O pasado sábado 27 de xuño na área recreativa de Abelán, na parroquia de Fornelos da Ribeira, disputouse a 4º edición do torneo de fútbol 7 “ Champions Lama”. Este torneo está organizado polos veteranos do equipo da parroquia , o equipo que ten un dos nomes máis bonitos do mundo: o Progresista de Fornelos. O torneo contou coa participación de 16 equipos, 12 de adultos e 4 de nenos e nenas, e foi precedido a noite do venres por unha churrascada acompañada por actuacións musicais que fixo as delicias da veciñanza de Fornelos e das parroquias próximas. Esta competición ten dúas peculiaridades que a fan especialmente atractiva:-O terreo de xogo é enlamado adrede para fomentar o espectáculo-Os equipos deben de ser obrigatoriamente mixtos para propiciar un dos eixos fundamentais no pensamento de calquera persoa progresista: A igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade. Nós conversamos con Gabriel, o secretario do equipo, para coñecer mellor esta interesante iniciativa.
Gabriel Martínez Giráldez.
“Queremos que o torneo de fútbol 7 teña continuidade no tempo”
Que relación tes ti co torneo?
Eu son o secretario do club.
Entendo que Fornelos é a túa parroquia natal?
Si, eu son natural de Fornelos da Ribeira.
Sempre me chamou a atención, en positivo, o nome do equipo da parroquia “ O Progresista”.Sabes o motivo polo que se chama desa maneira?
Creo que o nome ten relación co dun sindicato agrario que se fundou nesta parroquia nos anos 30 do século pasado. Eu creo que algunhas das persoas que fundaron o club non eran conscientes das connotacións que ten o seu nome.
En que ano se fundou O Progresista?
En 1977. Xa nos queda pouco para o medio século de vida. Conservo con cariño un recorte de prensa no que fan a crónica do primeiro partido da nosa historia. O equipo de veteranos fundámolo arredor de 10 anos.
O torneo de fútbol sete “ Champions Lama mixto”, que organizan os veteranos do progresista, xa vai pola IV edición. Cal foi a finalidade da creación dese torneo?
Inicialmente que se convertese nunha fonte de ingresos para o equipo de veteranos. Tamén queremos que a xente se divirta e goce do fútbol, e por suposto fomentar os valores do deporte. Algo de cartos para o club si que conseguimos, neste sentido teño que agradecer as colaboracións xenerosas das empresas e negocios que nos axudan.
Cales son as características do torneo?
O torneo é de fútbol 7. Preparamos unha finca a carón da área recreativa de Abelán, ás beiras do río Tea, e enlamamos o terreo de xogo, o que acrecenta a dificultade para os xogadores e xogadoras pero conseguimos que o espectáculo sexa moi atractivo.
Cantos equipos participaron?
Doce equipos de adultos e 4 de nenos. Os equipos teñen que ser mixtos, exiximos que como mínimo haxa dúas mulleres en cada equipo.
De que idade son os participantes?
Os nenos ata 12 anos. E no caso dos adultos non pomos ningún tipo de límite. Mentres o corpo responda e haxa gañas de xogar, e pasalo ben, poden participar.
Como é a experiencia dos equipos mixtos?
Moi boa, a verdade é que non ocasiona ningún tipo de conflito.
A que área xeográfica pertencen os equipos participantes?
A maioría son da nosa comarca, pero tamén temos algún de localidades próximas e incluso de Vigo. Normalmente temos máis solicitudes de participación das que temos capacidade para atender.
Que levaron os equipos gañadores?
O equipo campión levou 300€ e o segundo clasificado gañou un xamón. Home a todo o mundo, cando compite, gústalle gañar pero o máis importante e pasalo ben e gozar dun día moi divertido de fútbol e festa.
Como é a acollida que ten o torneo na parroquia de Fornelos?
Moi boa. Temos un público moi numeroso, non só da nosa parroquia senón tamén de parroquias veciñas.
A data de celebración sempre é a mesma?
Non. Si que sempre o temos feito na segunda quincena do mes de xullo, pero a data en concreto depende das circunstancias.
O torneo canto dura?
Comezamos sobre as 10 da mañá e rematamos sobre ás 22.00 h. O torneo é un sábado pero a festa que o acompaña comeza a noite do venres. Facemos unha churrascada que acompañamos con diversas actuacións musicais. Estivemos ata as 4:00 da mañá e o resultado de público foi excelente.
O concello que tal se portou con vós?
Botan unha man. Non temos queixa.
A pretensión dos organizadores é a de darlle continuidade no tempo ao torneo?
Si claro. Esa é a nosa idea.