O BNG da Caniza pide solucionar os problemas de malos cheiros que se veñen sucedendo dende fai uns meses na zona do paseo do Regato do Regueiro, da Fonte e do Lavadoiro. Algunhas veciñas comentan que mesmo aparecen residuos sólidos.
“Non pode ser que a veciñanza sufra estes feitos dende finais do pasado mes de febreiro e aínda non se aplicase nin a máis mínima acción para solucionalo”, denuncia Trini Labaca, Responsábel Local do BNG da Caniza. “Esta é unha zona natural moi concorrida pola veciñanza da vila, polo que non é admisíbel que nin sequera se investigase a procedencia dos verquidos”.
Dende o BNG insisten na importancia do coidado da contorna e, en especial, das súas augas, “estamos ante un desafío de vital importancia para o noso futuro, o reto da auga. Non nos podemos permitir o luxo de desbotar nin unha soa pinga”, sentencia a Responsábel Local.