Para que serven as medallas olímpicas?

Xogos Olímpicos
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

No momento de escribir este artigo estanse a disputar os xogos olímpicos de Tokio nos que Xapón, o país organizador, investiu a inmensa cantidade de 30.000 millóns de dólares. Esta competición deportiva celebrada cada catro anos debera terse producido o ano pasado pero as circunstancias sanitarias, que afectan a toda a humanidade, obrigaron a que sexan no presente 2.021, malia que se disputan en condicións excepcionais pois as competicións ou ben non teñen público ou ben un aforo moi reducido. Cada vez que o COI ten que decidir a cidade na que se celebrará unha edición dos xogos asistimos a cruentas pugnas entre as distintas vilas candidatas, que gastan grandes cantidades de cartos e pelexan con intensidade superlativa para seren as elixidas .Lembremos o número de veces que a capital do estado español intentou, sen éxito, ser a cidade organizadora e non podo deixar de recordar aquela ridiculez dialéctica da ex alcaldesa de Madrid, que no seu afán de convencer aos que a estaban a escoitar defendía as bondades da capital do estado, animando a tomarse unha “relaxing cup of café con leche”.

A narrativa oficial explica que uns xogos olímpicos supoñen enormes beneficios tanto para a cidade na que se desenvolven como para o país que os organiza pois, supostamente, un río de cartos asolagará os petos dos seus cidadáns e cidadás, e asemade poderán desfrutar de modernas instalacións deportivas que no futuro serán para o uso colectivo da poboación local que practique deporte. Por outra parte arredor de todo o universo que rodea a uns xogos olímpicos constrúese unha mística sobre a súa relación co pacifismo e os valores humanos universais

As distintas competicións deportivas premian aos tres primeiros de cada unha con medallas, así pois o 3º leva a de bronce o 2º a de prata e o gañador ou gañadora a medalla de ouro. O éxito deportivo de cada estado participante mídese en función das medallas acadadas e canto maior sexa o seu número máis se xerará, desde a maioría de medios de comunicación , unha sensación de triunfo colectivo na procura dunha especie de estadio de felicidade universal. Os diferentes estados participantes dedican enormes cantidades de cartos á procura do triunfo deportivo. E o estado español é un especialista nese campo, así por exemplo cada medalla de ouro é premiada con 94.000€ fronte por exemplo aos 50.000 que pagan os franceses , os 22.000 que abonan os EEUU, os 20.000 os alemáns ou aos 0€ que pagan os suecos aos seus deportistas que gañan o metal dourado. Tamén é certo que en España non se chega á delirante cantidade dos 640.000€ con que o estado de Acerbaixán premia as súas medallas de ouro

Pero a realidade e a narrativa coinciden?, en verdade uns xogos olímpicos son rendibles para os habitantes do país organizador?, ou se cadra só unhas elites se benefician do resultado dese evento deportivo?

Segundo apunta o economista deportivo Andrew Zimbalist no seu estudo “Circus Maximus” a resposta ás dúas primeiras preguntas é un Non rotundo, e por desgraza á terceira habería que contestala cun Si, sen matices. Neste interesantísimo traballo o seu autor sinala que tanto as organizacións duns xogos olímpicos como a dos mundiais de fútbol as ofertas para seren as cidades elixidas son “cada vez máis disparatadas e as oportunidades de corrupción están onmipresentes”. Os xogos di Zimbalist” convertéronse nun imposto sobre os estados nacionais e as súas ganancias reverten en exclusiva nos contratistas (encargados de construír as infraestruturas necesarias) e no propio COI…..Na década dos 60 o COI só levaba o 5% dos ingresos xerados polo evento mentres que hoxe xa supera o 50%”

En relación ao suposto beneficio económico para o país organizador sinala Zimbalist :” Uns xogos olímpicos deixan ás nacións organizadoras paralizadas pola débeda, o seu multiplicador económico é falso, o PIB non aumenta e o turismo non sobe”.

Sobre o suposto beneficio que para a práctica deportiva colectiva supoñen as instalacións que se constrúen, para a celebración de cada edición, o sociólogo David Goldbatt no seu artigo “por que debemos acabar coa farsa dos xogos olímpicos” indica que tampouco é verdade pois despois dos xogos de Londres 2.012 as taxas de actividade deportiva caeron xa que os distintos programas de austeridade produciron peches masivos de recintos deportivos.

A romántica idea referente a que os xogos constitúen unha plataforma para a defensa dos dereitos humanos é tamén moi cuestionable, así por exemplo, segundo indica o mesmo sociólogo, en 1968 na véspera dos xogos de México o seu goberno asasinou a 300 estudantes e cando se lle pediu a opinión ao presidente do COI comentou “estaba no ballet”. E máis recentemente nos xogos de Pekín 2008 a minoría uigur foi duramente reprimida ,ou nos xogos de Río 2.016 nos que arredor de 60.000 persoas foron expulsadas das súas casas, moitas sen recibir indemnizacións, para construíren as instalacións deportivas.

O goberno de Finlandia decidiu abandonar o patrocinio estatal na procura de medallas olímpicas, de feito hoxe os e as deportistas dese país apenas as gañan: 4 nos xogos do 2.008, 3 nos do 2.012 e 1 nos do 2016 fronte ás 19, 18 e 17 que acadou España nas 3 últimas edicións dos xogos. Os fineses invisten os cartos, que antes gastaban na procura de medallas, en transporte activo( desprazamentos a pé e en bicicletas) e accesibilidade de espazos. E non gañan medallas pero teñen a poboación maior máis activa e máis sa de todo o mundo, porque en realidade ; para que serven as medallas olímpicas?