Sobre a política, a antipolítica e os privilexios de clase

anti-político
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

No artigo editorial do pasado mes falaba da dificultade histórica que ten o nacionalismo político, para chegar a un segmento importante da poboación cuantitativamente máis grande có que si é capaz de acceder. E no deste mes quixera incidir nun perfil tipo de persoas ás que non só o soberanismo non pode acceder, senón que calquera proposta política innovadora, diferente que supoña cuestionar , aínda que sexa minimamente, os alicerces sobre os que se constrúe o réxime monárquico español ten practicamente imposible chegar. Si amigos e amigas, seguro que xa acertastes, son os da antipolítica os de: “ a min a política non me interesa”, “ eu non son nin de esquerdas nin de dereitas”,” nin machista nin feminista”, “non se pode facer nada”, “todos son iguais”, “ eu son cidadán do mundo”,” os outros tamén rouban”, ” E ti máis”…..

Teño a certeza de que todas as persoas que tivestes a amabilidade de chegardes ata aquí coñecedes nos vosos círculos íntimos a moitos e moitas que así sentencian, ano tras ano, por exemplo nas sobremesas oceánicas que, nas datas que se achegan, viviremos ao redor dos nosos e ao redor dos que non nos queda máis remedio. Este tipo de persoas sempre me suscitaron un enorme interese intelectual ,pois resultábame asombroso como alguén pode rexeitar participar na toma colectiva de decisións sobre a organización social da comunidade política da que forma parte, como se as decisións tomadas non lles afectasen, como se foran unha especie de Robinson Crusoe que habitaran nunha illa deserta e, xa que logo, fose a vontade propia o único parámetro que determine as decisións vitais.

O paso dos anos, e o coñecemento de moitas persoas que así se manifestan levoume a concluír que existen dous tipos diferentes que se din antipolíticos ; 1) aqueles que sofren un proceso de alienación en sentido marxista do termo. 2)aqueles que manifestando posicións antipolíticas o que están a facer, en realidade, é defendendo privilexios de clase.

No que respecta a estes últimos son un grupo ao que é imposible acceder desde calquera proposta que postule unha organización social decente, é dicir que non haxa seres humanos que vivan por baixo dos límites da dignidade. Este perfil de persoas son das que teñen dúas casas, dos que poden mandar aos seus fillos e fillas a universidades privadas, das que poden contratar caterings para as súas celebracións e eventos, das que poden ir de viaxe cando queren e a onde queren…E si, si que lles interesa a política , pero afirmar o contrario é a forma cómoda de evitar que a súas conciencias saían da zona de confort que supón obviar que os nosos actos si teñen influencia nas vidas de outros e outras. Non son antipolíticos son de dereitas. Son en aparencia amables, educados, supostamente sensibles ao sufrimento alleo ,ata pode que colaboren con algunha ONG , pero todo iso muda cando os camiños espirais da historia atravesan por algún meandro no que o contexto poida supor algún tipo de ameaza aos seus privilexios de clase, si de clase. Nese instante a súa verdadeira faciana de bestas sen corazón verá a luz. É nese momento cando Pablo Iglesias é unha “rata”, cando o presidente do goberno é “Perro Sánchez”, cando os nacionalistas periféricos somos “uns racistas , golpistas ………”Este perfil de persoas son o substrato que alimenta ao fascismo, son a “derechita covarde” da que se alimenta á ultra dereita explícita, que nunca, si nunca, podería existir sen ese substrato que os nutre. Tratar de acceder a eles é bater en ferro frío. Non son permeables aos argumentos e só lles importa que non se cuestione a súa forma de vida, os seus privilexios de clase, si de clase.

E por último están aqueles que encaixan na explicación marxista ao concepto de alienación. Para Marx a alienación consistía en separar ao traballador do obxecto que produce e que ambos fosen tratados como realidades diferentes. E un antipolítico funciona como se o contexto no que vive non fose con el, como se a sociedade e o individuo funcionasen de maneira autónoma. Son obreiros, persoas ás que lles custa ferro e fariña chegar a fin de mes e que alienados polo sistema dirixen as súas emocións máis íntimas a factores alienantes como o fútbol, ou as lotarías( a proliferación de casas de apostas non xorde por casualidade).É a ese perfil ao que o soberanismo galego debe dirixirse, entendo eu, para facer máis grande a súa base, porque en realidade; a quen non lle pode parecer ben que os seus propios recursos se utilicen para o benestar colectivo da comunidade da que forma parte?