O pasado 8 de Xullo tiven a oportunidade, grazas a amabilidade de Paco Ferreira, o alcalde de Gondomar, de coñecer e conversar con Negar, Sam e Bahar. Eles son tres irmáns iranianos de 17, 15 e 11 anos de idade que estiveron preto de dúas semanas de lecer en Gondomar. A actividade forma parte dun moi interesante programa de intercambio de estudantes que organiza a veciña da vila, Mari Ángeles Villar. Os tres nenos son encantadores: educados, curiosos, cariñosos e amables. E na conversa experimentei,unha vez máis, o que me produce máis satisfacción do meu traballo, aquilo que de maneira tan fermosa describía Carmen Martín Gaite cando dicía “Non hai pracer máis elevado que a conversa, cando quen fala ten gañas de falar e quen escoita ten gañas de escoitar”.
A conversa non foi libre de todo pois non me foi permitido preguntarlles por cuestións políticas e ou relixiosas, co que tivemos que limitarnos á nada doada tarefa de tratar de descender ás profundidades da alma humana. E a conclusión foi moi clara para min: Os tipos humanos son universais. As ilusións,esperanzas, incertezas ou angustias que ten un adolescente de Teherán son idénticas, absolutamente iguais, que as miñas cando tiña a súa idade e as que poida ter calquera mozo ou moza do país galego no pasado, no presente ou no futuro.
A experiencia da viaxe a Gondomar foi moi agradable para os tres irmáns. Coñeceron unha parte do noso país, algo da nosa cultura e un pouco da nosa gastronomía. Notaron cambios substanciais de vivir nunha cidade de millóns de habitantes, a estar nun pobo tan tranquilo e agradable como é esta vila do Val Miñor. Asemade houbo outros aspectos significativos da vida cotiá, dos que nin me quero acordar nin quero reflectir neste texto, nos que tamén puideron decatarse das profundas diferencias entre o sitio no que viven e o lugar no que estiveron. Pero, a pesar dos pesares, tiñan gañas de volver ao seu país, do que se senten moi orgullosos e co que teñen un profundo vínculo emocional. Alí está toda a súa familia, alí naceron, están a crecer, e en Teherán viven o que algún día lembrarán como os luminosos días azuis da súa infancia.
Sentirse parte dunha comunidade nacional non é malo, nin bo,é o normal. Todas as persoas experimentamos o sentimento de formar parte de algo máis grande. Os que se din “ cidadáns do mundo” menten, pero é que menten descaradamente. A devandita mentira é a forma que teñen de non saír da súa zona de confort, consistente en que os nacionalistas sempre sexan os outros, nunca eles mesmos. Cando escoito algunha parvada semellante sempre me lembro dun tipo, deses que en ocasións as obrigas e compromisos fan que non che quede máis remedio que compartir espazo con el aínda que non queiras, que excretaba toneladas de bile cada vez que se refería aos nacionalismos periféricos, pero que cando vía os partidos de fútbol da selección española vibraba, sufría ,e gozaba de tal maneira que superaba con frecuencia as fronteiras da histeria.
Eu tamén me sinto parte dunha comunidade nacional, eu formo parte do pobo galego. Aquí nacín , aquí están as persoas que quero e os lugares que amo. Eu como Bahar, Sam e Negar quero ao meu país e estou interesado no ben común de todas as persoas que aquí vivimos. Por iso o 23 de Xullo vou votar pola opción política que, con acertos e erros, se diferencia das demais en que non obedece a ningún outro interese máis que ao ben colectivo do pobo galego. O 23 X, eu , director de A Nova Peneira, voto nacionalismo galego.