Tal e como xa informamos o pasado mes de setembro, o Comité Antifascista da Lourinha está decidido a dar pasos firmes para avanzar na edificación dun muro de contención antifascista e antiimperialista co obxectivo de prepararnos para o peor dos escenarios posíbeis.

Logo de coñecermos o anuncio do presidente do goberno español, Pedro Sánchez, de convocar eleccións estatais para o 29 de novembro, a ameaza existente dun hipotético goberno de coalición reaccionario PP-Vox, xunto ao aumento da tensión e a escalada belicista das elites globalistas europeas e do réxime ukronazi contra a Federación Rusa, obríganos a ter que acelerar os preparativos nesta dirección.

Lonxe da posición que dende o CAL adoptemos respecto ás vindeiras eleccións estatais, que chegado o momento teremos que analizar con detemento, o que si está fóra de toda dúbida, é que a resistencia obreira e popular galega contra o fascismo soamente se pode lograr con organización e combate nas rúas.

A asemblea aberta convocada o día 30 de outubro no concello de Porriño, é determinante. Esperamos que sexa un punto de inflexión que abra a posibilidade de artellar en Mos e no Porriño, unha resposta pola paz, pola terra e contra a guerra. Unha resposta fronte á farsa progresista e á ameaza fascista, unha resposta fronte á guerra imperialista, que por desgraza, podemos divisar cada vez con maior claridade no horizonte.

Dende o verano de 2020, ano no que se constitúe o CAL, son moitas e diversas as actividades e iniciativas que temos realizado. Concentracións en solidariedade con Palestina, contra a OTAN/UE e a guerra imperialista, palestras xunto á comunidade eslava residente na Galiza sobre a guerra na Ucraína, accións de denuncia contra a simboloxía fascista e polo cumprimento da Lei de Memoria Democrática, axitación e propaganda contra o fascismo, o españolismo e o réxime do 78, campaña contra a represión policial no Porriño, etc.

Por todo isto, para combater a desmobilización e afastamento das masas fronte á maioría absoluta dos goberno municipais de Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo, para avanzar na consecución dos nosos obxectivos tácticos e estratéxicos, e para alertar os sectores populares e o pobo traballador do grave perigo que se aveciña, queremos facer este chamamento á unidade.

Non descartamos ninguén. O CAL tende a man a todos aqueles, que con coherencia nos principios, estean dispostos a loitar na medida das súas posibilidades e dende o noso marco de actuación específico, contra o fascismo e contra o imperialismo, pola causa da liberación nacional do país, e en definitiva, a loitar en defensa da xusta causa en favor dos intereses dos oprimidos e dos explotados.

Urxe organizarse no antifascismo combatente galego!

Antifascistas e antiimperialistas sempre!