Frearmos o Capitalismo Epstein

Moncho Lareu, Profesor
Moncho Lareu, Profesor

Hai unha polémica coa decisión do goberno español de regular o acceso aos menores de 16 anos ás redes sociais sistémicas. Obviamente ese acceso vai ser sorteado de múltiples formas por unha xeración que nace cun móbil na man. Aliás, sabemos que o único que lles entra aos menores dende os ecráns dos seus móbiles son dúas cousas: porno e fascismo. No fondo son case mesmo: a pornografía é a sublimación fascista do sexo: violencia, dominación, humillación, machismo; e o fascio é a versión pornográfica da política: sexismo, irracionalidade, amoralidade, ignorancia. Como estar a favor deste acceso? A pregunta é: teñen capacidade crítica os maiores de 20? de 30? de 40?… Baixo o capitalismo, imposíbel. Estamos na Caverna de Platón, e para os da LOXSE, en Matrix. Antes disto xa tiñamos obreiros de dereitas, galegos españolistas e mulleres machistas. Marx e Engels xa falaban de alienación, por non citar Gramsci, claro.

Hai outra polémica coa proposta de Gabriel Rufián de unir á esquerda reformista á esquerda do PSOE nunha única candidatura. Aquí en Galiza, dende o BNG a negativa é rotunda. Un Bloque que reivindica Castelao. Un Castelao que co sector republicano e de esquerdas do Partido Galeguista uniuse á Fronte Popular cando foi preciso. Risco non quixo. Eu teño claro dende hai anos que no BNG son máis de Risco, cada vez máis. Excúsanse na “experiencia das Mareas”. Curiosa excusa: o único que quedou claro da experiencia política da década dos 10 foi que o Bloque é unha Forza do Réxime que tivo que botar man da banca sistémica e da prensa colonial para non desaparecer e finalmente fagocitar o espazo político desas “españolistas” [sic] Mareas. Por non falar do “salvavidas” que foi instrumentalizar e apropiarse por enésima vez da CIG.

Porén, aplicar ese “Plan Rufián” en Galiza significaría que nas próximas eleccións xerais burguesas, só se presentase o BNG como única candidatura reformista. Non o farían nin Sumar, nin Podemos, nin nada similar. Esa é a teoría, outra cousa é que acepten tal. Lembremos que Podemos non, pero Sumar si que acada (ou acadaba) representación en Galiza cando se celebran eleccións estatais. Coido que na Avenida de Lugo non están a facer ben os cálculos, probabelmente cautivos do seu búnker ideolóxico purista (coroneis “camisas viejas” e coroneis “pop” do pontonismo) e desatendendo, erradamente, á grande masa de votantes da “fronte patriótioca” que no seu día levaron 6 galegos e galegas ás Cortes. Sería un erro para unha forza electoralista non colaborar en frear electoralemente un fascismo que xa comeza a aparecer con representación en Galiza nalgunhas enquisas.

Namentras, as clases populares, as forzas obreiras, as frontes antifascistas que actuamos nas rúas dende o terreo sindical, estudantil, feminista, cultural… non debemos confiar nin o máis mínimo en que se poida frear o fascismo nas urnas se non se fai tamén nos centros de traballo, nas aulas, nas fábricas, nas facultades, nos espazos públicos, nas asociacións de todo tipo. Os electoralistas ao seu; nós ao noso. Como xa ten demostrado a historia da clase traballadora, tan só a autoorganización do Pobo pode frear de todo ese fascismo que, coma sempre, aparece “misteriosamente” cando o capitalismo se encontra ameazado, desacreditado e en crise. Ao final, todo este neofascio que atordoa aos máis novos e –aos non tan novos– é o capitalismo máis pornográfico, o Capitalismo Epstein.

Primer comentario

Deixa a túa opinión