Cristina Rodríguez da asociación “que voltem”

Que voltem asistencia a familiares de presos e presas A Nova Peneira
Tino Lago

Cristina é unha moza viguesa, voceira da asociación “que voltem”.Esta é unha plataforma social que ten como obxectivo a asistencia a familiares de presos e presas independentistas galegas, alén de denunciar a situación que, eles entenden como excepcional, sofren estas persoas nos distintos cárceres nos que se encontran. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

SOMOS UNHA ASOCIACIÓN HUMANITARIA E ASISTENCIAL QUE TRATA DE DENUNCIAR A SITUACIÓN EXCEPCIONAL QUE VIVEN OS PRESOS E PRESAS INDEPENDENTISTAS GALEGOS ALÉN DE AXUDARMOS ÁS SÚAS FAMILIAS”

Que é “que voltem”?

É a asociación de familiares e amizades de presos e presas independentistas galegas. Dedicámonos a achegarlles solidariedade ás persoas presas, e a axudar ás súas familias, somos unha asociación asistencial.

Neste país pódese estar preso por ser independentista?

Eu penso que si. Malia que nós, como che dixen, somos só unha asociación asistencial e humanitaria sen directrices políticas.

Cando naceu QUE VOLTEM?

Nós somos continuadoras dunha asociación inicial que se denominaba QUE VOLTEN PARA CASA, e agora mesmo non sei con seguridade cando foi o seu nacemento, pero coido que hai máis ou menos 10 anos.

Por que o cambio de QUE VOLTEM A CASA A QUE VOLTEM?

Foi unha cuestión puramente administrativa. Mudou a directiva, foi difícil contactar coas persoas que estaban antes, e decidimos facelo así

Entendo que sodes unha asociación legalizada?

Si claro

Como vos financiades?

Coas achegas económicas dos nosos simpatizantes, de feito agora mesmo estamos a cubrir o peculio dalgúns presos

Que é o peculio?

Unha conta de cada preso na que se lles ingresan cartos para que poidan mercar dentro da prisión cousas que precisen. Un negocio a conta deles, vaia.

Por que un “ negocio”?

Porque desde fóra non lle podes dar nada que poidan mercar dentro, e ás veces os prezos dentro son disparatados.

Máis caros que fóra?

Si, en moitos casos , si.

Vós, sendo como sodes unha asociación plenamente legal, nalgún caso notastes algún tipo de presión sistémica?

Nós somos unha asociación humanitaria, con independencia de calquera ideoloxía política, e entendemos que debemos estar fóra dese circuíto de presión, pero si, si que a notamos preto.

En que consiste a vosa actividade cotiá?

Fundamentalmente en socializar a solidariedade con presos e presas independentistas, facilitamos que a xente que queira lles escriba e lles visite, facemos charlas informativas, realizamos a marcha ás cadeas indo ás prisións a denunciar a situación dos presos e presas e a amosarlles solidariedade. E tamén tratamos de axudar ás súas familias para intentar de levar o mellor posible a situación excepcional que vive este colectivo.

Por que é unha situación “excepcional”?

Pois por que lle son aplicadas medidas excepcionais, xa que se lles aplica a lexislación antiterrorista que implica a detención incomunicada a aplicación do primeiro grao e do réxime FIES.

En que consiste o primeiro grao e o réxime FIES?

É como unha especie de cadea dentro da cadea. Teñen illamento e as súas comunicacións moi restrinxidas, por exemplo agora mesmo Antón, leva máis dun mes en illamento e agardando por unha visita médica desde hai dous meses.

Estás falando de Antón García Matos?

Si

E en que se concreta ese “illamento”?

En estar 20 horas na cela e 4 no patio normalmente só. É dicir, practicamente en quitarlle o contacto co resto da humanidade agás cos funcionarios claro.

Caramba, vaia situación máis dura. E por que se lle aplican ese tipo de medidas ,ao teu xuízo?

Nós entendemos que son políticas de vinganza, tanto para as presas e presos como para as súas familias que teñen que percorrer unha media de 1.600 kmts para unha visita de 40 mnt

As persoas que están en primeiro grao, cantas visitas poden recibir?

Só unha visita de fin de semana de 40 mnt.

É posible o contacto físico?

Non.

Vaia, non se lle pode dar un bico ou unha aperta?

Non, falas a través dun vidro, nin sequera a voz é directa pois falas a través dun teléfono. Só existe esa posibilidade da expresión física do afecto nos chamados bis de familiares, que, falo de memoria, creo que consisten nun encontro semanal de dúas horas.

Cantas persoas compoñen agora mesmo o colectivo ao que vós referides?

No momento presente 5, dos cales 3( Antón, Asunción e Miguel) non están nin sequera condenados, pois atópanse en situación de prisión preventiva.

Ti persoalmente, Cristina, por que te metiches en QUE VOLTEN?

Por amizade, e por solidariedade con quen sofre.

Rematamos, se alguén quere colaborar con vós que é o que ten que facer?

Desde logo que toda a axuda será benvida. Estamos a preparar a marcha as cadeas, e quen queira pode vir para que vexa o que é a dispersión, poden escribirlle aos presos e presas, poden axudar económica ou moralmente, poden participar na asociación, todo tipo de axuda será moi ben recibida porque é necesaria.