Ricardo Castro secretario xeral da CUT

Ricardo Castro A Nova Peneira

Como é tradición nesta casa unha vez ao ano achegámonos ata o local da CUT na rúa Urzaiz de Vigo para conversar co seu SX Ricardo Castro e coñecer a súa valoración sobre a situación social e política do noso país. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A CUT É XA UN PROXECTO CONSOLIDADO QUE ESTÁ EN CRECEMENTO”

Ben, a primeira pregunta é obrigada polo día no que facemos esta entrevista 13 de xullo. Cal é a valoración da CUT sobre o resultado das eleccións de onte?

A valoración da CUT emitirémola no próximo secretariado, aínda non tivemos tempo de xuntarnos. A miña valoración persoal é agridoce. Constatar que despois de todos estes anos, e dos numerosísimos exemplos que amosan como o goberno de Feijoo foi absolutamente nefasto para Galicia, teñamos que sufrilo catro anos máis é realmente duro

Si, pero nun contexto de desgaste absoluto dos grupos que gobernan o estado, o PP, baixou 57.000 votos con relación ás últimas autonómicas. Non sei se será moito supor, pero non cres que onte puidemos asistir aos primeiros chanzos dunha realidade futura que por primeira vez pode ser verosímil; refírome a que o nacionalismo goberne este país?

Non o sei, a situación é realmente complexa e teremos que ver o que nos depara o futuro. Eu creo que en Galicia o factor que posibilita as maiorías do PP é o mal que o fai a esquerda política. Recordo que cando se perdeu o bipartito eu conversaba cuns amigos e prognostiquei que teriamos ao PP 20 anos na Xunta. Agardo equivocarme e que só sexan 16, pero…E ben, por outra parte o desperdicio do enorme caudal de ilusión que xerou no seu momento o espazo político das mareas, que xa tivo tantos nomes, foi estratosférico. A verque tipo de autocrítica fan e en que posición se sitúan agora. No que respecta ao BNG agardo que xestionen ben o inmenso capital de confianza que recibiron onte, porque moito voto é prestado e terán que traballar de maneira intelixente para non desperdicialo

A crise social que se achega é a máis grave dos últimos tempos?

Eu creo que vai ser peor cá do 2.008 que xa foi gravísima. Porén quixera deixar claro que esta crise xa estaba anunciada antes da pandemia vírica

Se cadra non nunhas dimensións tan elevadas como as que se presumen agora, non cres?

Non hai máis que ir á hemeroteca e constatar que antes da COVID os economistas xa estaban a anunciar a chegada dunha recesión de aquí a China. A pandemia vírica veulles ben para enmascarar as causas. Estou convencido de que van aproveitar a situación para acelerar as medidas de precarización, e aplicar a única medicina que ten o capital; os recortes

O feito de que o ministerio de traballo estea dirixido por unha sindicalista de CCOO e militante do PC debera de ser positivo, non?

Se están desenvolvendo unha política de conivencia co poder económico non vexo eu en que é positivo e como poden confrontar con eles. É máis pode significar unha situación de desmobilización e de asumir o discurso sistémico de que os problemas veñen de fóra e non hai nada que se poida facer

Vexo que a túa valoración da xestión das autoridades laborais non é moi positiva?

Para nós a súa política é de pura propaganda .Transmitían a sensación de que estaban executando políticas en defensa da clase traballadora, pero só cómpre pararse a ler a letra dos decretos para constatar que non é así. Calquera ministerio de calquera goberno nunha situación semellante tomaría medidas semellantes.

Por exemplo?

O chamado Ingreso mínimo vital non é outra cousa que un RISGA máis

E a administración autonómica?

A administración autonómica non fixo nada. É a tónica xeral do goberno de Feijoo, que o único que fai é propaganda. Aos que o cualifican como un gran xestor se se lles pregunta por que?, ninguén podería responder a esa pregunta

Cal é a percepción maioritaria que observas no corpus de afiliados e afiliadas da CUT?

Medo. As principais preocupacións da xente son as precaucións sanitarias, que está ben, pero claro corremos o risco de deixar de lado a defensa dos dereitos laborais e que se acrecenten os abusos e as actuacións fraudulentas

Detectastes abusos, constatados, de empresas que utilizaron os ERTES para facer traballar ao persoal en B e cobrar as axudas?

Si, de feito temos algunha denuncia en inspección. Abusos relacionados cos ERTES detectamos varios, alén dese en concreto que me preguntas tamén vimos casos relacionados coa supresión fraudulenta das vacacións ao traballador.

O tecido industrial galego esmorece?

Iso é o que parecen indicar a maioría dos indicadores. Do naval case xa non se pode falar, a automoción está apretadísima e o que parece é que alguén deseñou para Galicia un futuro de país de servizos e lamentablemente semella que a iso é ao que nos encamiñamos

Que sabemos do suposto inversor de Vulcano?

Non moito a verdade, a min en principio recórdame ao asunto de PEMEX, é dicir un asunto de pura propaganda .

O tema de Alcoa ten solución?

Si, si que a ten, unha solución política, pero cómpre ter vontade política para executala. Se os órganos políticos só se limitan a ser axencias de xestión dos intereses do capital, a solución simplemente non existe. Mentres que a esquerda non asuma a necesidade da ruptura co réxime do 78, a clase traballadora non parará de perder.

O 1º de maio, a xustiza non vos permitiu manifestarvos, como está a situación xudicial dese asunto?

Imos levalo a Europa, pois O TSXG fallou en contra nosa , dunha maneira moi estraña. Recorremos ao TC, houbo empate na valoración xudicial e a posición definitivamente contraria foi determinada polo voto de calidade do presidente da sala

A proposta de manifestación era cunha caravana de coches non?

Si, e poucos días despois autorizouse unha da ultradereita españolista, e uns días antes tamén se permitiu outra de agradecemento aos sanitarios. Nós entendemos que o problema da prohibición é ideolóxico, non sanitario. Nós valoramos na CUT que é un aviso a navegantes, ante a emerxencia social que se aveciña cantos menos reivindicacións e protestas mellor.

Nós Ricardo, soemos conversar unha vez ao ano, lembro que o ano pasado pregunteiche se a CUT era un proxecto consolidado e contestáchesme que rotundamente si. Segues a pensar o mesmo?

Absolutamente si. Este ano incluso medramos máis

Tanto en afiliación como en delegados?

Máis en afiliación que en delegados

Unha das empresas máis importantes para vós, en canto a representación sindical ,é CITROËN , védesvos en disposición de derrotar ao sindicato historicamente maioritario?

Na comarca de Vigo a máis importante é CITROËN, si, alí somos segunda forza. E en canto a posibilidade de reverter a situación histórica que refires, si que é posible, claro que si, pero eu só a concibo como resultado dun proceso de acumulación de forzas contra os “amarillos”

Danse as condicións para unha folga xeral?

As condicións obxectivas danse, si. Outra cousa é a subxectividade de cadaquén e como che dixen antes a xente está moi preocupada pola súa situación persoal. Creo que é imprescindible comezar coas mobilizacións, por exemplo hai uns días fixemos unha folga en COPO e foi un éxito

Rematamos Ricardo, se non hai novos rebrotes que o impidan en febreiro do ano próximo imos facer a IV edición da nosa gala de entrega de premios. Desta volta por fin poderemos contar contigo?

Definitivamente si, podedes contar comigo sen dúbida