Alberto Armada Iglesias adestrador de boxeo

Alberto Armada Iglesias adestrador de boxeo

Alberto é un home de 42 anos natural de Vigo que ten o título de adestrador nacional de boxeo e boxeo adaptado. Esta última é unha disciplina que se utiliza para axudar a mellorar as capacidades motrices de persoas que sufran algún tipo de discapacidade .Alberto adestra en varios ximnasios, entre eles no Loren de Ponteareas, e nós conversamos con el para coñecer un pouco máis a este deporte .

A práctica do boxeo achega numerosos beneficios á vida cotiá”

Como chegaches ao mundo do boxeo?

Eu , desde moi neno, sempre sentín paixón polo deporte, por todo tipo de deporte. Comecei pola natación, cheguei a competir, logo practiquei diversas artes marciais, competín tamén, ata que finalmente cheguei a este marabilloso mundo do boxeo.

E que camiño chegaches ata seres adestrador?

Eu comecei con Antonio Rebouras, un adestrador que ten moita experiencia e el foi quen me animou a que me sacara a titulación. Fun gradualmente sacando os títulos básicos ata chegar a ser adestrador nacional.

Adestraches en varios ximnasios verdade?

Si, desde que quitei o primeiro título de adestrador pasaron arredor de 10 anos e xa estiven exercendo en distintos centros.

Agora mesmo estás no ximnasio Loren de Ponteareas?

Si, e en dous máis un en Nigrán e outro en Vigo.

A cantas persoas adestras?

Algunha máis de 40.

De que abanos de idade estamos falando?

O máis novo que teño é de 13 anos e o máis maior ten 62.

Son todo homes?

Non, de feito hai máis mulleres que homes.

Pregúntocho con todos os respectos Alberto, pero teño que preguntarcho: O boxeo é un deporte para xente violenta?

Non. Iso non deixa de ser unha lenda urbana. Hai moita xente que fai boxeo e faino para estar en forma, para manterse ben e incluso hai quen o practica para recuperar a mobilidade despois de ter algún episodio que lle causara problemas motrices. O boxeo é un deporte como calquera outro. Hai xente que o practica para estar en forma e hai quen o fai para competir.

A lenda de que algúns boxeadores poden rematar, despois de estar anos recibindo golpes na cabeza, con serias lesións cerebrais responde á realidade?

A medias. Non está demostrado que os golpes na cabeza poden producir ese tipo de lesións pero se ti tes propensión xenética a padecelas si poden acelerar o proceso.

Ti adestras só a persoas que fagan boxeo para manterse en forma ou tamén a persoas que queiran competir?

Eu teño ido a veladas de primeiro e de segundo adestrador pero na actualidade a xente á que adestro son persoas que practican boxeo só para manterse en forma.

Canto tempo dura unha das túas sesións de adestramento?

Algo máis dunha hora.

E en que consisten?

Comezamos cun quecemento xeral, mobilidade circular e logo xa o enfocamos a un quecemento máis específico. Finalmente comezamos coa escola de boxeo e cada día é diferente. Un días traballamos uns golpes determinados, defensas, ataques…..

Que beneficios pode achegar a práctica do boxeo na vida diaria?

Moitísimos. Mellora a coordinación, os reflexos, a capacidade de reacción, a forza explosiva, a capacidade cardiorespiratoria, evita o estrés , dá confianza e mellora a autoestima

E supoño que para a defensa persoal tamén servirá?

Si, claro. Iso non está demais pero o enfoque fundamental é que axude a estar ben.

Pódese vivir das clases de boxeo?

Non é fácil. De feito eu traballo tamén noutra cousa. Case todo o mundo que vive disto é porque ten un ximnasio.

Que condicións ten que ter un boxeador para chegar a elite desta disciplina?

Sobre todo sacrificio e constancia.

E un boxeador medio pode vivir disto?

Si, si que pode.

A ti como afeccionado gústache ver un combate profesional?

Ten que ser algo moi especial senón non o vexo. O que se ve no boxeo profesional non é aplicable no mundo amador. O boxeo amador e o profesional son moi diferentes: o sistema de adestramento, a puntuación , os pesos , as vendaxes ….todo é diferente.

Que é máis importante saber golpear ou saber esquivar os golpes do contrario?

Sen dúbida saber esquivar os golpes do contrario.

Rematamos Alberto cunha curiosidade persoal, creo que temos unha amiga en común verdade?

Sii, Sonia Viñas, .Adestrei con ela moitos anos. Moi boa rapaza por certo

Estou de acordo.