellorou en nada. Seguimos perdendo habitantes de maneira constante.
Xa leva moito tempo a tendencia descendente, verdade?
Si, demasiado tempo. Levamos así desde que María Ramallo accedeu á alcaldía de Marín.
Se facemos unha ollada global aos servizos dos que dispón a veciñanza de Marín?
Pois veriamos como non deixan de deteriorarse.
Un mozo ou unha moza de Marín que se queira independizar e construír un proxecto vital na vila na que naceu, teno complicado?
Non o ten complicado, teno imposible. En Marín non hai pisos que se poidan alugar a un prezo accesible. O fenómeno das vivendas de uso turístico espallouse de maneira alarmante e é un problema gravísimo para a vida normal. O BNG bota de menos unha actuación firme e decidida do goberno municipal, tendente a combater este grave problema. En realidade case podemos eliminar os adxectivos, botamos de menos calquera tipo de actuación porque o goberno local non fai nada en absoluto.
Mantemos esta conversa en Seixo porque así volo pedín eu. Sabedes por que?
Pois, non. Supomos que polo encanto especial que ten Seixo.
A verdade é que aínda que é certo que Seixo ten un encanto especial, non é por iso. Facémola en Seixo porque non me apetecía romperme a cabeza dando voltas para topar un sitio para aparcar en Marín
En verdade é un problema moi serio, e non ten pinta de mellorar. Pero si, aparcar en Marín ás veces convértese nun verdadeiro suplicio.
Non mellorou nada este asunto?
Non, nada en absoluto. É máis, vai a peor. Amplíanse beirarrúas e elimínanse prazas de aparcamento sen ofrecer alternativas suficientes.
A estadía da herdeira á xefatura do estado na escola naval de Marín serviu de algo para mellorar a vida da veciñanza?
Pois non, non tivo a máis mínima incidencia na vida da nosa localidade.
Como está a situación da sanidade?
Tampouco dá mellorado. Seguimos con escaseza de médicos, non se cobren as baixas ou vacacións, listas de espera interminables, ás veces acceder a un especialista é enormemente difícil, houbo días nos que non tivemos servizo de urxencias, e unha situación xeral moi deficiente.
O goberno de Marin ten algún tipo de plan deseñado para combater os problemas estruturais que padece a vila?
Non. O goberno de Marín limítase a xestionar como pode o día a día, e incluso iso o fai mal.
Por que?
Porque danlle prioridade á imaxe mediática da alcaldesa sobre a resolución dos problemas reais de Marín. Para a nosa alcaldesa é máis importante a foto que a resolución dos problemas.
Sobre a relación do goberno local co importante tecido asociativo marinense, que tendes que dicir?
Dúas cuestións:-A actividade cultural de Marin existe grazas ao seu tecido asociativo. O goberno de María Ramallo aprovéitase do traballo dos colectivos culturais de maneira vergonzosa- O goberno non trata por igual aos colectivos que identifica como “ amigos” que aos que identifica como “ non amigos”.
Ben, analizado o goberno agora tócalle ao BNG. Que fixo o BNG nestes dous anos de oposición?
Non paramos de trasladar propostas concretas para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Propostas rigorosas, viables e que son resultado dun minucioso traballo de documentación e análise previos.
Iso de que non parades de trasladar propostas pódese demostrar?
Cremos que obxectivamente si:No que vai de mandato levamos a pleno 18 mocións propias, 6 mocións cidadás e 240 rogos e preguntas. En todos e cada un dos casos son resultado dun intenso traballo previo, e cun obxectivo definido: O ben común.
Baixemos ao terreo do concreto. Non é necesario que describades as 24 mocións e as 240 preguntas, pero si quixera coñecer algunha das máis importantes?
Ha, ha, ha, ha. De acordo:
Creo que foi moi importante a nosa campaña que propuña a adquisición do edificio de Baladrón para convertelo nun ben público, que puidera beneficiar ao conxunto da veciñanza de Marín. Lamentablemente o PP dixo Non.
Por que?
Ninguén con sentido común é capaz de explicar a negativa do PP.
En que situación está ese edificio agora?
Pois de algunha maneira a nosa campaña serviu para pór no foco a situación dese inmoble en pleno centro de Marín, e unha promotora privada mercouno. Agora mesmo están a piques de iniciar a súa rehabilitación. De feito os propietarios chamáronnos para darnos as grazas, aínda que tanto eles como o BNG o que queriamos é que ese edificio pasase a ser público. Non sabemos que uso lle teñen previsto dar os novos propietarios, pero polo menos conseguiuse eliminar o problema dese edificio abandonado en pleno centro de Marín.
Ben, dicídeme algunha proposta relevante máis das que teñades trasladado?
–A dotación de nova vivenda social, para tratar de combater o grave problema de acceso á vivenda á que antes nos referimos. Marín leva décadas sen construír vivenda social e, lamentablemente o PP segue rexeitando facer fronte a este enorme déficit que padece a nosa localidade.
-O proxecto estrela do PP de Marín, facer un aparcadoiro soterrado no parque Eguren, resultou ser un proxecto frustrado. Nós, despois du minucioso estudo con distintos axentes especializados, e coa intención de contribuír a resolver os graves problemas de mobilidade que padecemos, propuxemos facer un aparcadoiro en altura.
-Levamos a pleno a necesidade de acudir a unha liña de axudas en concreto para actuar nos dous cascos históricos de Marín.
-En cada pleno facemos de altofalante de problemas concretos diversos que afectan á veciñanza. Temos unha caixa de correo cidadá aberta, para estarmos en contacto directo cos nosos veciños e veciñas, que leva recollidas máis de 250 peticións.
-A nosa campaña de abrir Marín ao mar
Cal é o motivo desa campaña? E en que consiste?
Chegou o momento de que Marín comece a recuperar espazos que no seu día foron cedidos á escola naval militar e ao porto, en prexuízo dos seus auténticos donos; o conxunto do pobo de Marín.
Desde a rotonda de Praceres ata Portocelo hai tres quilómetros de distancia nos que o mar de Marín está vetado para o pobo de Marín.
A vosa proposta é económica e socialmente viable?
Total e absolutamente. Hai numerosos exemplos que así o amosan como por exemplo nas cidades de Ferrol, ou fóra de Galiza na cidade de Ceuta. Alén de ser posible, é necesario. Marín ten unha enorme necesidade de espazos verdes e a recuperación de terreos que son do pobo de Marín é unha demanda histórica moi importante á que case nunca se lle prestou a atención debida.
Hai algún antecedente histórico que fose nesa liña?
Hai dous:- No ano 2008 a deputada do BNG Olaia Fernández Davila instou no parlamento á devolución da illa de Tambo, que si se conseguiu. É un exemplo claro de que a nosa proposta si é posible.
-En abril do 2020 o deputado do BNG Néstor Rego solicitou a cesión do hospital naval de Marín que estaba sen uso para que pasase ao SERGAS, algo que non se logrou.
Canta extensión de terreo ocupan a autoridade portuaria e a escola naval?
105 hectáreas. A autoridade portuaria ocupa 750.000 metros cadrados e a escola naval militar 305.000.
A extensión de terreo que pedides recuperar para a veciñanza cal é?
Moi pequena, arredor de 20.000 metros cadrados, só dúas hectáreas das 105 que nos ocupan. Para eles non suporía nada, pero para o pobo de Marín si suporía moito.
Pedístelo formalmente? Ou é unha proposta teórica?
Pedímolo formalmente no parlamento do estado, e saíu publicado no Boletín oficial do Congreso a primeiros do mes de abril.
En que fase estamos agora?
Agardando a que se leve ás comisións correspondentes, que se debata e que nos dean unha resposta. Quen ten a potestade de dicir si ou non, non ao BNG senón á cidadanía de Marín, son os ministerios de defensa e transportes. Ese é o motivo polo que o levamos ao parlamento do estado.
A nivel municipal trasladástelo?
Levarémolo ao pleno do mes de xuño. Tamén faremos un acto público para explicarllo á veciñanza.
Que posición esperades que teña o goberno local?
O lóxico sería que o apoiaran. Se pensan no ben de Marín téñeno que apoiar, pero haberá que agardar a ver que fan.
Rematamos: Que expectativas temos para o 2027?
A pulsión maioritaria que notamos nas rúas é a da unha enorme onda de simpatía. Nas autonómicas tivemos un resultado soberbio e agardamos continuar nesa liña. O BNG é a alternativa realista a un goberno paralizado e de pose. Nós seguiremos traballando arreo para ofrecer alternativas sólidas que incidan directamente na mellora da vida cotiá da veciñanza, coa esperanza de chegar ao corazón da maioría social do pobo de Marín
