Na parroquia de Tameiga, na Avenida do Rebullón 23, está o Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas. Eles son un colectivo vivo, dinámico, áxil e lúcido que traballa polo ben común dos comuneiros e comuneiras de Tameiga. Un dos servizos que ofrece é unha espectacular sala de concertos, a Sala Rebullón, que ten gañado en dúas ocasións o premio á mellor sala de concertos de Galicia.
Na xestión deste sala, que en maio cumprirá nove anos de vida, ten un papel esencial o seu coordinador, o noso prezado amigo Cao de Mos. Nós quixemos conversar con con el para coñecermos mellor o funcionamento da sala. Non puido atendernos( tranquilo Cao que te queremos igual), pero falamos con dous profesionais que traballan nas Pedriñas, Carlos e Alberto, que nos recibiron moi amablemente e nos contaron a historia e o funcionamento desta sala de concertos .
Carlos Roca , Alberto Pérez, traballadores do CC As Pedriñas
“ Despois de 9 anos de vida, de infinidade de concertos, de milleiros de persoas que veñen á sala , de termos gañado dúas veces o premio Martín Codax.. o goberno de Mos segue sen facernos o máis mínimo caso”
Carlos , Alberto canto tempo levades traballando nas Pedriñas?
Eu desde o 2017, responde Carlos,
Eu comecei en novembro do 2024, di Alberto
Cal é o voso traballo en concreto?
Facemos un pouco de todo relacionado coa actividade do centro, pero fundamentalmente traballamos na parte informática.
Aínda que As Pedriñas atinxe a numerosos eidos da vida de Tameiga, esta conversa ten por obxecto falarmos da sala Rebullón. Tócavos falar a vós..
A sala Rebullón é unha sala de concertos que pronto cumprirá 9 anos. Naceu en maio do 2017.O seu financiamento depende da Comunidade de Montes, que como sabes traballa dunha forma moi coordinada co Centro Cultural.
Como se determinan a programación da sala e a periodicidade dos concertos?
Temos unha actividade de concertos regular que se divide en dous períodos: Primavera( de febreiro a maio)e Outono( de Outubro a Decembro).O resto do ano fanse outras actividades complementarias como teatro, charlas…A sala só pecha nos meses de Xullo e Agosto.
Como se escollen os grupos?
A persoa que ten un papel máis importante no proceso é Cao, o coordinador da sala, que tamén é o vicepresidente da CM e do CC. En calquera caso estamos nun punto no que en moitas ocasión xa son os propios grupos os que buscan vir á sala Rebullón. Tamén colaboramos con dúas promotoras e eles xestiónanos algúns concertos.
Os concertos que días son?
Son de venres a domingo, agás que por calquera circunstancia excepcional a un grupo determinado que estea de xira, e que a nós non interese, lle cadre pasar calquera día da semana. Entón tampouco temos problema en montalo o día que sexa.
O estilo musical que se capta é máis ou menos o mesmo, ou buscades tendencias musicais diversas?
Aproximadamente estaremos nun 60% de Rock, logo tamén hai unha parte moi importante de folk e igualmente temos algo de Rap, música de autor e outros estilos moi diversos. O que si se pode dicir que é a ampla maioría dos grupos teñen música propia. As bandas de versións que temos son poucas.
Hai espazo na sala para a música popular galega e en galego?
Por descontado que si. Un espazo enorme.
A media de idade do público cal é?
Hai de todo, pero a maioría dos asistentes penso que están entre os 30 e os 40 anos.
Que capacidade ten a sala?
350 persoas.
E cantas persoas adoitan vir aos concertos?
Ás veces máis, ás veces menos. Pero podemos dicir que unha media de máis ou menos 200.
É necesario ser comuneiro para poder asistir aos concertos?
Non, son de entrada libre.
Cobrades entrada?
Normalmente si.
E os prezos?
Se se trata dun grupo de moito prestixio podería chegar a 25, pero normalmente están entre os 10 e os 15€.
Pero con esas cantidades podemos estar entre os 2.000 e os 2.500€ de recadación aproximada por cada concerto. Dubido de que se poida financiar só con iso.
Non, claro que non. Con iso non se pode financiar a sala nin de lonxe. O financiamento é posible grazas á Comunidade de Montes. Tamén temos que dicir que o certo é que a música está moi mal pagada.
Algunha vez tivestes algún problema de orde pública ou de seguridade?
Non, nunca.
Que tipo de relación tendes coas distintas administracións?
Digamos que conflitiva.
Algunha ocasión recibistes algún tipo de axuda dalgunha administración?
Algunha da DEPO, pero porque temos participado ás veces nalgúns programas que convocan e ao cumprirmos os parámetros da convocatoria non lles queda máis remedio.
Vós sodes un local de Mos. Nos 9 anos da vosa vida tedes argallado ducias de concertos, algúns de grupos de grande prestixio. En todo este tempo milleiros de persoas viñeron a Mos a algún dos vosos concertos. Sede sinceros: O goberno de Nidia Arévalo algunha vez tratou de interesarse pola vosa actividade, polos vosos problemas ou necesidades? Ou nunca vos fixo nin caso?
Nunca nos fixo o máis máis mínimo caso. Aínda estamos agardando que nos dean os parabéns por termos gañado dúas veces o premio Martín Codax.
Explicádenos iso do Martín Codax?
Son os premios da Asociación Galega de Música. Teñen diversas categorías, unha delas é a de mellor sala galega de concertos. Nós gañamos ese premio no ano 23 e no ano 25.
É un premio que non comporta recoñecemento económico pero si ten un enorme prestixio no universo da música galega.
En toda a vosa historia no Rebullón se tiverades que salientar a algún grupo dos que pasou pola sala pola súa especial calidade, cal diriades?
Hai un feixe deles. Non é posible quedarse con un só.
Vós tamén facedes o Miudo fest. En que consiste?
É un festival que nace hai 10 anos, un ano antes que a sala. É un festival para nenos e nenas pero é un evento no que apostamos por darlle á cativada un espectáculo como se fosen adultos e que poida vir a familia ao completo. Normalmente facémolo en coincidencia coas letras galegas.
A Sala Rebullón ten futuro no tempo?
Polo volume de persoas que veñen aos concertos, e pola repercusión que teñen estamos seguros de que mentres a veciñanza de Tameiga queira a sala Rebullón seguirá existindo.

Primer comentario