COUSAS DE SALVATERRA. A guerra de Restauración portuguesa. Continuación.

Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Na altura do ano 1654, entre a rexión portuguesa do Douro – Miño e a Galiza, continuou sen alterar substancialmente o sosego dos anos precedentes e o Vizconde de Vilanova continuaba no goberno das armas desa Provincia.
Esta tranquilidade relativa ficou alterada pola disposición dun corsario inglés chamado Xoán Colarte que atacou as costas das rias galegas, en concreto na ría de Vigo na que se adentrou con unha escuadra de sete fragatas, bombardeando a esgalla as poboacións costeiras, alterando a tranquilidade dos habitantes. Seica despois de centar o ataque sobre Vigo sen causar danos especiais, esta frota corsaria sairía da ría antes de que racionaran as escasas defensas da cidade. Parece ser que estes ataques tiñan que ver con posibles débedas por parte das autoridades galegas ó corsario, por impago das capturas de barcos inimigos. Para mellor comprender este episodio recomendo a leitura na Rede de, “Ataque corsario na ría de Vigo”, do historiador cangués Xerardo Dasairas.
Os galegos entenderan que este episodio do ataque fora acordado entre o corsario e o Vizconde portugués, premeditadamente, para debilitar as súas forzas tendo que acudir a defensa de Vigo. En consecuencia os portugueses aproveitaron a conxuntura saíndo da fortaleza de Salvaterra con quinientos infantes, outros tantos gastadores e 80 cabalos. Arrasaron unha dilatada trincheira que os galegos levantaran entre os fortes de Aytona e Fiolledo, que era de gran importancia para a defensa dos seus labradores e para o abrigo das súas tropas. Os galegos non fixeron máis oposición que disparar a artillería e mosquetería dende os fortes, de xeito que tan só resultou ferido un capitán de Auxiliares chamado Bertholameu Pereyra .
O corsario Xoán Colarte acabou, como xa dixemos, por retirarse da ría e non correr o perigo de ser capturado el e os barcos. Enterado o Vizconde desta retirada, aproveitou tamén para recoller as tropas da incursión. Pasado algún tempo conseguiu licenza do Rey para personarse na Corte e ficou a provincia de Douro-Miño entregada a D. Francisco de Azevedo como Gobernador provisional.
Entrado o ano 1655, o Vizconde de Vilanova finalmente non volveu o seu cargo de Gobernador da provincia de Douro e Miño, sucedeulle no cargo D. Álvaro de Abranches da Cámara. Decorreu o ano sen accións dignas de noticia algunha. O mesmo sucedería durante o ano seguinte de 1656, iso no campo de batalla, porque no político foi o ano no que morreu o Rey D. João IV o 6 de novembro, creando un problema sucesorio. A Raíña consorte, Luisa de Guzmán, tivo que exercer a rexencia entre 1656 e 1662, pola minoría de idade do herdeiro Alfonso VI, quen contaba á morte do pai tan só 13 anos.
Xa no ano 1657, ó mesmo tempo que o Duque de S. Germán deu comezo ó sitio de Olivença na Extremadura, saiu en campaña na provincia de Entre Douro e Minho, D. Vicente Gonzaga, que gobernava as Armas do Reino da Galiza, determinando que o Reino de Portugal se sublimase entre os traballos e perigos que D. Vicente traía consigo, sendo un exército de seis mil Infantes pagos, seis mil Milicianos e novecentos cabalos con todas as prevencións necesarias para conseguir unha gran acción. Gobernaba as Armas de Entre Douro e Minho D. Alvaro de Abranches da Cámara pero este abarcaba unha área moi extensa chegando até Oporto a súa influencia, o que daba lugar a que os lugares fronteirizos non estiveran optimamente defendidos, polo que podían ser facilmente conquistados.
As preparacións do exército da Galiza foron rápidas e a noticia deste gran movemento chegaron a D. Álvaro con certa confusión xa que non daba crédito ó lugar onde sería máis prioritaria a defensa da provincia, dada a escaseza de medios. Contaba con Infantería paga, que guarnecía oito Prazas daquela Provincia, de seiscentos Infantes, de que se compuña un só Tercio, de oitenta cabalos divididos en dúas Compañías. Nas Prazas atopábanse poucos suministros e menos municións. Nas pequenas estradas que cortaban a dureza das serras da Raia seca, estaban defendidas por poucos mosqueteiros, que inda ser de gran servizo, en realidade non facían moita oposición. En definitiva faltaba de todo para a defensa da Provincia, por contra as Armas de Castela eran moi abondosas.
O primeiro de Maio saíu en campaña D. Vicente Gonzaga sen artillería e con poucos avituallamentos, marchou pola raia seca, tendo D. Álvaro de Abranches mandado a Francisco Peres da Silva, Mestre de Campo do Terzo de pago, que con os seiscentos Infantes que contaba, fora estorbar nos pasos e esteiros da serras ó exército inimigo, procedeu con tal falta de dilixencia que os galegos pasaron as serras sen a menor dificultade. Avistaron Castro Laboreiro, Melgaço, Monção e Lapela, fixeron alto sobre Valença, que ainda que pouco fortificada, estaba mellor guarnecida que as outras Prazas, por terse resgardado nela catro Capitáns pagos coas suas Compañías, contaban con douscentos soldados e tres Compañías de Auxiliares con trescentos homes…
Continuará..
Salvaterra 14 de Xuño do 2025
Antón “Xaque”.

Planta xeométrica de Salvaterra, prospectiva de Salvaterra vista de Galissa / G. du Ponçel delinea. Gallica.
(Xentileza dos Sres. D. Xoán R. Carnero e D. Darío Pino.)