Concentración en Guixar-Vigo contra os recortes en servizos ferroviarios
Levamos asistindo nos últimos anos a un progresivo pero continuo desmantelamento do ferrocarril como servizo público. Supresión de liñas, recortes de persoal e privatización de servizos, nunha espiral de degradación que ten coma obxectivo entregar ao capital sectores que escapaban da lóxica mercantilizadora. O último clavo no ataúde foi o anuncio da supresión dos trens hoteis que unen Galiza con Madrid e Barcelona.
A desaparición destas conexións reduce unha oferta transversal de viaxes entre cidades e comunidades atacando así un dereito fundamental como é o da mobilidade. Renfe está aproveitando a crise sanitaria provocada polo Covid-19 para suprimir estes servizos ferroviarios nocturnos que leva anos degradando con recortes, especialmente o tren hotel a Madrid , reducindo as prazas ofertadas ou quitando coches, como en 2016, cando eliminou un 60 % de prazas, centrando os recortes ademais nas máis económicas (sentadas e liteiras turistas). A isto únese a supresión de paradas(especialmente no rural) e servizos de cercanías, a suba desmesurada dos billetes e o tento de privilexiar as liñas de maior rendabilidade económica e tamen máis elitistas como as de Alta Velocidade. A dirección seguida por RENFE apunta no sentido contrario a unha mobilidade sostible que priorice a proximidade e as interconexións e axude a vertebrar o País dun xeito respetuoso co medio ambiente.
O tren supón unha alternativa ecolóxica a medios de transporte moito máis contaminantes ( o avión contamina 20 veces máis que o tren, que emite 7 veces menos CO2 á atmósfera por pasaxeiro). Precisamente algúns países europeos están potenciando este tipo de trens en substitución do avión, como alternativa máis sostible dentro das políticas de loita contra o cambio climático polo que resulta incomprensible que RENFE e o Goberno español aposten polo contrario, mentras se rescatan con cifras millonarias sectores que causan cantidades inxentes de emisións de gases de efecto invernadoiro como a automoción ou o avión.
Ademais, este tipo de trens, con compartimentos individuais e familiares, favorecen o distanciamiento físico na viaxe e o cumprimento dos diversos protocolos derivados da crise sanitaria que padecemos. Por se fora pouco, estas medidas provocarán a perda de numerosos postos de traballo, tanto directos como indirectos. Una empresa pública como RENFE debería velar sempre pola creación de emprego de calidade e por ofrecer un servizo digno por enriba de intereses curtopracistas. O tren como transporte electrificado, como alternativa ecolóxica, como esperanza verde, debería saír a escena como protagonista principal da mobilidade tanto de pasaxeiros como de mercadorías, aumentando a intermodalidade e a electrificación de liñas, non recortando liñas e servizos. Non podemos asistir de brazos cruzados ao desmantelamento do ferrocarril convencional.
Por iso, CGT Ferroviarios, co apoio de Ecoloxistas en Acción, iniciou mobilizacións na Coruña primeiro e este mércores 22 en Vigo contra o recorte de servizos. Defendamos xuntas un medio de transporte público, social e sostible!