Carta dun nacionalista galego

Bandeira galega civil
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

No planeta Terra existen 194 estados políticos recoñecidos pola ONU. Pero son moitas máis as nacións que non teñen un estado, pois en case todos os cerca de 200 países hai varias nacións. E en moitos puntos do mundo danse conflitos entre pobos como resultado das tensións entre quen aspira a constituír o seu propio estado, e quen non quere perder parte do que considera propio.

Recentemente o reino de España ven de recoñecer a Palestina como un estado de seu. Un recoñecemento xusto, necesario, tardío e que por desgraza non vai ser suficiente para deter a terrible masacre que está a cometer o estado colonial de Israel contra os palestinos, o pobo orixinario desa parte do mundo. O recoñecemento de Palestina como estado ten un aval maioritario da sociedade española, pois malia os equilibrios políticos claramente conxunturais que fan os populares, incluso estes se manifestaron partidarios da existencia dun estado palestino. Só os máis fanáticos extremistas amosan sen pudor a súa simpatía polo estado de Israel, que asasina milleiros de nenos e nenas como se fosen pulgas infectas que deban ser exterminadas.

Este aval da sociedade española é maioritario porque a natureza de nación sen estado do pobo palestino é evidente, como a é por exemplo a do pobo kurdo, a do pobo tibetano,a do pobo saharauí,a do pobo escocés,a do pobo quebequés,a do pobo xoruba…e de varios milleiros máis, incluído o noso pobo, o pobo galego. Tanto é así que ata o propio Feijoo no ano 2014 manifestara que Galicia é unha nación sen estado.

A situación dos nacións que carecen de estado político é moi diversa: desde ás que sofren opresión e violencia como por exemplo Palestina, ata as que teñen unha posición máis ou menos digna cunha certa autonomía política e a sua identidade nacional non é cuestionada por ninguén, como por exemplo Escocia. E no medio estamos nós, cunha autonomía de competencias moi limitadas que en aparencia respecta a nosa identidade nacional e permite o noso autogoberno, pero que na realidade nos sitúa na posición de sermos un país colonizado en grave risco de que a conciencia de sermos un pobo de seu quede reducida á unha anécdota insignificante. Neste sentido é especialmente preocupante o descenso de falantes de galego entre as xeracións máis novas. É tan alarmante que se pode afirmar cunha certeza case matemática que en dúas xeracións o noso idioma, un idioma de máis de 1.000 anos, vai desaparecer da vida real, a non ser que un cambio radical na política lingüística o poida evitar. E non, non se trata de ningún tipo de alarmismo. Segundo os últimos datos do IGE só un 14,27% das persoas entre 5 e 14 anos falan sempre en galego. A porcentaxe é tan ridícula que: ou hai xa unha viraxe de 180 graos na política lingüística, ou a consecuencia irremediable é a morte do noso idioma.

Nesta campaña electoral das eleccións europeas, nun mitin de apoio á candidatura do bloque, dicía o histórico Xosé Manuel Beiras “ Se o BNG non existise, este país hai tempo que tería sido borrado do mapa”. É verdade, non se pode dicir outra cousa sobre ese pensamento de Beiras que estas dúas palabras : é verdade. O nacionalismo galego é o único axente que sempre está en todas as loitas, en todas as causas xustas. O nacionalismo galego é o que non falla nunca, o que todas as veces responde, o que inequivocamente aparece detrás de calquera faixa que proteste por un abuso. É o máximo responsable de que a conciencia colectiva de sermos un pobo de seu aínda exista. É o que ten a culpa de que o facho de luz de esperanza de algún día podernos gobernar nós a nós mesmos siga a brillar.

O sindicalismo de clase combativo e digno creouno o nacionalismo galego. As entidades que defenden, nunha loita en extremo difícil, que o idioma galego siga vivo pariunas o nacionalismo galego. As loitas contra o espolio colonial ao que está sometido o noso pobo( As Encrobas, Ence, Eólicos, Altri….) protagonízaas o nacionalismo. Na solidariedade fraternal e tenra con todos os pobos agredidos e explotados nunca falta o nacionalismo galego. No feminismo, no ecoloxismo, na memoria histórica, na defensa das nosas expresións culturais, no pacifismo…. é imposible non ver ao nacionalismo.

O nacionalismo galego está organizado fundamentalmente no BNG.

O BNG é un colectivo moi grande de persoas,e como tal non é perfecto. Comete erros, claro que si, e en ocasións pode ser responsable de que nacionalistas honestos se sintan agraviados por calquera circunstancia que entendan como inadecuada. Eu mesmo nalgunha ocasión téñome sentido ofendido con algúns comportamentos e actitudes. Pero ou non lles dou importancia, ou trato de resolvelos de maneira interna, pois que a conciencia de sermos pobo galego poida seguir existindo nas xeracións futuras é máis importante que os meus intereses persoais, os meus sentimentos e as miñas opinións.

Apelo á altura de miras de todas as persoas que nos sintamos nacionalistas para que a expresión política máis importante de toda a historia do nacionalismo galego nunca volva correr perigo. E que todos os que esteamos no mesmo lado poidamos contribuír, na medida das nosas posibilidades, a facela máis sólida, porque “Sen o BNG este país hai tempo que tería desaparecido do mapa”.