Vigo

Ameaza de ERE en GKN Vigo

Esta empresa, a antiga Indugasa, é unha das industrias máis importantes da comarca de Vigo. Leva máis de medio século de actividade xerando emprego e estabilidade para milleiros de persoas que neste tempo pasaron pola factoría […]

Vigo

O autismo

O trastorno do espectro autista ( TEA) aparece nos primeiros anos de vida e produce o deterioro da habilidade cerebral para desenvolver as interaccións sociais e a comunicación normais […]

Vigo

Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG de Vigo

Achegámonos ata a Praza do Rei para conversar co líder do BNG de Vigo, e coñecermos a súa valoración sobre a primeira metade do actual mandato político no concello vigués. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

“No BNG temos a convicción de que as eleccións do 27 van ser unha grande oportunidade para abrir un cambio de ciclo na nosa cidade”

Como valoras esta primeira metade do actual mandato?

Lamentablemente constatouse unha vez máis que Vigo ten un goberno que non goberna, o que se amosa co elevado nivel de inexecución orzamentaria. Temos un goberno municipal cuxa única política é a propaganda.

O nivel de execución orzamentaria que é capaz de concretar o goberno de Vigo, é un problema grave ao xuízo do BNG?
É tan grave que no pleno do mes de xullo deuse conta do nivel de execución do segundo trimestre, e nos primeiros 6 meses de ano o Concello apenas executou o 30% do orzamento.

Teriamos que estar no 50%, claro
Si, e estamos 20 puntos por baixo. E cun nivel de inexecución moito máis elevado no capítulo fundamental, que é o dos investimentos. Son moitas as actuacións comprometidas polo goberno municipal que nestas alturas de ano teñen 0€ executados.

Esa deficiencia na execución orzamentaria explícase só por mala xestión?, ou hai outros condicionantes que a motivan?
Este goberno é o que dispuxo de máis recursos económicos en toda a historia da nosa cidade. Este ano novamente imos superar os 400 millóns de € de orzamento. E nunca un goberno tendo tanto fixo tan pouco. A mala xestión é máis que evidente. Tamén é certo que é moi difícil gobernar unha cidade de máis de 300.000 habitantes e de máis de 100 quilómetros cadrados de superficie cun único concelleiro.

O PSOE ten 19 concelleiros en Vigo
Si, formalmente si. Pero na realidade o único que exerce é o alcalde Abel Caballero, e dedicado en exclusiva ao autobombo.

No pleno de xullo que antes mencionabas, o alcalde tivo unha discusión contigo na que resultaba difícil diferenciar a Abel Caballero dun vulgar matón de discoteca. Que lle fixeches para xiringalo tanto?
Caballero ten un grave problema de talante democrático. Confunde unha lexítima maioría absoluta cun réxime absolutista. E é un problema que se fai máis grave a medida que pasan os anos. Ao alcalde moléstalle moito que o BNG faga visible que nesta cidade hai alternativa.

Esa actitude de camorrista de barra de bar tena tamén co PP?, ou só co BNG?
Fundamentalmente co BNG, porque o alcalde é consciente de quen exerce realmente a oposición na nosa cidade.

Home, o PP algo fará tamén?
Nin están nin se lle esperan. Deron por perdida a cidade e non lle teñen nada que ofrecer ás viguesas e aos vigueses. A modo de exemplo do seu desleixo podemos mencionar a súa abstención no debate do plan xeral.

O plan xeral aprobouse en maio. Como o valora o BNG?
É un plan xeral elaborado na escuridade dos despachos, sen transparencia e sen participación veciñal. É unha oportunidade perdida. Está moi lonxe do modelo do BNG. Nós queremos un plan xeral que permita un Vigo máis verde, sustentable, humano que atendese os barrios e as parroquias e que permitise intervir decididamente no principal problema que ten a nosa cidade, que é o acceso á vivenda.

Este plan xeral non afronta o problema da vivenda?
Este plan xeral insiste nunha proxección de 45.000 vivendas novas que non se sostén nunha cidade na que hoxe temos 22.000 vivendas valeiras ( dato do Instituto Nacional de Estatística).

Cales son as propostas do BNG para o tema da vivenda?
Este é un problema gravísimo. Son milleiros as persoas de Vigo que non se poden permitir, literalmente, poder vivir na súa cidade. O alugueiro está disparado, cun aumento de máis do 30% nos últimos anos e cun prezo medio de 650€. E xa temos 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñible para alugueiro.
Nós propomos crear unha ordenanza que impida que se poida autorizar nin un só piso turístico máis mentres non baixen os prezos do alugueiro, e a declaración inmediata de Vigo como zona tensionada do mercado da vivenda. O esencial é que o goberno tome a iniciativa para dotar a Vigo dun grande parque de vivenda pública. E por último é necesario tamén un programa facilitador do alugueiro.

Abel Caballero no 2007,nas primeiras eleccións que gañou, prometeu que ía facer 6.000 vivendas públicas. Cantas fixo?
0,ningunha en absoluto. O único que fai o goberno neste asunto tan serio é pura aparencia, pero no fondo non fan absolutamente nada.

O comité de empresa do Concello ten manifestado nas nosas páxinas que o estado das instalacións deportivas públicas no noso Concello é pouco menos que terceiro mundista. É así para o BNG?
Completamente. E o problema ten unha raíz moi clara: a política privatizadora da administración municipal. Este goberno desmantela os servizos públicos para externalizar a súa xestión e os resultados desa política vense na situación desastrosa das instalacións deportivas municipais. Na actualidade hai arredor de 300 prazas de persoal municipal que están orzamentadas, pero que non están cubertas. É dicir: por mor desta política de privatizalo todo as instalacións están en moi mal estado, e o servizo que se lle dá á veciñanza é deficiente.

Pero en realidade están tan mal as instalacións deportivas municipais?
Están nun estado lamentable. Hai algunhas que non reúnen as mínimas condicións de habitabilidade, de seguridade e de accesibilidade. Os materiais están absolutamente obsoletos, e nin sequera son capaces de garantir algo tan básico como que os ximnasios municipais poidan abrir, mentres se lle segue cobrando as cotas ás persoas usuarias. E non estamos ante un problema de falta de recursos, cada ano o goberno deixa arredor de 100 millóns de € sen executar. É un problema derivado dunha xestión moi deficiente.

Vós pedistes o cesamento de Manel Fernández, o concelleiro de deportes?
Si, e pedímolo non só polo pésimo estado no que están as instalacións deportivas, senón tamén pola súa manifesta inutilidade á hora de atender a política deportiva da cidade.

En relación a “Vigo Nature”, o antigo Vigo zoo, cal é a posición do BNG?
Por moito que mudara o nome o recinto segue a ser basicamente un zoolóxico. E nós pensamos que o modelo dos zoos está claramente obsoleto, e que ten que ser superado. Para o BNG, A Madroa debe de se converter nun centro de recuperación e de conservación de fauna. Moitos dos animais faleceron por falta de medios.

Entre eles dous tigres presuntamente envelenados?
Ben, digamos que foron numerosos os animais que faleceron en estrañas circunstancias.

Facemos esta entrevista na Praza do Rei e coincidimos cun grupo de persoas sen fogar que protestan pedindo solucións á súa situación. A problemática terrible das persoas sen teito é significativa en Vigo?
Segundo o índice AROPE unha de cada cinco persoas que vive en Vigo está en risco de pobreza ou exclusión social. Hai enormes cantidades de persoas que traballan e son pobres, e en Vigo son milleiros ás que teñen que acudir cada día a comedores asistenciais. Os datos oficiais revelan que en Vigo temos algo máis de 300 persoas que non teñen teito. E ollo, estamos falando só das persoas rexistradas. Esta cifra non ten variado nos últimos anos o que amosa que a política municipal non resolve o problema da pobreza pois non acada que ninguén saia da situación de exclusión.

Pero Abel Caballero afirma que en Vigo ninguén dorme na rúa se non quere. Minte?
Si, claro que minte. O albergue municipal ten 38 prazas, e como antes mencionei hai arredor de 300 persoas sen teito rexistradas na nosa cidade. En Vigo hai persoas que dormen na rúa porque non poden durmir baixo teito, e cando o alcalde di que ningunha persoa dorme na rúa en Vigo, falta á verdade.

Sobre a situación do transporte na nosa cidade que opina o BNG?
Hoxe en Vigo padecemos un servizo de bus insuficiente e deficiente, de feito temos 250 frecuencias diarias menos das que tiñamos no ano 2019.Os barrios e parroquias están mal vertebrados, e a conexión de distintas zonas con infraestruturas básicas como o hospital Álvaro Cunqueiro ou o aeroporto é moi deficiente.
A proposta do BNG pasa por constituír en Vigo unha empresa municipal de transportes que faga dun servizo esencial como o transporte, un servizo xestionado de forma eficiente e dilixente.

O alcalde ven de presentar, en pleno verán, a campaña das luces de Nadal. Cal é a posición do BNG ao respecto?
O debate nunca foi Nadal si ou Nadal non .Había luces de Nadal antes de Abel Caballero e seguirá habéndoas despois. Cremos que unha maioría de vigueses e viguesas non comparten este modelo de xestión do Nadal. Nós desde logo que non o compartimos.

Por que non o compartides?
Porque durante varios meses a cidade redúcese a un parque temático inhabitable e inseguro no que espazos como os históricos xardíns da Alameda non deixan de sufrir vandalismo ano tras ano. Son constantes nos últimos anos os episodios en que vehículos de emerxencia non poden atravesar o centro da cidade. É que un día pode acontecer algo moi serio como este modelo de turismo masivo e sen control non se modifique.
Nós defendemos un modelo de Nadal descentralizado, racional e sustentable.

O 27, o próximo proceso electoral municipal, pronto chega Xabi. Como te encontras ti de ánimos?
Eu persoalmente estou en plena forma, e o BNG está aínda mellor [sorrí].

Nas vindeiras eleccións municipais Abel Caballero terá 80 anos camiño de 81.É realista pensar que pode haber cambio de goberno?

No BNG temos a convicción de que as eleccións de maio do 2027 van ser unha grande oportunidade para abrir un cambio de ciclo na nosa cidade. O actual modelo non dá máis de si e Abel Caballero non ten nada que ofrecer á cidadanía de Vigo. E o BNG quere presentar ás nosas veciñas e veciños un modelo diferente ao “máis do mesmo”. Unha alternativa seria, rigorosa, transformadora e en positivo e no que as necesidades reais da veciñanza sexan a prioridade. […]

Vigo

A voracidade privatizadora de Abel Caballero deixa tamén morrer a “ Vigo Nature”( o antigo Vigo Zoo)

Na anterior edición da nosa publicación falabamos do estado lamentable das instalacións deportivas municipais. Conversabamos con varias persoas do comité do Concello que coincidían en que esa situación non era casualidade, senón froito dunha decisión consciente de deixar morrer non só as instalacións deportivas senón tamén calquera servizo público da nosa cidade […]

Comité de empresa do Cocello de Vigo
Vigo

O deterioro dos servizos públicos deportivos do Concello de Vigo, e a política privatizadora da administración municipal

Na redacción de ANP temos recibido queixas recorrentes sobre o constante deterioro dos servizos públicos do Concello en xeral, e sobre o pésimo estado dos centros deportivos en particular. […]