G.Figueiredo e Tino Lago.
Na pasada edición de ANP publicamos a crónica da conferencia de Mina Shayan organizada polo colectivo As Silveiras. Resultou tan interesante que quedamos con gañas de máis e, grazas á xentileza deste colectivo, logramos concertar unha extensa entrevista persoal con Mina para coñecer máis en profundidade a súa visión sobre a realidade deste xigantesco país onde na actualidade se está a xogar parte do destino do mundo. Antes de entrar en materia con ela quixera deixar clara a nosa opinión sobre o conflito bélico que sofre Irán: Por moi terrible que sexa a situación de opresión que describe Mina, nada, absolutamente nada xustifica a agresión imperialista de USA e Israel. Esta acción bélica non ten nada que ver coa democracia, nin cos dereitos humanos,nin co feminismo, pois só responde á defensa dos intereses imperiais dos dous estados agresores que a executan sen ningún tipo de respecto nin pola legalidade internacional nin pola vida humana.
Mina é unha profesora iraniana nacida en 1977 e residente en Vigo desde 2008. Cóntanos a súa visión sobre a discriminación contra as mulleres en Irán, a represión do réxime islámico e a loita feminista que medrou nos últimos anos arredor do lema “Muller, Vida, Liberdade”.
Ti es iraniana, pero non persa, verdade?
Non son persa, eu son azarí. En Irán hai moitas etnias e moitas linguas. Creo que poden existir máis de vinte idiomas diferentes e máis de cen dialectos. A maioría da xente aquí pensa que Irán é un país homoxéneo e non é así en absoluto.
Os azarís sodes unha minoría importante?
Si. Nós vivimos principalmente no norte de Irán, en cidades como Tabriz. A nosa lingua é o azarí, que pertence á familia das linguas túrquicas. Un persa que chega alí pode non entender absolutamente nada pois ambas linguas son moi distintas.
Os idiomas distintos ao persa son oficiais en Irán?
Ese é un dos grandes problemas. Só o persa é oficial. Hai moitas linguas: azarí, kurdo, árabe, baluchi…, pero o Estado funciona unicamente en persa. Na escola, por exemplo, estudamos directamente nese idioma aínda que na casa non o falemos e cando nos incorporemos ao mundo estudantil non entendamos nada.
No teu caso, puideches estudar con normalidade desde pequena?
Si, eu comecei a escola con catro anos sen saber persa. Na casa falabamos só azarí. En Irán as mulleres teñen que poñer o veo a partir dos nove anos, pero se vas a estudar de pequena xa o tes que poñer na escola. Comecei cun velo na cabeza e aprendendo outro idioma desde cero. Iso pásalles a millóns de nenas en Irán que non son persas. Eu teño fotografías con catro anos levando pano e roupa islámica.
Sénteste máis azarí ou máis iraniana?
Primeiro son azarí. Iso téñoo moi claro. Pero tamén me sinto iraniana porque compartimos unha historia e unha civilización común. Irán é un país moi antigo, con moitas etnias, idiomas e culturas.
Sempre viviches na túa cidade natal?
Non, con dez anos a miña familia trasladouse a Teherán, a capital de Irán. Foi como emigrar dentro do propio país. Pasei alí vinte anos máis da miña vida.
E como acabaches en Vigo?
Eu estudara lingua española e tradución na universidade. Sempre me apaixonaron os idiomas, e aos meus irmáns tamén. Primeiro quería estudar Medicina, como moita xente en Irán, pero decateime de que aquilo non era o meu. Na miña familia sempre houbo moita facilidade para as linguas e decidín apostar por iso.
Cando chegou o momento de elixir carreira podía escoller entre inglés, francés, alemán ou español. Escollín español porque mo recomendou un irmán meu.
Entón decidiches vir a España?
Custoume moitísimo. Estamos falando de comezos dos anos 2000, cando aínda non había o internet que existe agora. Pasei anos buscando opcións e becas para estudar aquí. Traballaba, aforraba cartos e pedía visados constantemente.
Finalmente apareceu a oportunidade de facer un mestrado de Estudos de Xénero na Universidade de Vigo. Vin o plan de estudos e fascinoume. Cheguei no 2008.
Por que che interesou tanto o feminismo?
Pola discriminación que viviamos as mulleres en Irán. Eu era plenamente consciente dela desde pequena. E non só eu: tamén as miñas amigas, a miña nai, todas as mulleres do meu entorno.
A discriminación non é só legal ou política. Tamén é cultural e social. Está presente en todas partes.
Pero dicíasme que as mulleres poden estudar no teu país.
Si, claro que podemos estudar. Iso ás veces sorprende aquí. As mulleres iranianas levan décadas loitando polo acceso á educación e hoxe hai moitísimas universitarias. O problema é que existe discriminación dentro do propio sistema.
Hai carreiras vetadas para mulleres. Por exemplo, non podes converterte en xuíza. Ademais, en determinados momentos o Goberno introduciu cotas para favorecer aos homes porque as mulleres estaban obtendo mellores notas en Medicina ou Enxeñaría, entón comezaron a facer discriminación positiva en beneficio dos homes.
Ti viviches sempre baixo o actual réxime islámico?
Si. Eu nacín a finais do 1977 e a revolución foi no ano 1979. Toda a miña vida estivo marcada polas normas do réxime .
Como é levar o velo desde tan pequena?
É horrible. Só se nos poden ver a cara e as mans, non pode saír nin un só pelo fóra do velo. O resto do corpo debe ir cuberto. E iso é obrigatorio tamén no verán, con temperaturas altísimas, pásase moita calor.
O goberno como controla que isto se cumpra?
Hai unha vixilancia constante. Na escola había mulleres encargadas de supervisar como iamos vestidas. Tamén na universidade, no cine, na rúa… Sempre hai alguén observando.
Eu sufrín violencia por iso durante toda a miña vida en Irán. Porque se che vía un pouco de pelo, porque a roupa era demasiado curta, porque a forma do veo non era correcta…
Falas de violencia policial?
Claro. A policía podía pararte pola rúa e dicirche: “Arranxa o veo”, “o vestido é demasiado curto” ou “tes que vir connosco”. Tamén podían cuestionarte por falar cun rapaz ou calquera que lles pareza.
Lembro unha vez que meu irmán viñera visitarnos desde Dubai despois de dous anos sen velo. Fomos facer sendeirismo cun grupo de amigos e eu e miña irmá abrazabámolo continuamente pola emoción. A policía achegouse para preguntarme por que abrazaba tanto a aquel home. E eu dicíalles: “É o meu irmán”.
Iso amosa o nivel de represión e de obsesión co control sobre o corpo das mulleres.
Cres que a maioría da sociedade iraniana opina o mesmo e apoiaría un cambio político si se dese a oportunidade de acabar con este sistema?
Hoxe si. Sen dúbida. Hai unha minoría moi ideoloxizada que segue defendendo o sistema islámico, pero a maioría da poboación está cansada da represión.
A xente vive asfixiada. Iso nótase especialmente nas mulleres e na xente nova. Pero tamén os homes agora estanse a dar de conta desta represión cara as mulleres porque indirectamente logo tamén lles afecta a eles.
Cando comezou a loita contra o uso obrigatorio do veo en Irán?
A resistencia xa viña de antes, sobre todo entre 2011 e 2014, grazas ás redes sociais e ás protestas das mulleres. Pero no ano 2022 todo explotou con máis forza. Moitas mulleres decidiron quitar o veo en público como símbolo de liberdade, o movemento “Muller, Vida, Liberdade” que estoupou tras a morte de Mahsa Amini.
Como respondeu o réxime a este movemento?
Houbo unha represión moi dura. Morreron moitas persoas, tanto mulleres como homes que as apoiaban. Tamén houbo detencións, execucións e persecución de presos políticos. Fálase de máis de 1.500 persoas asasinadas entre mulleres e homes que apoiaban as protestas. E aínda hai xente condenada á execución.
E agora hai liberdade para non levar veo?
A represión continúa. Eu mesma viaxei a irán a ver a miña familia en 2025, durante esta visita, fun parada varias veces pola policía e por persoas relacionadas coa seguridade do Estado. Nunha ocasión ameazáronme con chamar á policía e pechar a tenda na que estaba se non me poñía o veo. Eu estaba coa miña sogra e o meu marido que son galegos, miña sogra levaba o veo pero eu non. As mulleres estranxeiras tamén están obrigadas a levar o veo.
A sociedade iraniana vive con medo?
Moitísimo. Incluso entre a xente que sae do país. Hai persoas que non se atreven nin a falar de política no extranxeiro porque saben que despois teñen que regresar a Irán e as represalias poderían ser tremendas.
Eu mesma sei que nunca poderei volver vivir a Irán con seguridade. Teño pensado seguir indo a ver a miña familia, pero xa levo en Vigo 18 anos e a miña vida aquí feita.
O réxime condena a mozos a pena de morte e, ao día seguinte de cumprir os 18 anos, son aforcados. A xente nova xa non acepta vivir como vivían as xeracións anteriores con tanta represión e condenas de morte por aforcamento. Se protestas, te matan. Se falas contra o réxime, te matan…
Como vive a poboación iraniana a agresión por parte dos EEUU?
Unha parte da poboación está de acordo cunha intervención. Eu non a apoio baixo ningún concepto e rexéitoa absolutamente.
Houbo xente que se manifestou na rúa en contra do réxime e o goberno iraniano masacrouna. Nesta masacre o goberno recoñece máis de 3.000 mortos pero son moitísimos máis, familias enteiras, mozos…
Esta mobilización multitudinaria comezou por motivos económicos. Hai moito cansazo e frustración. A maioría da sociedade quere un cambio de réxime, aínda que este veña impulsado desde fóra, e saben que os EEUU non veñen a axudar, senón a polo petróleo. Pero xa non aguantan máis tanta pobreza, inflación, corrupción e moita represión. Moitos recursos do país pola venda do petróleo e dos minerais non chegan á xente, quedan nas mans dun poucos de arriba.
Que dereitos teñen as mulleres en Irán?
Hai moitas limitacións. Unha muller necesita permiso do marido para traballar, estudar ou conseguir pasaporte. Ademais, a lei permite casar a unha nena de trece anos,e co consentimento do pai, mesmo pode facelo a partir dos nove anos.
Que ocorre coa liberdade sexual?
A homosexualidade está castigada coa pena de morte, tanto de homes coma de mulleres, o que si está permitido é a transexualidade. Tamén existen castigos físicos por beber alcohol ou incumprir normas relixiosas, o adulterio en mulleres está penado coa lapidación aínda que agora mesmo non a están practicando.

Dirección A Nova Peneira

