Con Palestina

Palestina
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A guerra é unha negra e cruel monstruosidade que amosa a parte máis terrible do ser humano. Non me podo imaxinar o terror que pode supor que alguén bombardee o sitio no que vives, que homes armados entren na túa casa e disparen contra ti ou contra os teus seres queridos. Só podo sentir horror ante calquera tipo de sufrimento, tenrura e empatía infinita por todos os seres humanos que en calquera conflito da historia da nosa especie foron vítimas de violencia. E só podo sentir desprezo e noxo superlativo polos canallas que crean as condicións que fan posibles as guerras, ou tiran beneficios dos conflitos bélicos. Este sentimento de tenrura, compaixón e piedade tamén inclúe aos israelís asasinados polos ataques dos grupos armados palestinos o pasado 7 de outubro, desde logo que si. No máis íntimo de min lamento profundamente esas mortes , sinto a dor dos seus seres queridos e desexo que todas as persoas tomadas prisioneiras pola resistencia palestina poidan regresar con vida xunto ás súas familias o antes posible. Pero négome a condenar eses ataques, pois condenalos non serve para resolver nada e desde logo que quen os condena non se sitúa nunha posición moral superior a quen non o fai. O realmente relevante, tanto desde un punto de vista práctico como ético, se en verdade se quere resolver ese ou calquera conflito, non é condenar senón comprender. Só entendendo as causas que provocan as guerras é posible tratar de atopar algún tipo de solución. E no caso da actual guerra en Gaza parece máis que obvio que non se pode manter a máis de 2 millóns de persoas encerradas de maneira permanente nunha superficie de 360 quilómetros cadrados, condenándoas a vivir na extrema pobreza , sen esperar unha resposta violenta por parte dos encerrados. Que fariamos calquera de nós? , que fixeron os xudeus no gueto de Varsovia?.

Israel é un estado que nace en 1948 e resulta de migracións masivas de xudeus de todas as partes do mundo. As persoas que chegaban non se instalaron nun deserto, fixérono nun país que estaba habitado maioritariamente por árabes e fórono colonizando aos poucos ata a actualidade na que milleiros de colonos israelís habitan , violando sistematicamente as resolucións da ONU ao respecto, as terras de Cisxordania que deben constituír parte do futuro estado palestino. Non é posible que ningún pobo colonizado acepte a súa situación sen ofrecer unha resposta. Non se deu esa situación na historia da humanidade en ningún caso , non se pode concibir que ninguén acepte iso sen ofrecer resistencia. Desde a perspectiva do colono a resistencia é terrorismo, e desde a perspectiva do colonizado lexítima defensa. Chámeno terrorismo se queren , pero o “terrorismo” créao quen coloniza.

Desde a óptica do colono só existen as súas propias vítimas. Así pois coñecemos os nomes , soños ilusións e perspectivas das vítimas israelís .Como non sentir compaixón ou empatizar cunha vítima israelí concreta da que sabemos o seu nome, as súas circunstancias, gustos e afeccións?.Pero das vítimas palestinas, moitas máis, só sabemos unha cousa: o seu número: 3.000, 4.0000, 5.000, 10.000……Os números non teñen nomes, nin sentimentos , nin expectativas nin ilusións. Como é posible sentir compaixón ou empatía polo que só un número, un maldito número como os que eran obrigados a tatuarse no brazo os xudeus na Alemaña nazi?

Por outra parte a colonización, alén de moralmente inaceptable, é causa de maneira inexorable doutra nefasta consecuencia: a pobreza do pobo colonizado. O 25 de outubro deste ano a UNCTAD( a conferencia da ONU sobre comercio e desenvolvemento )publicaba un demoledor informe sobre a situación económica de Gaza que entre outras cousas dicía:

“Desde que comezaron as restricións e peches Gaza experimentou 16 anos de retroceso no desenvolvemento”

“ Os palestinos son capaces de xerar crecemento se se lles permite producir e comerciar normalmente pero non se pode cando se aplican restricións , peches a cando se destrúen infraestruturas e bens”.

Gaza ten unha renda per cápita de 1.257 dólares( datos do 2022).Ningún ser humano pode vivir con 3,44 dólares ao día. Israel tena de 53.275 dólares (datos de setembro deste ano).Gaza presenta unha taxa de paro do 45,3% mentres que en Israel o desemprego se sitúa no 3,20%. En Gaza a taxa de pobreza é do 65% da poboación. De cada 10 habitantes de Gaza 6,5 son pobres.

A actual agresión militar que o estado israelí está a desenvolver contra os palestinos poderá acabar con toda a resistencia,asasinar un por un a cada combatente palestino( levándose no medio a milleiros de civís, nenos e nenas incluídos) pero non van resolver o problema, todo o contrario: o van facer máis grande. É imposible que ninguén acepte a colonización e a pobreza sen combater, e non van poder evitar que xurdan novos focos de resistencia armada. Só coa fin da colonización e a constitución do estado palestino, en plena igualdade co resto de estados do mundo, pode albiscarse algún tipo de esperanza para poder rematar esta espantosa traxedia que é responsabilidade de quen coloniza e oprime.

Paz e liberdade para Palestina.