Este ano haberá eleccións sindicais en Citroën. Sempre que se dá esta circunstancia non podo evitar lembrar con tenrura un episodio persoal que reflicte de maneira metafórica creo eu o que son os procesos electorais nesa empresa. O defunto do meu pai traballou 38 anos alí, xubilouse no ano 96 e faleceu un ano despois. Máis de 20 anos despois da morte do meu pai levaba eu no coche á miña nai e pasabamos por diante da factoría. Naquel momento ela estaba afectada por un alzheimer en fase terminal que lle fixera perder as facultades motrices e volitivas case absolutamente, de feito levaba meses sen pronunciar unha soa palabra. No momento que pasabamos por diante da fábrica díxenlle eu:” Mira mamá, sabes que é ese edificio?, Citroën, alí traballou papá “ e ela despois de meses sen dicir nin palabra, non sei o motivo pero si podo intuílo, naquel momento volveu falar para dicir o que foron case as últimas palabras da súa vida “ gañaron outra vez os amarillos, non?”.
Iso , exactamente iso,é o que son as eleccións sindicais en Citroën.
No último proceso electoral a CIG perdeu a representación no comité de empresa , veremos se é capaz de recuperala nas eleccións deste ano, e no actual mandato só é a CUT a central sindical que exerce de maneira digna o papel sindical que as outra centrais con representación no comité eluden exercer. Nós falamos con Vitor o responsable sa sección sindical da CUT na empresa.
“Nas próximas eleccións sindicais animo aos meus compañeiros e compañeiras a que voten, que voten con liberdade e que voten sen medo”
Este ano teremos eleccións sindicais na vosa empresa. Xa sabemos cando van ser?
Non o sabemos con certeza pero calculamos que serán a comezos do mes de novembro.
Estamos a medio ano de que remate o mandato. Como o valora a CUT?
Están sendo catro anos máis de retrocesos económicos e sociais. Segue a existir unha maioría do comité de empresa que non ten problema algún en asinar recortes e que fai un traballo claramente contrario aos intereses da clase traballadora.
Concrétanos en que consisten eses supostos retrocesos económicos e sociais?
As relacións laborais son cada vez máis precarias. Levamos anos con ERTES e con ERES. Temos case un 25% de eventualidade, cerca do 50% do persoal con contratos a tempo parcial. A pesares de bater récord de produción non existe un reparto de beneficios. O IPC anual non se garante nos soldos dos traballadores e traballadoras e a produtividade aumenta sistematicamente a costa de ritmos e cargas de traballo cada vez máis inasumibles. En consecuencia a incidencia sobre a saúde das persoas que traballamos na factoría é cada vez maior.
Todos esas razóns que esgrimes son argumentos de peso. Os tres sindicatos que vos acompañan no comité( SITC-CCOO-UGT) manteñen a mesma posición de nula belixerancia ante ese tipo de condicións de traballo?
Si, absolutamente a mesma posición. Todos os acordos sempre son asinados conxuntamente polos tres sindicatos. Isto é sempre así con independencia do tipo de acordo. Incluso cando ese acordo é , ao noso xuízo, unha flagrante discriminación, como o é por exemplo o acordo sobre a paga de beneficios.
Por que motivo credes que ese acordo sobre a paga de beneficios é discriminatorio?
Porque as persoas que queden en incapacidade temporal non teñen a mesma retribución económica que as que estean traballando todo o ano natural. E iso sen entrarmos a valorar que moitas das patoloxías que causan as baixas teñen unha orixe laboral.
Como valora a CUT os resultados económicos do grupo no ano 2025?
Para nós son uns resultados positivos. As vendas incrementáronse. O que acontece é que os movementos financeiros e compromisos aos que chega a empresa son máis que cuestionables.
En relación ao ERE do 2026 que tes que dicir?
Segue a mesma tónica cós anos anteriores. A empresa argumenta que se fai para darlle saída ás persoas de difícil “empregabilidade”, os que por cuestións de saúde teñen complicado desempeñar o seu traballo.
En realidade o que vemos é que somos unha empresa que está creando persoas enfermas, como consecuencia do seu traballo, e cando consideran que a persoa xa non interesa pois se prescinde dela.
Entendo que vós estades en contra?
Desde logo que estamos en contra. Fomos o único sindicato que votou en contra do ERE, os outros tres votaron a favor e o asinaron.
Cantos delegados ten a CUT na actualidade?
Somos 3 nun comité de 33.
E como se leva iso de ser unha illa de sindicalismo de clase nun mar de sindicalismo amarelo?
É difícil de levar, si. Supón unha enorme cantidade de presión porque tes que pelexar non só contra quen tes en fronte senón tamén contra quen tes ao lado. Ás veces a conivencia entre a empresa e a maioría do comité é tan sumamente descarada que, por exemplo, o ERE xorde porque supostamente é algún sindicato que o demanda, e a empresa non fai máis que acceder ao desexo sindical.
Lamentable, non hai outra palabra para describilo.
Parece difícil que poida ser peor
Pois si, si que é peor.
Explícate?
Cando temos levado á empresa a algún xulgado para cuestionar algúns acordos que nós entendemos claramente lesivos o resto do comité apoia as posicións da empresa. E claro ao haber unha maioría sindical que asina os acordos, xa poden ser os máis disparatados do mundo, os xulgados entenden que son válidos e xa nin entran. As veces temos vivido situacións delirantes que incluso superan o surrealismo.
Por exemplo?
Pois temos vivido un ERE de extinción e ao mesmo tempo a empresa recibe axudas públicas do Concello de Vigo para a contratación de persoal.
Ás veces non sentes como se estiverades pelexando sos contra todo o mundo?
Si, claro que o sinto moitas veces. Pero eu son unha persoa comprometida e ideoloxizada. E as persoas que estamos comprometidas co ben común non podemos abandonar nin mirar para outro lado, nunca. Especialmente nun contexto tan delicado como este no que a extrema dereita ameaza gravemente dereitos que tanto esforzo custou conquistar a quen estivo antes ca nós.
Por outra parte ás veces logramos pequenas vitorias sindicais que nos dan moitos folgos para seguir pelexando.
Nas eleccións de hai 4 anos gañastes un Laudo que ordenaba repetir as votacións á empresa porque entendía, quen ditou ese Laudo, que a CUT tiña razón na súa denuncia de que as eleccións non eran autenticamente democráticas. Logo a empresa recorreu o Laudo no xulgado e o xuíz deulle a razón e anulouno. Recórdanos por que entende a CUT que o voto está controlado e mediatizado?
Nas eleccións ten que haber cabinas nas que estean depositadas as distintas papeletas para que cada votante colla de maneira absolutamente anónima e libre a que considere oportuno. Despois existen unhas mesas auxiliares cuxa única función debera de ser dotar de papeletas e sobres por se nas cabinas faltasen papeletas ou sobres.
O que entende o arbitro e máis nós, é que na nosa empresa as mesas auxiliares utilízanse como mecanismo de control de voto. Non é que exista unha norma que o determine pero si hai unha tendencia moi acusada en coller o voto da mesa porque quen entre na cabina a votar arríscase a non ser tido en consideración cando se debate algún tipo de mellora de categoría ou cuestións análogas.
Iso é en verdade así?
E tanto que é así. Fíxate por exemplo en que as novacións de contrato non se fan por antigüidade senón que se fan a dedo.
As mesas auxiliares son fáciles de controlar?
Si. De feito están colocadas en puntos estratéxicos para que sexa moi fácil controlalas non só por parte da mesa, senón tamén por parte dos interventores sindicais. Outra cuestión que tamén quero denunciar e que tamén se valora no laudo, é que as persoas non van votar individualmente, van de dúas en dúas: un traballador fixo e un eventual. Se iso non é unha forma de control xa me dirán o que é¡¡
Nas eleccións deste ano prevés que o sistema vai ser o mesmo?
Si, claro. Medio século de maiorías absolutas do SITC non xorde por casualidade.
Un fenómeno novo que se observa na fábrica é que existen persoas que non se consolidan, pero porque eles mesmos deciden non consolidarse e buscar traballo noutros lugares. Isto é así?
Si, é absolutamente así.
E a que o atribúes?
A que as condicións de traballo son tan malas e o salario tan pequeno que o normal é tratar de buscar outro emprego que che ofreza mellores condicións. A día de hoxe Stellantis Vigo no ten o máis mínimo atractivo laboral
Que perspectivas realistas ten a CUT para as vindeiras eleccións?
Afrontámolas con ilusión. Consideramos que o nos traballo constante en defensa dos intereses dos traballadores e traballadores penetrou na conciencia colectiva e agardo que así se reflicta nos resultados. Si quixera aproveitar a oportunidade das vosas páxinas para animar aos compañeiros e compañeiras da fábrica a que voten, que voten con liberdade e que voten sen medo.
Rematamos Vítor cunha cuestión allea á empresa: No 2027 teredes congreso da CUT, vas ser o próximo Secretario Xeral?
Eu prefiro que non. Hai debate si, pero a min gustaríame seguir en Citroën. Eu son un sindicalista de fábrica. Non sei o que pasará no noso congreso pero a min gustaríame que cando haxa relevo na secretaría xeral, a persoa que asuma a máxima responsabilidade fose unha muller.

Primer comentario