Quizais por non lembrar

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Non é moita xente que pare a reflexionar os resultados dos sucesos, cando van acontecidos, neste caso as eleccións precedentes e as que virán, que a bo seguro deixan algo que aprender relacionado cos esquecementos. Non é doado sacar conclusións do que é máis importante saber, á par de como determinados grupos conseguen votos. Nestas pasadas eleccións volvín sentir unha certa vergoña dos formatos nos que se moveron certos partidos, que agora calan, a partir da conspiración maioritaria dos medios que impunemente enganaron, á súa vez, ao electorado. En verdade é para reflexionar na deficitaria democracia que nos habita. Non entendo como sucede e como todo se volve unha feira de berróns, mentireiros, bufóns do conto e da venda feiral no seu grao máis declinable. Claro está, …dá os seus resultados. Dá os seus resultados porque nos deixamos enganar. Tamén dá vergoña, a de meter de novo a non contada historia dos crimes e bandas terroristas que, cando falan de Eta non falan dos Gal, nin lembran aquela máxima dun exército pouco evolucionado que aínda hai ben pouco proclamaba “que hai que asegurar a orde pública e a continuidade da ditadura”. Moitos foron adictos e chegaron a crear infraestruturas para a intervención, as “unir” que se chamaban, unidades de intervención rápida. Aquel Rodolfo Martín Villa que mesmo foi ministro e ao que culpan de tantas masacres, tamén chamado á orde desde Arxentina polos crimes franquistas, ou aquel Utrera Molina reclamado tamén por outras xustizas, aquí non saben nin contestan, como responsable tamén da execución de Salvador Puig Antich. De todo aquilo só quedou impunidade. Mentres esta dure, non haberá dignidade.

Nesta pasaxe de eleccións tan duradeira, de prórrogas e acordos incribles, pareceume mal que empregaran o terrorismo no debate. Vergoña sentín, como dixen, de ver como perden os papeis por uns votos, que despois mesturan cos ultras e non lles importa, na dinámica común do insulto e a consecuente falta de ideas para gobernar. Deberan calar anque só fose por respecto ás vítimas, calquera vítima, nesta feble práctica democrática dunhas eleccións de comparsa e compadreo. Agora, xa pasada aquela convocatoria, e diante destoutra, cómpre lembrar os métodos empregados de difamación. Agora cren que é oportunismo inhumar no Val dos Caídos. Cantas preguntas e cantas respostas por darlles. O peor, non son as respostas que se poderían dar senón que nesta situación de escoller, son capaces de convencer sen aportar solucións aos problemas que, sendo novos e vellos, véñensenos enriba en forma de paro, listas de espera, cambio climático, sanidade e saúde, saúde mental, o rural, enerxías renovables, deficiencias dos servizos públicos, seca, incendios, …etc.

Lembro isto, e agora, porque aqueles argumentos sacados de lugar e modo son infumables e ademais porque se lles ve o plumeiro na aloucada busca de beneficio, logo da grande indignación causada. Sentinme ofendido e faltado no respecto non só por min, senón por todas e todos, tamén por eles. Aínda lembro os da Operación Mola, da Tripla A ou do Batallón Vasco Español con tanto asasinato “impune”. Crimes sen resolver e moitos daqueles personaxes integrados como personaxes políticos patrocinados desde o escuro poder das “cloacas” e coa axuda dos aparatos policiais. Que esperpento! Ninguén lembra todo aquilo, nin o mencionaron os medios que espallaron outras novas. Algúns foron en listas electorais e ocuparon altos cargos, entraron en portas de especulación e xiro para se fortalecer noutros poderes adxuntos. Ninguén lembra? Nunca contaron a verdade, porque salpica a moitos. Os crimes non foron esclarecidos, ninguén colaborou coa xustiza. Ninguén pediu perdón. Non se disolveron aquelas organizacións terroristas. Non entregaron as armas. Só pasaron polo caldeiro os que non tiñan padriño, como os nosos presos políticos que, case sempre, sen delito foron culpabilizados xa de antemán e para os que se fixo unha lei incriminatoria e de escarmento.

Convén lembrar, é necesario. Sobre todo porque veñen aí outras novas eleccións e convén ter en conta todo. Nas campañas son necesarias menos palabras, máis información correcta e máis feitos.

E non quixera rematar sen facer memoria debida, pois eses mesmos que vociferaron en campaña, son os que impediron recuperarnos da aínda recente historia sobre os crimes franquistas, cunetas, masacres que inexorablemente estarán aí. E cando volvan falar de vítimas, falen tamén daquelas mortes que aínda non tiveron mención nin reparación, nin man amiga capaz de conseguir algo tan sinxelo como que sexan enterradas dignamente, para así -quizais- comezar unha etapa a modo de novidade, purga, reprobación, recoñecemento e verdade, pilar básico da dignidade. Habería que refrescar a memoria agora que volven as eleccións? Que lles parecería se volvésemos falar de Franco, aquelas atrocidades que aínda non condenaron algunhas señorías que sentan en parlamentos democráticos? Democráticos?

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.