Festas do Cristo do Porriño 2022

Festas do Cristo do Porriño 2022

Música, orquestras, espectáculos de rúa, deportes, gastronomía… As Festas do Cristo 2022 do Porriño volven de novo coa chegada de setembro. Aínda que as festas darán inicio oficialmente o venres 23 de setembro, a tan esperada programación deste ano, despois de dous anos polas limitacións da pandemia, está a ser preparada con moito mimo por parte da corporación municipal do Concello quen é o encargado da organización do patrón desta fermosa vila.”

Segundo sinala o historiador porriñés Leandro Diz, a festa do Cristo celébrase no Porriño desde o ano 1650. Nos últimos cen anos, esta festa foi documentada por diferentes fotógrafos, como Bermejo, José Moreira, Company, Ramiro, Lola Magno, Díaz e Rodríguez. De feito, no 2016, en Porriño, e enmarcado na programación desa edición, fíxose unha exposición fotográfica do percorrido histórico dos últimos cen anos desta festa. Nela púidose lembrar os famosos “carros triunfantes”, que empezaron a saír á rúa na procesión de 1905, representando ao Neno Xesús e con nenas vestidas de anxos. O proxecto expositivo permitiu tamén coñecer que xa nos anos vinte, en previsión do gran número de persoas que se desprazaban ao Porriño para esta festa, a empresa de tranvías aumentaba o número de viaxes. Así mesmo, quedou documentado que os primeiros cabezudos que se viron nesta festa foron doados no ano 1904 polo doutor Ricardo Carrera, que mandou traer catro parellas deles desde Madrid.

A exposición tamén foi unha boa ocasión para recoñecer a algúns veciños retratados polos fotógrafos durante as festas, ver como estaba a vila naqueles anos e lembrar figuras coñecidas e queridas no Porriño, como axentes da policía local, concelleiros, músicos, curas ou mestres que deixaron pegada ao longo dos anos.

A programación deste patrón porriñés foi mudando e avanzando ao longo deste século, igual que foi mudando e avanzado a sociedade. Nos últimos anos as actividades levadas a cabo durante o mes de setembro, na vila, non faltaron eventos musicais e concertos dos grupos e artistas do momento, o deporte, a gastronomía, o cine e, como non, os actos relixiosos. Aquí podemos nomear a “O Cristo do Rap”, festival de cultura urbana no que hai actividades relacionadas co hip-hop, cun formato totalmente gratuíto onde se celebran batallas de galos, break dance, concertos, grafitis, … “O Festival Montando O Cristo”, rock vivo e en directo no Porriño. Tampouco falta a nota de humor contando con humoristas dos noso tempos. Cinema para os máis pequenos e pequenas. Tamén unha serie de actividades deportivas para todo tipo de disciplinas como o Kung-fu, ximnasia rítmica, ciclismo, balonmán ou tenis sen deixar de mencionar a súa xa coñecida “Milla urbana do Porriño” ou o “Encontro Internacional de Aeromodelismo”, que se fai en Pontellas e normalmente a última fin de semana do mes.

Para ter un pouco máis de información sobre o formato deste ano conversamos con Alejandro Lorenzo, alcalde da Vila

Alejandro Lorenzo alcalde de O Porriño

Para esta edición do Cristo vai haber numerosas actuacións e grandes sorpresas que agardo atraian a moita xente ao noso concello.”

Como se presenta a Festa do Cristo este ano?

Con menos recursos que outros anos. Esta festa, non se celebrou nos dúas últimas edicións pola pandemia e o concello vén prorrogando os orzamentos desde o ano 2018. A través de cada prórroga, sen contar con orzamento novo, os gastos aumentaron considerablemente. En materia de persoal estamos a falar de máis de 1.400.000€, o servizo que realiza a empresa de mantemento da piscina municipal subiu de 300.000 a 600.000€, o lixo subiu de 1.100.000 a 1.400.000€… Así con numerosos servizos que están a subir todos estes anos sen contar cunha partida orzamentaria nova. Este ano nós, nos 7 meses que levamos de mandato, presentamos uns orzamentos novos, pero foron rexeitados no Pleno. Para afrontar os gastos derivados de todos estes servizos temos que tirar doutras partidas como as de festas ou deportes, agora mesmo temos uns recursos moi limitados para celebrar este ano as Festas do Cristo, temos que reducir os días de festexos, pero aínda así tentaremos facer a mellor festa posible.

En que datas exactas vai ser?

A intención é de seguir facendo todo o mes de setembro festa como vén celebrándose así desde hai anos. As propias Festas do Cristo coinciden cos días 23,24,25 e 26 de setembro. E logo a Festa dos Callos, a primeira fin de semana de outubro, os días 1 e 2, que tamén vai dentro da programación das Festas do Cristo.

Tedes pechada a programación?, podes adiantarnos algo?

A verdade é que non, son un mes enteiro de festas, temos que facer números e contar con bastante axuda para poder levar a cabo unhas festas acordes ao noso pobo.

Contades con algunha achega económica doutras administracións para celebrar esta festa?

Imos recibir unha axuda da Deputación polo Plan Cultural, e este ano contaremos tamén cunha axuda importante da Xunta de Galicia e da Consellería de Turismo.

Que significa a Festa do Cristo para O Porriño?

Esta é a festa máis importante para o noso pobo, con moita tradición e na que se reúne moita xente. Desde o mes de febreiro empézanse a celebrar festas polas parroquias e barrios de todo o concello e esta festa é a que lles pon o broche final ás festas do ano e ao fin do verán.

Que importancia lle dá ou teu goberno a este tipo de eventos?

Esta festa é a máis tradicional, a que máis representa ao noso concello e é unha festividade que se espera todo o ano. Evento no que hai un pregón, numerosas actividades, participacións de todas as asociacións culturais e clubs deportivos, ademais de contar con moitos días de festexos e coa implicación de toda a xente do noso concello. Son as nosas festas patronais e pódense celebrar grazas a toda a xente que se implica nelas, senón sería imposible realizar unhas festas tan grandes.

Por último Alejandro, utiliza as nosas paxinas para convidar aos lectores e lectoras a que visiten Porriño na Festa do Cristo.

Vai haber numerosas actuacións e numerosas sorpresas que atraerán a moita xente ao noso Concello. Somos un Concello de máis de 20000 habitantes e estas festas representarán a todo un pobo e o agarimo que ten o noso pobo pola xente que vén visitarnos. Animo a vir a todo o mundo, haberá todo tipo de actividades para os máis grandes e os máis pequenos tamén. Poderán gozar dunha marabillosa festa, dunha marabillosa xente, duns marabillosos callos e dun pan impresionante que se elabora no noso concello, sen deixar de visitar tampouco aos nosos comercios.