Ricardo Castro Secretario Xeral da CUT

Ricardo CUT
Ricardo CUT

Un ano máis, como é tradición nesta casa, achegámonos ao local vigués da CUT para conversar co seu Secretario Xeral e coñecer a súa valoración sobre a situación política e social actual. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

O noso país segue a ser tratado como unha colonia”

A piques dun novo proceso electoral no estado , cal é a valoración do SX da CUT sobre a situación política e social de Galicia e do estado español?

A situación é complexa. Eu véxoa con incerteza e con pesimismo ao mesmo tempo. O noso país segue a ser tratado como unha colonia en todos os sentidos. Vemos como o actual presidente da Xunta, a modo de virei, o único que fai é pór a Xunta ao servizo dos intereses de Feijoo. Un exemplo é a suposta lei aprobada no parlamento galego para que a Xunta regule o noso litoral, que en realidade non vai servir para nada.

Por que pensas que non vai valer para nada?

Porque sería necesaria unha reforma do estatuto de autonomía para que fose efectiva. De que serve aprobar unha lei se non temos transferidos os recursos e medios necesarios para podela executar¡¡. En canto ao estado, a lectura que fago é que o suposto goberno máis progresista da historia foi un desastre.

Así, literalmente, un desastre?

Si. A parte do goberno que presuntamente está á esquerda do PSOE utilizou a ilusión xerada a raíz do 15 M para chegar ao goberno, e coa súa política esfarelou as arelas de cambios reais que a impulsaron. Teño a sensación de que vivimos un fenómeno análogo ao que xa fixo o PC na transición.

Que fixo?

Esnaquizar a ilusión da esquerda. O carrillismo fagocitou ás partes da esquerda estatal que desexaban outro tipo de estado. Neste momento ese papel , que no seu día xogou Carrillo, estao a xogar Yolanda Díaz. As mensaxes para chegar ao poder eran que ían derogar a reforma laboral e a lei mordaza, e a realidade foi que todo quedou nunha maquillaxe.

O presidente do PP seica agora ten unha opinión positiva da reforma laboral. É moi estraño porque se aprobou cun voto, presuntamente errado, dun dos seus deputados. Cal é a túa valoración desa reforma?

É normal que esta reforma sexa do agrado de Feijoo porque basicamente ven ser a mesma de Fátima Báñez, a ministra de traballo de Rajoy, con algunhas modificacións estéticas e ou semánticas. Se o PP chega a gobernar esta reforma no substancial non vai ser tocada porque a eles válelles perfectamente.

A reforma laboral non mellorou a calidade do emprego?

A única diferencia en positivo no que ao emprego se refire foi a suba do salario mínimo, que é algo alleo á reforma laboral.

O aumento de contratos indefinidos é real, ou é unha maquillaxe?

É unha maquillaxe. Alí agóchase todos nos fixos descontinuos. Estes contratos son agora indefinidos. Pero pódese considerar emprego indefinido o de unha persoa cuxo traballo real e efectivo sexa un mes ou dous ao ano?..Para min desde logo que non.

Cal é a túa opinión de Sumar?

É unha copia do sistema dos USA. Un proxecto personalista, baseado no hiperliderado que carece de proxecto ideolóxico e de visión de país.

Como está a situación da central sindical?

Estamos nunha etapa de crecemento da afiliación. Pero iso non quere dicir que vaia parello a un aumento da concienciación ideolóxica. Penso que padecemos o mesmo problema de todas as organizacións sindicais: a afiliación de hoxe ten menos conciencia política e ideolóxica cá da xeración anterior. É unha afiliación máis de resolución de problemas concretos que lle poidan afectar. A nosa labor e atendelos a todos , desde logo, e tratar de que algún, polo menos algún, tome conciencia e se acabe por converter nun cadro sindical. Pero se queremos mudar a realidade non queda outra que facelo así. É un traballo de formigas, pero imprescindible.

Cal é a túa valoración sobre o conflito do metal que, no momento de facermos esta entrevista, vive a comarca de Vigo?

Este non é un conflito illado por unha circunstancia concreta do ano 2023. Este un conflito que ten raíces históricas. Todo isto nace nos anos 80 do século pasado e resulta dun plan perfectamente estruturado para desartellar o noso sector naval. Aquela reconversión non se deu ao 100% grazas á combatividade do movemento obreiro. Pero ese proceso finou no ano 2009.Aquela folga afociñou ao movemento obreiro, e é moi grave porque era o sector máis combativo da clase obreira. Cómpre recordar que naquel momento chega á alcaldía Abel Caballero.

E o alcalde ten algunha incidencia nisto que estamos a falar?

Si, claro que si. Ese señor está baleirando de contido ideolóxico á nosa cidade. A nosa cidade , obreira e proletaria, está sendo transformada conscientemente en algo parecido a Benidorm. En definitiva as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do metal son xustas, claro que si, pero falta contextualizalas adecuadamente no proceso histórico que provoca esta situación.

A verdade é que, para calquera que teña ollos para ver e non estea condicionado por ningún tipo de apriorismo, a situación do outrora poderoso sector industrial vigués é terriblemente preocupante. Fainos unha valoración sintética tanto do estado do naval como o da automóbil?.

Vivimos nun sistema capitalista que carece tanto de patria como de escrúpulos. O naval está como está, e o automóbil non é descartable que poida chegar a estar igual. Só a conciencia de clase e a vontade de pelexar pola dignidade do sector, que poidan ter os traballadores, pode evitar a morte definitiva. Se a un traballador de Vulcano de hai 50 anos dinlle que o estaleiro acabaría por pechar non o crería nin de lonxe, pois ningunha empresa, por importante que sexa, está libre de que lle poida pasar.

Seguimos na Camiño Ricardo?

Por suposto. Para os que temos conciencia de clase e sensibilidade política a loita continúa, e está por riba de calquera sigla.